Mércores 24 Abril 2024

Novas claves na detección temperá do cancro de vexiga nun estudo con presenza galega

Sonia Zumalave e José Tubío participan nun artigo que atopa mutacións en tecido san que poden anticipar a aparición de tumores

Que pasa no código xenético de cada persoa para que o avellentamento vaia sendo cada vez máis visible, ou acabe desenvolvendo un cancro, ou calquera outra patoloxía? A pregunta que miles de científicos levan moito tempo intentando resolver acaba de dar un relevante paso, canto menos no referente á vexiga, coa investigación que este xoves publica a revista Science, e que conta coa participación dos investigadores galegos Sonia Zumalave e José Tubío, do CiMUS de Santiago de Compostela. Trátase dun proxecto liderado por Íñigo Martincorena, do Instituto Sanger, que demostra a presenza de mutacións características de tumores en tecidos da vexiga de persoas sas, e que a frecuencia das mesmas está directamente relacionada con hábitos de vida como o tabaquismo”.

Segundo salienta Zumalave, unha das claves deste traballo reside nos avances técnicos acadados polo equipo de Martincorena, que permiten estudar mediante microbiopsias o tecido san, cando ata hai moi pouco tempo só se podían observar con este nivel de detalle as zonas do xenoma alteradas por mor de tumores: “Dalgunha maneira, só podiamos ler o que pasaba se había unha expansión clonal, como é o caso dos cancros, e o tecido san permanecía ilexible, opaco, polo que non se podía observar”, explica a científica galega, que estaba realizando unha estadía no Instituto Sanger que quedou suspendida pola pandemia da Covid-19, e agarda retomala nos vindeiros meses.

Publicidade

Retrotransposóns

A publicación deste artigo supón outro paso importante no grupo de Xenomas e Enfermidade (Genomes and Disease), con base no centro de investigación da USC, despois de que a comezos de ano liderase un importante traballo sobre o papel dos xenomas móbiles no cancro.

Como xa acontecera na citada investigación, Zumalave e Tubío abordaron o papel dos retrotransposóns, rexións do ADN ás que ata datas moi recentes non se lles prestou atención, xa que se consideraban unha especie de refugallo sen unha función relevante. Como explicaba hai uns meses José Tubío, “puxémonos a buscar no lixo e atopamos ouro”. Para analizar a influencia destes fragmentos do ADN, o equipo desenvolveu algoritmos bioinformáticos que, coa secuenciación masiva de ADN, permiten analizar un enorme volume de datos xenómicos. Así, desde o CiMUS analizáronse para o traballo que publica Science as mutacións causadas polos retrotransposóns en 15 pacientes sans que se producen no urotelio, o tecido que cobre a vexiga, e que se desenvolven ao longo da vida sen que causen ningún tipo de patoloxía. Como os avances tecnolóxicos acadados permiten agora detectar potenciais mutacións cancerosas en tecidos ‘normais‘, é posible achegarse a unha nova visión das fases temperás do cancro e aumenta a posibilidade de deseñar estratexias de detección e tratamento.

Equipo de Xenomas e Enfermidade do CiMUS. Foto: genomesdisease.tech.
Equipo de Xenomas e Enfermidade do CiMUS. Foto: genomesdisease.tech.

Cancro, tabaquismo e outros factores

En determinadas ocasións, estas mutacións poden inducir a aparición de tumores. Foi neste punto onde se abre a pregunta sobre cales son eses factores detrás destas mutacións daniñas, e onde se produciu o relevante achado acadado no novo traballo.

Así, descríbese un novo mecanismo de mutación que se produce cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral, causando unha perda importante de material xenético implicado no funcionamento normal da célula. Esta perda de información facilita, deste xeito, os procesos de crecemento celular descontrolado que causan a aparición de tumores. “Aínda que é infrecuente, a evidencia de mobilización destes xenes en tecido san suxire que este proceso podería ser relevante non só en cancro, senón tamén en envellecemento e outras enfermidades“, salienta Sonia Zumalave.

Esta liña de traballo, tamén moi prometedora, segundo destaca a investigadora, centra na actualidade os seus esforzos. “Aínda hai preguntas por responder sobre esta mobilización dos retrotransposóns. Queremos caracterizar a súa actividade en distintos tipos de tecido san, estudar o seu impacto funcional e correlacionar a súa actividade con hábitos de vida e condicionantes de xénero ou idade”.

Na mesma liña fala o autor principal do traballo, Íñigo Martincorena, quen destaca que o  estudo “revela un panorama inesperadamente rico en canto a mutacións e á selección nos tecidos normais de vexiga, con grandes diferenzas entre individuos, en boa parte debido á nosa exposición diaria a diversos factores”. A posibilidade de detectar estes matices é, por tanto, unha gran ferramenta, en palabras de Marticorena, para “botar luz sobre as orixes do cancro” e “abrir cuestións sobre o posible papel destas mutacións no envellecemento e outras doenzas”.

Segundo explica Andrew Lawson, primeiro autor do estudo, e tamén investigador en Cambridge, “unha das preguntas que buscamos responder é por que os tumores de vexiga teñen unha das máis altas taxas de mutación de todos os tipos de cancro”. Así, a ampla variedade de mutacións atopada entre cada paciente pode ser consistente coa variedade de factores que inflúen na aparición do cancro de vexiga, o que abre a porta a vindeiros estudos que poidan descubrir causas ocultas na xénese destes tumores.

Este novo traballo identificou unha sinatura mutacional asociada directamente co tabaquismo, o que explica as causas de que o tabaco sexa un dos factores de risco na aparición desta patoloxía. Explican os científicos que aínda que o fume do tabaco non entra en contacto coa vexiga, os compostos químicos permanecen no organismo, fíltranse aos riles e acaban en contacto coa vexiga a través dos ouriños. A interacción destes compostos co material xenético pode inducir, por tanto, as mutacións desencadeantes dos procesos tumorais.

Entre outros detalles, os autores do traballo atoparon que mutacións en xenes clave na aparición do cancro, como TP53, FGFR3 e TERT, que estaban ausentes nos tecidos normais a pesar do alto número de mutacións, pero que comezaban a aparecer como sinal de que a enfermidade xa comezara no caso dos pacientes afectados polos tumores.

Thomas Mitchell, outro dos autores do Instituto Sanger, engade que “o diagnóstico temperán do cancro de vexiga dálle ao paciente unha probabilidade maior de superviviencia”, xa que a presenza de mutacións en xenes clave, e que de forma xeral están ausentes en tecido normal, ofrecen a posibilidade, segundo explica Sonia Zumalave, “de facer, por exemplo, biopsias líquidas nos ouriños e desenvolver cribados poboacionais para a detección temperá”. “A carga mutacional resultou moi variable entre individuos, o que parece reflectir a interacción entre xenética e distintos hábitos de vida como o tabaquismo”, explica Sonia Zumalave. Deste xeito, engade a científica, “afondar nesta cuestión permitirá unha mellora nos métodos de diagnóstico temperán do cancro de vexiga”.


Referencia: Extensive heterogeneity in somatic mutation and selection in the human bladder (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade