Empresas e grupos de investigación participan nos Premios Spin-Off PuntoGal

O xurado inicia as deliberacións para elixir aos gañadores da IV edición destes galardóns

O prazo para a presentación de candidaturas aos Premios Spin-Off PuntoGal concluiu onte e nas próximas semanas o xurado realizará as súas deliberacións para elixir aos gañadores nas tres categorías dos premios: Idea Emerxente, Grupos de Investigación e Selo de Calidade. Preto de quince empresas e grupos presentaron as súas candidaturas a uns galardóns que distinguirán ás iniciativas relacionadas coas universidades galegas que destaquen pola súa capacidade innovadora.

O xurado terá que avaliar nas próximas semanas candidaturas de gran calidade de empresas e grupos de sectores moi diversos coma a enxeñería informática, a biotecnoloxía, a xestión de residuos, a produción agropecuaria, a investigación sanitaria ou a realidade virtual entre outros. O vínculo que existe entre todas elas é a aposta decidida pola innovación e o talento para conseguir os seus obxectivos empresariales ou de investigación.

Pese ao difícil momento que vive o sector empresarial e investigador pola crise do Covid-19, a convocatoria dos premios espertou un gran interese tanto na comunidade universitaria como entre as empresas innovadoras galegas. A cantidade e calidade das propostas achegadas son a mellor proba do eco que obtivo a convocatoria destes galardóns. Nas próximas semanas se publicarán en GCiencia reportaxes sobre as candidaturas que participan nesta edición.

O obxectivo dos premios (nos que colaboran O Dominio PuntoGal e  GCiencia) é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente.

Na edición deste ano introdúcese unha novidade coa nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das Universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.

Nesta edición dos premios creouse unha nova categoría para recoñecer o traballo dos grupos de investigación nas universidades galegas

Nesta edición, o xurado dos premios Spin-Off PuntoGal está formado polas investigadoras María José Rodríguez Malmierca, Edita de Lorenzo e Sonia Martínez Arca, ademais da CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e o xefe de servicio de Planificación e Estruturación Universitaria da Xunta, Faustino Infante Roura.

O xurado realizará as súas deliberacións durante o mes de outubro e os finalistas e gañadores nas diversas categorías se darán a coñecer unha vez concluído o debate entre os membros do xurado. O acto de entrega de premios celebrárase antes de que finalice o ano nunha das principais cidades galegas.

O Dominio PuntoGal, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia, asóciase a Gciencia como co-organizador e patrocinador principal duns galardóns que levarán dende agora o seu nome, como mostra clara do seu compromiso co proxecto. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas Universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país.

Nesa liña, xunto coas categorías xa existentes de anteriores edicións, PuntoGal apostou por engadir unha nova de Grupo de investigación, ademais de reforzar algúns criterios na concesión dos premios como a utilización do galego ou a presenza de mulleres nos grupos ou empresas candidatas. PuntoGal, con máis de 5.400 dominios rexistrados, é patrocinador oficial das seleccións galegas de fútbol gaélico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Neutron Insights, revolucionar a radiografía industrial despois de dúas décadas de estudo

A spin-off da USC obtivo o galardón á mellor Idea Emerxente nos VIII Premios GCiencia Galicia Spin-Off

▪️ GCiencia convoca a oitava edición dos premios Galicia Spin-off

Os galardóns, creados en 2015, recoñecen as mellores iniciativas empresariais xurdidas desde o ámbito da universidade

A tecnoloxía e a perda de valores: somos responsables?

A misión da enxeñaría é resolver problemas e, deste xeito, mellorando a...

Hifas da Terra, Saega e Grupo LIA (2) reciben os premios Spin-Off PuntoGal de GCiencia

A alcaldesa de Santiago, o presidente da RACG e representantes das universidades galegas estiveron entre as autoridades que asistiron ao acto