Domingo 13 Outubro 2024

Dous estudos reafirman que as vacinas son efectivas contra as variantes do SARS-CoV-2

Un equipo do Instituto de Saúde Carlos III defende que a resposta inmunitaria é o bastante potente como para protexer tamén contra ómicron

Dous estudos publicados por investigadores do Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) apoian a idea de que a resposta inmunitaria dos linfocitos T citotóxicos xerada polas actuais vacinas é o bastante potente e variada como para responder de maneira efectiva contra as diferentes variantes do virus. Ademais, o segundo artigo, que acaba de publicarse, suxire que a protección inmunitaria celular citotóxica e auxiliar xerada polas vacinas dispoñibles non se ve afectada pola variante ómicron.

A eficacia das vacinas contra as cepas emerxentes actuais e futuras do SARS-CoV-2 é fundamental para o control da covid-19, non só no plano clínico, senón tamén como vía para unha mellor protección social e recuperación económica contra a pandemia. As formulacións actuais de todas as vacinas fronte á covid-19 baséanse na secuencia de proteína da espícula orixinal da cepa denominada ‘Wuhan-1’, pero continuamente e cada vez máis detéctanse novas variantes e subvariantes do SARS-CoV-2 que acumulan mutacións fronte a esta cepa orixinal.

Publicidade

Cambios na secuencia

Os cambios que se van producindo na secuencia de aminoácidos da proteína da espícula presente nos virus poden afectar a varias etapas do seu ciclo replicativo e, potencialmente, poderían modificar a eficacia da resposta inmunitaria. O artigo publicado esta semana analizou o posible impacto das mutacións presentes na variante ómicron que poderían facilitar o escape do virus das respostas inmunitarias citotóxicas e auxiliares xeradas polas vacinas, en concreto as asociadas aos 551 alelos de HLA clase I e aos 41
alelos de HLA clase II máis abundantes na poboación humana.

Estes alelos do Sistema do Antíxeno Leucocitario Humano (HLA), que xera diferentes
proteínas, son un indicador da capacidade do sistema inmunitario de desencadear
unha resposta defensiva potente contra o virus. Grazas a unha predición computacional, o novo estudo confirmou algo que xa suxería o traballo publicado en decembro: estes case 600 alelos, presentes en máis do 90% da poboación humana, conteñen suficientes epítopos de células T sen mutacións de escape ás vacinas na variante ómicron.

Publicidade

Eficacia nas distintas variantes

O artigo anterior, levado a cabo antes da aparición da variante ómicron, centrou o seu
estudo nos 551 alelos HLA clase I e chegou a unha conclusión similar analizando
outras variantes previas do SARS-CoV-2. As conclusións son claras: para o conxunto da poboación mundial, non hai evidencias de que a protección mediada pola resposta celular citotóxica xerada coa vacinación se vexa afectada de maneira significativa polas
variantes emerxentes do SARS-CoV-2.

O SARS-CoV-2 tería que mutar moitísimo máis do que o está facendo e de maneira moi distinta á observada para expor un posible escenario no que as vacinas non ofrecesen unha boa protección

Segundo explican os autores, o SARS-CoV-2 tería que mutar moitísimo máis do
que o está facendo ata o momento, e de maneira moi distinta á observada, para expor un posible escenario no que as vacinas non ofrecesen unha boa protección mediada pola resposta inmune celular. En todo caso, a vixilancia que se está facendo das variantes é fundamental, tal e como se viu con ómicron, cuxa influencia se continúa estudando para coñecer aínda mellor o seu comportamento.

As investigacións

Ambas as investigacións publicáronse na revista Frontiers in Immunology. As
investigacións —a primeira levada a cabo con datos do primeiro semestre do ano
pasado— está asinada por Francisco Dez-Fortes, Michael J. McConnell, Antonio
J. Martin-Galiano e Daniel López, todos eles científicos do CNM-ISCIII, mentres que a segunda publicación, realizada integramente por Daniel López, analizou datos dos últimos meses do ano 2021.


Referencias: 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias