A incerteza está a ser unha situación constante desde hai xa máis dun ano, cando medio mundo ficou desconcertado e pechado na casa diante dunha pandemia sen precedentes na vida de moitas persoas. 124 millóns de casos e 2,72 millóns de mortes despois, a Covid-19 sigue suxeita ás incógnitas, con infinidade de variables en xogo. A aceleración das campañas de vacinación amosan un raio de esperanza, sobre todo na poboación máis vulnerable, pero os primeiros sinais dunha nova onda, a cuarta en moitos países, preocupan ás autoridades sanitarias e a cidadanía. Europa vive, de novo, unha escalada de restricións en Francia ou Alemaña, mentres que os países máis golpeados na terceira onda, como Reino Unido, Portugal ou España, manteñen nestas semanas niveis máis baixos por mor do mantemento das limitacións durante xaneiro e febreiro.
Galicia, como aconteceu durante practicamente toda a pandemia, mantense cunha incidencia menor cá do conxunto do territorio estatal. Este luns, os datos do Ministerio de Sanidad (suxeitos a posibles revisións por mor da ponte festiva de San Xosé), contabilizábanse 76,13 casos/100000 habitantes nos últimos 14 días (128,71 na media estatal) e 35,34 nos últimos sete (62,53 no conxunto de España). Isto tradúcese en algo máis de 2000 casos notificados desde o 8 de marzo. Mantense, deste xeito, unha chaira despois do notable descenso da segunda metade de febreiro e comezos de marzo.
A chaira que non baixa
Os novos casos detectados cada día en Galicia mantéñense por riba dos 100, malia que a positividade se mantén por baixo do 3%, limiar recomendado pola OMS para garantir un control efectivo da pandemia. Isto supón que se realizan diariamente máis de 6000 probas diagnósticas nas últimas semanas. Esta chaira provoca que os casos activos se manteñan nunha tendencia descendente, pero cada vez máis tenue, estabilizándose nos últimos días na contorna dos 2500.
A preocupación en Europa pola propagación de variantes do SARS-CoV-2 cunha maior transmisibilidade tamén se observa en Galicia. Segundo as últimas análises do proxecto Epicovigal, que realiza a vixilancia xenómica do virus, un 91,8% das 104 mostras analizadas entre o 22 e o 28 de febreiro corresponden á variante B.1.1.7, vinculada ao aumento rápido da terceira onda en varios países.
A variante B.1.1.7 representa xa máis do 90% das mostras analizadas nas últimas semanas en Galicia
Porén, a redución de casos en boa parte do territorio é patente. Nos últimos 14 días, 133 dos 313 concellos galegos non rexistraron ningún positivo. Na última semana, a cifra ascende a 180. E cada vez son menos os municipios con indicadores de risco alto. Só Silleda, cun gromo de 50 casos na residencia Coviastec, Vilardevós e Beade superan os 500 casos/100000 habitantes a 14 días. Entre 250 e 500 están Cortegada, Maside, Ortigueira e Neda, e outra vintena de concellos (entre os que se atopa a cidade da Coruña), superan a incidencia de 150 nas últimas dúas semanas.
Pola outra banda, a meirande parte da provincia de Ourense e o leste de Lugo mantéñense cos seus municipios libres de Covid-19.
Así está o mapa:
E así é a comparación co pasado día 14:
A carga asistencial nos hospitais continúa en descenso. Mais mantense por riba de comezos do outono, antes da subida da segunda onda. A área da Coruña, con máis dun terzo dos ingresos en unidades de hospitalización e UCIs, mantense tamén como a máis afectada neste indicador.
En canto aos falecementos, súmanse ata a tarde do luns 2321 persoas vítimas da Covid-19 en Galicia. Máis de 900 finaron nos primeiros tres meses de 2021, que coincidiron coa terceira onda, a máis grave ata o momento no territorio galego.
Comité clínico
Este martes pola tarde reúnese de novo o comité clínico, que podería avanzar algún cambio no mapa de restricións vixentes neste momento en Galicia, con catro niveis en función da situación epidemiolóxica. Agora mesmo, Maside, Paradela e Vilardevós sitúanse no nivel máximo; Arteixo, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Sobrado están no nivel alto; A Coruña, Bergondo, Boimorto, Chantada, Coles, Culleredo, Guitiriz, Laxe, Mugardos, Pantón, Ponteceso, Sober, Soutomaior e Valdoviño, no nivel medio; e o resto dos concellos, en nivel medio baixo.
Esta nova desescalada rexerá, canto menos, ata comezos da semana que vén, cando a Xunta revisará a evolución da pandemia antes da festividade da Semana Santa.
Así será a nova desescalada: volta aos catro niveis previos á terceira onda