Sábado 20 Abril 2024

Un equipo do CSIC identifica o mecanismo polo cal o Zika causa microcefalia

Científicos do Instituto de Bioloxía Molecular de Barcelona describen como a proteína NS5 interrompe o crecemento normal do cerebro

Aínda que a actualidade sanitaria en boa parte do planeta está copada polo coronavirus SARS-CoV-2 e a pandemia da enfermidade que causa, a Covid-19, a ciencia segue enfrontándose a outros patóxenos que todos os anos afectan a millóns de persoas e causan a morte de miles. Un dos virus que máis preocupan nos últimos anos é o do Zika, descuberto a mediados do século XX en África e estendido na actualidade ao sueste asiático e América do Sur, onde acadou niveis preocupantes de infeccións nos últimos anos.

Un dos problemas que causa o virus, que usa como vector mosquitos do xénero Aedes, son as alteracións no desenvolvemento do sistema nervioso do feto en mulleres embarazadas, o que pode desembocar en microcefalia. As claves deste problema, e con elas, as investigacións para poder solucionalo, poden estar máis preto grazas ao traballo dun equipo de científicos do Instituto de Bioloxía Molecular de Barcelona, (IBMB-CSIC), entre os que está o galego José Manuel Blanco Ameijeiras, identificou o mecanismo polo cal o Zika causa as malformacións como a microcefalia.

Publicidade

Os resultados do estudo, publicados na revista Cell Stem Cell, revelan que é a proteína polimerase NS5 do virus -a proteína encargada de replicar o xenoma viral- a causante das distintas malformacións. O achado permitiría o deseño de axentes antivirais moi específicos.

No artigo descríbese como a proteína NS5 interacciona co cilio primario do tecido nervioso do embrión, un orgánulo que se atopa en todas as células nai do tecido nervioso do feto. “Cada célula proxenitora neural posúe un cilio primario, que capta os sinais físicos e factores de crecemento indispensables para xerar novas células nai, esenciais para asegurar o desenvolvemento normal do cerebro“, explica a investigadora Murielle Saade, primeira autora do traballo. Este cilio primario é indispensable para captar os sinais que conducen a un correcto desenvolvemento.

“No noso traballo estudamos o sistema nervioso central. Mediante experimentos in vivo en embrións de pito”, explica Elisa Martí, outra das asinantes do traballo. “Descubrimos que a polimerase NS5 únese e destrúe as proteínas necesarias para a formación do cilio primario das células nai embrionarias do tecido nervioso, o que conduce á xeración anticipada de neuronas e, á súa vez, interrompe o crecemento do cerebro do feto”, engade.

Para o traballo estrutural, explica Diego S. Ferrero, tamén partícipe da investigación, “analizamos a estrutura atómica da polimerase viral, e observamos que a proteína é capaz de ensamblar múltiples copias dela mesma”. “Identificamos a rexión da proteína implicada na súa autoensamblaxe”, engade a investigadora do CSIC Nuria Verdaguer, “rexión que se demostrou esencial para a saída da polimerasa do núcleo celular e a súa localización na base do cilio primario”.

O virus do Zika

A infección causada polo virus do Zika, que na maioría de persoas pode ser leve ou asintomática, afecta especialmente ás embarazadas, xa que a través da placenta poden transmitir o virus aos seus fetos. Neste caso, a infección pode causar microcefalia e outras malformacións conxénitas.

Desde hai anos, por mor do quecemento global, a urbanización e a maior mobilidade da poboación, preocupa a súa propagación, e a previsión é que en 20 ou 30 anos preto do 50% da poboación mundial estará exposta a infeccións transmitidas polos mosquitos que actúan como vectores do Zika, o que o converte nunha ameaza de enorme envergadura.

Os autores deste traballo destacan a necesidade da investigación básica e multidisciplinar para evitar situacións similares á pandemia provocada por SARS-CoV-2. Os investigadores destacan, ademais, que “os logros da investigación básica susténtanse nun traballo continuado no tempo, que nunca debe ser interrompido se queremos vencer aos novos patóxenos”.

Como homenaxe a Santiago Ramón y Cajal, Premio Nobel de Medicina e un dos pioneiros na investigación das células do sistema nervioso, o equipo incluíuno entre os autores do artigo.


Referencia: Multimerization of Zika Virus-NS5 Causes Ciliopathy and Forces Premature Neurogenesis (Publicado en Cell Stem Cell).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte