Moitas das súas causas seguen sendo un enigma, pero cada vez se sabe máis sobre o Alzheimer, unha doenza que vai ser un dos grandes problemas de saúde no mundo para o século XXI debido ao envellecemento da poboación. Unha das liñas de traballo está centrada na detección de sinais que poidan predicir a aparición da doenza para anticiparse aos seus posibles efectos. E científicos estadounidenses acaban de publicar un traballo no que expoñen que determinados biomarcadores amosan sinais ata 30 anos antes de que aparezan síntomas evidentes nos afectados.
O traballo, publicado en Frontiers in Aging Neuroscience, analizou os rexistros dun grupo de 290 persoas, composto en gran parte por persoas con maior risco de Alzheimer debido á historia familiar. Con estes datos na man, os científicos estudaron varios cambios biolóxicos e clínicos en relación ao Alzheimer nos participantes entre 1995 e 2013.
Ao final deste lapso de tempo, 81 dos participantes desenvolveran problemas cognitivos ou demencia, e os seus rexistros mostraron unha serie de diferenzas ao resto, como lixeiros cambios nas puntuacións das probas que medían os procesos de pensamento uns 11-15 anos antes.
O estudo suxire que se poderían usar algúns datos para avaliar o risco máis de 10 anos antes dos primeiros síntomas
Ao observaren os niveis de líquido cefalorraquídeo, os investigadores tamén atoparon aumentos na proteína tau (ligada ao Alzheimer). E usando a modelización por computador, estimaron que este aumento comezou unha media de 34,4 anos antes dos síntomas do Alzheimer nos pacientes, o que significa que esta análise podería supoñer un sistema de alerta precoz efectivo.
“O noso estudo suxire que se poderían utilizar imaxes cerebrais e análises de líquidos cerebro-espiñais para avaliar o risco de enfermidade de Alzheimer polo menos 10 anos ou máis antes de que se produzan os síntomas máis comúns, como o deterioro cognitivo leve”, afirma un dos investigadores, Laurent Younes, da universidade Johns Hopkins en Maryland.
Os científicos tamén tiveron acceso a resonancias magnéticas dos suxeitos analizados, os cales foron filtrados a través de algoritmos informáticos para detectar os cambios na anatomía cerebral que se correspondían cos patróns de devalo cognitivo.
Así, o equipo detectou lixeiras diminucións na taxa de cambio do tamaño do lóbulo temporal medial (unha rexión do cerebro relacionada coa xestión da memoria) entre tres e nove anos antes de que o deterioro cognitivo fose obvio.
Estas evidencias entroncan con traballos anteriores do mesmo equipo, nos que se usaron os mesmos métodos, nos que se atopara unha conexión entre os danos en tecidos no lobo temporal medial e un deterioro cognitivo leve.
En conxunto, isto fai que un amplo conxunto de biomarcadores que no futuro se poderían usar en diferentes etapas do diagnóstico con moitos anos de anticipo para axudar aos pacientes.
Non en tanto, no estudo sublíñase que é precisa unha análise máis profunda destes resultados para tirar conclusións e buscar relación sobre o significado destes achados. Destacan que o tamaño da mostra foi pequeno e que os cambios no cerebro poden variar en cada persoa, dificultando as xeneralizacións.
Aínda que hoxe en día o Alzheimer segue sendo unah doenza incurable, a ciencia avanza pouco a pouco no seu coñecemento e achega pistas sobre as súas causas, a súa evolución e os danos que produce no cerebro. Neste sentido, segundo subliña Michael Miller, outro dos autores deste estudo, “é posible ver varias medidas bioquímicas e anatómicas que cambian unha década antes dos primeiros síntomas clínicos”.
“O obxectivo é atopar a combinación correcta de marcadores que indiquen un maior risco de deterioro cognitivo e empregar esa ferramenta para guiar as intervencións precisas para frealo”.