Publicidade

Un estudo constata as consecuencias do confinamento no benestar físico

O investigador Carlos Ayán, da UVigo, deseñou unha investigación que expón o impacto do peche na actividade física, a calidade do sono ou o peso

Unha investigación desenvolvida por investigadores de varias universidades españolas, e coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Carlos Ayán, confirma as percepcións que moitas persoas manifestaron durante o confinamento estrito durante a primavera por mor da pandemia da Covid-19: o peche nas vivendas repercutiu negativamente no benestar físico, alterando a calidade do sono, o peso e a capacidade física de boa parte das persoas.

O estudo, realizado a través dunha enquisa dixital a persoas adultas, en boa parte estudantes universitarios, maioritariamente activas antes do confinamento. En primeiro termo, realizouse unha enquisa na primeira semana do estado de alarma en marzo e, posteriormente, repetiuse a mesma despois de 48 días de confinamento domiciliario.

Publicidade

Resultados

Os resultados amosaron unha diminución xeral da actividade física, unha ganancia de peso corporal e un empeoramento da calidade do sono e o benestar. A porcentaxe de persoas inactivas aumentou do 13,8 ao 26,6%, e a de problemas do sono pasou do 63,4 ao 75,2%. Unha segunda análise constatou que as persoas fisicamente activas antes do confinamento sufriron unha maior diminución da calidade do sono, a actividade física e o benestar. Porén, o risco de desordes alimentarias aumentou en maior medida nas persoas fisicamente inactivas.

Os autores do traballo apuntan que este tipo de investigacións terán que valorarse á hora de decretar posibles novos confinamentos, no marco do aumento de casos de coronavirus e o risco sanitario crecente. “Impedir a práctica de actividade física durante un confinamento ten consecuencias negativas para a saúde da poboación, e este impacto é de moita maior magnitude naquelas persoas que no seu día a día son fisicamente activas”, salienta, segundo recolle o Duvi, Carlos Ayán, que tamén é investigador do grupo Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.

Publicidade

O estudo, deseñado por Ayán e levado a cabo xunto cos investigadores Óscar Martínez de Quel, da Complutense; David Suárez-Iglesias, da Universidad de León, e Marcos López-Flores, da Universidad Isabel I, destaca por tanto que o impacto do confinamento domiciliario foi “moito máis negativo” naquelas persoas fisicamente activas ao inicio da investigación, o 86% da mostra.

“O estudo xurdiu porque persoalmente pensaba que algunhas medidas tomadas durante o confinamento, como por exemplo impedir a práctica de actividade física ao aire libre, de maneira individual e mantendo a distancia de seguridade, poderían ser contraproducentes”, salienta Ayán. Nese senso, o investigador sinala os efectos negativos para a saúde física e mental que implica un confinamento como algo que, no momento actual, está téndose en conta polos responsables públicos, xa que “pese ás restricións, que cada vez son maiores, permítese a actividade física nas condicións anteriormente mencionadas”.

Alén disto, Ayán expón algunhas limitacións do estudo, xa que a pesar da “boa taxa de resposta inicial” acadada, só unha terceira parte da mostra completou o cuestionario final, realizado tras 48 días de confinamento, limitando, como recoñece Ayán, algunhas das conclusións extraídas da análise dos datos.

Nunha segunda análise, “na que comparamos a calidade do sono e os desordes alimenticios, ademais da propia actividade física” permitiu aos investigadores observar “unha clara redución dos niveis de actividade física nas persoas clasificadas como activas antes do confinamento”, un cambio que non se observou, engade este docente, “na parte da mostra que era inactiva”. Do mesmo xeito, se ben houbo “un empeoramento xeneralizado na calidade do sono e nos hábitos alimenticios, foron as persoas inicialmente activas as que experimentaron un impacto máis negativo” nestes eidos.


Referencia: Physical activity, dietary habits and sleep quality before and during COVID-19 lockdown: A longitudinal study (Publicado en Appetite).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cronoloxía dun confinamento: os días clave da pandemia que paralizou o mundo

O 14 de marzo de 2020 decretouse o Estado de Alarma en España e comezou un período de illamento estrito de dous meses

Comer rápido aforra tempo, pero afecta á saúde: así o fai

Distintos estudos sinalan unha forte relación entre a velocidade á que comemos e factores de risco cardiovascular e un aumento das probabilidades de padecer sobrepeso

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos

Confirmado: a actividade física no embarazo beneficia a nai e o bebé

Investigadores españois probaron que o exercicio reduce nun 21% o risco de cesárea e ata un 20% o de incontinencia urinaria