A imaxe amosa un atril colocado sobre unha caixa de bebida gasosa onde se apoia Erwin Schrödinger, un dos máis célebres físicos da historia. E a caixa, unha caixa como a que contén o célebre gato vivo e morto ao mesmo tempo co que explicou a teoría da mecánica cuántica, leva gravada a palabra Santiago. É a fotografía que dá conta da visita do científico á capital de Galicia en 1934, un ano despois de recibir o Premio Nobel de Física en 1933 xunto a Paul Dirac. Na visita con motivo do XIV Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, e convidado por outro relevante científico, Blas Cabrera, Schrödinger ofreceu unha conferencia sobre mecánica ondulatoria, recollida polos xornais no seu momento. Aquela foi, segundo o historiador Ricardo Gurriarán, a primeira visita dun Nobel á Universidade compostelá.
Aquel congreso enmarcábase na grande actividade académica intelectual da USC neses anos, impulsada en boa parte durante a etapa do reitor Cadarso, e que se estendería ata o golpe de Estado de 1936 e a posterior represión, cando se tronzou a carreira de numerosos investigadores. A listaxe de nomes presentes no congreso no que participou Schrödinger é ben salientable: Ortega y Gasset, Otero Pedrayo, Blas Cabrera ou Manuel Lora Tamayo estiveron presentes nestes días, nos que se sucederon numerosos actos. Segundo explicou Gurriarán, o evento, que se ía clausurar na semana que comezaba o 6 de agosto, tiña previstos máis actos na Coruña e Vigo. Pero non chegou ao seu fin.
O accidente
O domingo 5 de agosto, despois dunha misa solemne na Catedral de Santiago, unha importante comitiva de asistentes ao congreso participou nunha visita aos pazos de Santa Cruz de Rivadulla e Oca, situados a cadansúa marxe do río Ulla. Calcúlase que numerosos turismos e autobuses levaron a uns 250 congresistas ata o val do Ulla. Segundo Juan Fernández, autor dun libro sobre a historia do pazo, os congresistas dividíronse en dous grupos, e o máis numeroso chegou a Oca. Alí foron convidados a un aperitivo e obsequiados coas cancións da coral Airiños da Ulla. Ante a importante afluencia de persoas, conta Fernández que o anfitrión do pazo advertiu, xusto antes do fatal accidente, de que non se xuntasen tantas persoas no salón polo risco de que o chan de madeira non resistise. E así foi: o piso derrubouse xerando unha enorme confusión, con persoas gravemente feridas, amoreadas e mesturadas coa propia estrutura do pazo.
O parte do sinistro deixou unha muller falecida, a profesora Luisa Gómez Fernández, da escola Normal de Vitoria, e preto de medio cento de feridos. Un dos máis graves foi Manuel Lora Tamayo, posteriormente presidente do CSIC e ministro de Educación e Ciencia na ditadura franquista, que sufriu unha amputación na perna dereita. Non se sabe con certeza se o Nobel Schrödinger presenciou o accidente, pero polo menos non consta na lista de feridos.
Ante a magnitude da traxedia, que desencadeou unha frenética actividade médica para atender aos feridos, tanto no propio lugar como na cidade de Santiago, o congreso non continuou. Outra das anécdotas que se derivou do accidente foi a doble suspensión das conferencias que ía impartir José Ortega y Gasset. Un retraso na súa viaxe desde Madrid impediu a charla que ía dar na Coruña, e o accidente cancelou tamén a que ía impartir en Compostela.
Segundo lembra Iolanda Casal no portal Cultura Galega, Erwin Schrödinger abandonou Galicia rumbo a Santander, e daría outras seis conferencias no territorio español. Regresaría en 1935 a España nunha viaxe de 8.000 quilómetros nun BMW xunto á súa esposa, coa que percorreu a Península Ibérica de norte a sur, pero sen parar en Galicia.
Como tantos outros científicos, Schrödinger viuse na obriga de deixar Alemaña pola chegada ao poder de Hitler. Traballaba en Berlín, onde sucedera a Max Planck na Universidade Humboldt, pero a escalada de odio nacionalsocialista levouno a abandonar o país no mesmo ano no que foi galardoado co premio Nobel. Traballou un tempo na Universidade de Graz, no seu país natal, pero a anexión do país por parte do Terceiro Reich provocou de novo a súa marcha en 1938. Estableceuse, tras un breve paso por Bélxica e Oxford, en Dublín, onde permanecería ata a súa xubilación en 1955.
O seu relevante traballo arredor da teoría atómica, equiparado en importancia ás leis de Newton para a mecánica clásica, marcou sen dúbida as investigacións sobre a física de partículas que se desenvolveron durante os séculos XX e XXI. Pode que o propio Schrödinger quedase tamén marcado ata o seu falecemento, en 1961, polo suceso do Pazo de Oca, se é que chegou a presencialo. Ou non, quen sabe. Con estas cousas nunca se sabe, como lle pasa ao seu célebre gato.