A Xunta mantén o peche perimetral en 23 concellos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia, que permaneceu reunido ata a noite do martes, analizou a evolución epidemiolóxica dos últimos días

A Xunta de Galicia confirmou, pasadas as 22.30 horas do martes, que o peche perimetral das sete cidades e outros 16 concellos en vigor desde o pasado venres 30 de outubro se mantén nos vindeiros días. Tal e como contemplaba a orde do Diario Oficial de Galicia publicada o pasado venres, os 23 concellos seguirán ata o día 6 coas restricións de mobilidade para controlar a propagación do SARS-CoV-2. O comité “seguirá tomando decisións nos vindeiros días”, segundo expuxo Sanidade.

Este martes, como estaba previsto, volveu reunirse o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia, nunha reunión na que participou o presidente Alberto Núñez Feijoo. O pasado venres, ao anunciarse o peche nos concellos cunha maior incidencia do virus, onde tamén se prohibiron as reunións con persoas non conviventes, Sanidade anticipou que a medida tiña por obxectivo controlar a posible transmisión derivada do Día de Todos os Santos e Defuntos, nos que en Galicia se realizan un importante número de desprazamentos. Por este motivo, a prolongación das restricións estaba pendente da evolución e avaliación da situación epidemiolóxica realizada na tarde do martes.

Deste xeito, mantense o xa establecido un peche perimetral nos concellos de Vigo, A Coruña e Arteixo (en conxunto), Ourense e Barbadás (conxunto), Santiago, Ames e Teo (conxunto), Lugo, Pontevedra, Poio e Marín (conxunto), Ferrol, Narón, Neda e Fene (conxunto), O Carballiño, O Irixo e Boborás (conxunto), Vimianzo, e Verín, Oímbra e Vilardevós (conxunto). Ademais, tanto no Barco de Valdeorras como no resto de concellos da comarca do Carballiño (Beariz, San Cristovo de Cea, Maside, Piñor, Punxín e San Amaro), mantense a prohibición de reunións de persoas non conviventes.

Así está, por tanto, o mapa das limitacións establecidas en Galicia ata o vindeiro venres, cando se decidirá a modificación ou prolongación das mesmas.

Excepcións

O decreto do pasado 30 de outubro establece tamén excepcións nos peches perimetrais os desprazamentos adecuadamente xustificados por motivos de:

  • Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
  • Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
  • Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
  • Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
  • Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  • Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
  • Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
  • Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
  • Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
  • Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
  • Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado sábado, algúns dos concellos afectados polo peche perimetral (Vimianzo, Santiago de Compostela, Ames e Teo, e Ferrol, Narón, Fene e Neda), sitúanse, como outros municipios de Ourense tamén pechados, no nivel 3 de restricións. Nestes casos, establécese, entre outras, a prohibición de consumir no interior dos bares e cafeterías, e a redución ao 50% da capacidade en restaurantes, locais comerciais ou centros cívicos. Estas medidas rexen tamén nos concellos de Ourense, Barbadás, Verín, Oímbra, Vilardevós, O Carballiño, O Irixo e Boborás. No caso dos tres últimos concellos, mantense a limitación ás actividades esenciais.

No resto de Galicia, tanto nos municipios con peche perimetral como nos outros, establécese o nivel 2, con limitación das reunións a cinco persoas, agás no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como para o coidado de asistencia e coidado de persoas anciás, menores, con dependencia ou discapacidade.

Alén disto, mantense vixente o confinamento nocturno da poboación, entre as 23 horas e as 6 da mañá, vixente desde a declaración do estado de alarma en todo o territorio estatal. A partir do 9 de novembro, as comunidades autónomas poderán revisar esta medida, manténdoa, eliminándoa ou limitándoa a determinados territorios ou marxes temporais.

Por agora non se decidiu (aínda que algunhas declaracións dos responsables de Sanidade expoñían esa posibilidade), se o peche perimetral se aplicaría todas as fins de semana, para evitar os desprazamentos que se producen das cidades ao resto do territorio, nin o peche da comunidade, vixente na meirande parte das autonomías de España. E segue presente, ao mesmo tempo, a posibilidade dun novo confinamento domiciliario que xa decretaron algúns países europeos.

Situación actual

Nos últimos días, a situación preocupa sobre todo nas áreas de Vigo e Ferrol, onde está aumentando a incidencia, segundo se desprende da cifra de novos positivos e dos casos activos. Á espera dos datos de novos casos, que se difundirán na mañá do mércores, Sanidade informou de sete novos falecementos durante o martes, polo que a cifra total de óbitos por mor da Covid-19 desde marzo ascende a 951 en Galicia. Esta é a evolución dos casos activos.

A ocupación nos hospitais segue medrando, aínda que Galicia se mantén arredor do 7% de pacientes con coronavirus en camas de hospital e algo por riba do 11% no caso de UCI. Máis de 500 persoas están ingresadas estes días nos hospitais galegos por da infección que causa o SARS-CoV-2.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.