Un estudo demostra que as vacinas contra a Covid-19 non causan infertilidade

Os resultados da investigación, levada a cabo en Estados Unidos, apuntan a unha redución temporal da fecundidade en homes que pasaron a infección

Os efectos secundarios das vacinas contra a Covid-19 seguen alimentando o debate público. A dúbida seméntase, sobre todo, naqueles que se poidan desenvolver a longo prazo. Non obstante, os últimos estudos científicos seguen revelando a eficacia e a seguridade das vacinas. De feito, unha recente investigación levada a cabo na Universidade de Boston demostra que as inxeccións contra o coronavirus non causan infertilidade en ningún dos membros da parella. Pola contra, os homes que pasaron a infección por Covid-19 si experimentaron unha redución temporal da fertilidade.

A proteína AC2

O estudo, que acaba de ser publicado na revista American Journal of Epidemiology, analizou a posible relación entre a perda de fecundidade e a vacinación contra a Covid-19, tendo en conta as inxeccións de Pfizer, Moderna e Janssen. E os resultados demostran que non existe unha asociación. A este respecto, a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González explica o seguinte: “Paréceme moi difícil e moi estraño que a vacina poida provocar esterilidade. É máis plausible que se xere a raíz da infección, pero precísanse máis estudos”.

Publicidade

“A posibilidade de que a Covid-19 puidese provocar infertilidade nos homes xa se barallou dende o principio. Chamou moito a atención que nos testículos se expresasen moito uns receptores para o virus, a famosa proteína AC2. Aí estaría o risco de que a infección puidera producir infertilidade”, sinalou a científica da UVigo. Con todo, ela reclama máis estudos para corroboralo, posto que ao igual que nos testículos, existen receptores noutras partes do noso organismo. “A infección podería producir esterilidade dende o momento en que ten receptores para poder entrar. É dicir, o virus pode infectar esas células e destruílas”, aclara a investigadora.

“A infección podería producir esterilidade dende o momento en que os testículos teñen receptores do virus, pero fan falla máis estudos”

Pola contra, González cre que as posibilidades de que a vacina xere infertilidade son moi baixas, tal e como demostra o estudo que acaba de ser publicado. “A vacina está introducindo unha proteína do virus e ti respondes fronte a ela. Así é como impides que se una aos receptores que temos no noso organismo. Que, no caso dos homes, tamén están nos testículos”, detalla a inmunóloga. Polo tanto, as opcións que baralla a experta da UVigo van encamiñadas aos resultados que se extraen da investigación desenvolvida na Universidade de Boston.

Publicidade

Seguimento de 2.000 mulleres

O equipo que levou a cabo a investigación, coa doutora Amelia Wesselink como primeira asinante, fixo un seguimento a 2.126 mulleres de Estados Unidos e Canadá e ás súas parellas, que estaban intentando ter fillos. O rastrexo dos datos comezou na etapa de preconcepción, en decembro de 2020, ata os meses posteriores ao parto, ata novembro de 2021. Un dos resultados principais é que as taxas de fertilidade entre as participantes femininas que recibiron polo menos unha dose da vacina foron case idénticas ás das participantes femininas non vacinadas.

A este respecto, a fecundidade foi similar para as parellas masculinas que recibiran polo menos dúas doses da vacina contra a Covid-19 en comparación con aqueles homes que non se vacinaran. Non obstante, os homes que deron positivo por Covid-19 dentro dos 60 días dun ciclo determinado tiveron unha fertilidade reducida en comparación cos homes que nunca deran positivo ou os homes que deran positivo polo menos 60 días antes. Segundo informan dende o portal Eurekalert, os datos apoian investigacións anteriores que vinculaban a infección por coronavirus en homes cunha mala calidade do esperma e outras disfuncións reprodutivas.


Referencia: A prospective cohort study of COVID-19 vaccination, 2 infection, and fertility. (Publicado en American Journal of Epidemiology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Zendal completa a vacinación de máis de 7.000 bebés no ensaio da súa vacina contra a tuberculose

O proxecto internacional avaliará se MTBVAC protexe mellor fronte á enfermidade en comparanción con BCG, a única aprobada actualmente para vacinar os recentemente nados

Unha vacina contra o melanoma? Que hai realmente detrás do anuncio de Merck e Moderna

Aínda non se coñecen os resultados completos da fase III do ensaio no que participaron máis de 1.000 persoas. Por Cristina Penas Lago

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

Unha vacina do rotavirus na infancia podería previr cancros gastrointestinais na idade adulta

Unha investigación do IDIS formula a hipótese de que unha vacina contra a infección, que causa o 5% das mortes infantís globais, podería reducir o risco de contraer cáncer no estómago, páncreas e colon