O SIBO nas redes sociais, unha alarma “que non existe”

Os expertos advirten que se trata dunha patoloxía moi pouco predominante e grave en comparación con outras alteracións gastrointestinais

SIBO (Small Intestine Bacterial Overgrowth) son as siglas utilizadas para referirse ao crecemento excesivo de bacterias e a outros microorganismos típicos do colon no intestinto delgado. Esta é unha patoloxía que pode provocar síntomas moi diversos, desde a distensión ou a dor abdominal ata problemas cutáneos, que actualmente inundan as redes sociais, xerando alarma e preocupación.

Que é o SIBO?

A microbiota é o conxunto de microorganismos como bacterias, fungos ou virus que residen no organismo e que deben manter un correcto equilibrio para manter a saúde xeral deste. En concreto, no caso da microbiota intestinal “é moito maior a poboación que está no colon. O intestino delgado caracterízase por un número inferior da poboación microbiana, que se vai incrementando a medida que se achega á unión co intestino groso”, explica a dietista Sandra Román. Por este motivo, sinala Román, no caso do SIBO existen dous factores que provocan o desequilibrio: “Aumento na cantidade de microorganismos e nunha localización na que non debería habela“.

Publicidade

Como é habitual nas patoloxías, existen unha serie de factores que poden aumentar o risco de provocar este desequilibrio: “Intervencións dixestivas que alteran as barreiras naturais, enfermidades inflamatorias intestinais que lesionan a mucosa -por exemplo, a enfermidade de Crohn-, tumores no tubo dixestivo ou zonas próximas, diabetes, cirrose”, afirma o xefe do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), Germán Bou.

Os síntomas pouco específicos do SIBO fan que sexa unha patoloxía difícil de diagnosticar

Alén, o microbiólogo sinala un factor clave: o ácido clorhídrico. “Este é un protector do intestino delgado que impide que haxa un sobrecrecemento de bacterias nel, por iso son máis no intestino groso. Todo aquilo que reduce a formación de ácido clorhídrico como o omeoprazol, antiinflamatorios ou o alcol está diminuíndo tamén un mecanismo de protección do organismo, favorecendo o crecemento das bacterias onde non deberían estar”.

Publicidade

Ambos expertos coinciden na inespecifidade dos síntomas, o que provoca certas dificultades para chegar a un diagnóstico claro, xa que poden estar relacionados con diversas patoloxías ou alteracións dixestivas. Algúns dos signos e síntomas máis habituais son: gases, inchazón, diarrea, dor abdominal ou cambras, síndrome do intestino irritable, enfermidade inflamatoria intestinal, intolerancias alimentarias -as máis comúns a glute, caseína, lactosa, fructora, sorbitol e histamina-, enfermidades crónicas ou autoinmunes, desordes neuromusculares, permeabilidade intestinal, problemas cutáneos, mala absorción das graxas e deficiencia de vitaminas e minerais.

O paso a paso do diagnóstico

Esta longa lista de síntomas é a que agora circula de maneira masiva polas redes sociais, provocando a alarma de quen consume esta información. Con todo, Bou prefire ser cauto e chamar á calma: “As redes sociais son moi perigosas porque unha persoa, que ao mellor nin sequera ten coñecementos sobre o tema, lanza unha mensaxe e pode crear toda unha cadea. Poden ser útiles, mais tamén hai que facerlles un caso relativo porque tamén pode acabar xerando situacións coma esta: alarma e preocupación cando non existe tal. Non deixa de ser un cadro clínico, mais é unha patoloxía moi pouco prevalente e grave, en comparación con outras como as infeccións gastrointestinais, cadros metabólicos ou intolerancias”.

Por este motivo, o microbiólogo explica que “salvo que existan factores de risco moi claros e evidentes non se fan diagnósticos no laboratorio de maneira rutinaria“. Así, cando se dá esta sospeita, existen dúas maneiras para chegar a este diagnóstico: “A proba máis exacta, aínda que moi invasiva, é o aspirado do intestino delgado, o cal require unha cirurxía e o posterior cultivo da mostra para analizar a súa composición. Hai outra maneira que ten a vantaxe de que non é invasiva, aínda que tamén ten os seus falsos positivos e negativos, que é a proba do alento. A persoa debe inxerir azucres ou glucosa de maneira que, ao provocar o SIBO unha mala absorción dos carbohidratos, podemos ver se esta microbiota está producindo hidróxeno e metano”.

Por sorte, o experto tamén o ten bastante claro á hora de analizar a situación en Galicia: “Na nosa área non estamos observando unha maior tendencia ao SIBO nin hai máis peticións ao laboratorio para diagnosticalo”.

Un problema maior: a resistencia aos antibióticos

De igual maneira que ocorre no caso do diagnóstico, á hora de tratar o SIBO tamén hai varias vías de acción: “Hai que ver as causas deste sobrecrecemento bacteriano. Se vén dunha cirurxía ou dunha enfermidade de base hai que controlalo así como introducir algúns suplementos para paliar os déficits nutricionais que a patoloxía poida xerar. Nos casos moi extremos será necesario utilizar o antibiótico, mais en xeral non é unha enfermidade grave e ten as súas solucións a distintos niveis”, manifesta Bou.

A dieta e os antibióticos son as formas máis comúns de controlar o sobrecrecemento bacteriano

Neste sentido, Román explica a forma de abordalo desde a nutrición: “Existe un tipo de dieta de eliminación chamada ‘baixa en FODMAP’, isto é, oligosacáridos, disacáridos, monosacáridos e polioles fermentables. Trátase dunha clase de carbohidratos non dixeribles que non se absorben completamente no intestino delgado e que están presentes en diversos alimentos comúns como froitas, verduras, legumes, cereais, mel, lácteos ou edulcorantes. Esta é unha dieta moi restritiva, polo que é preciso que estea supervisada por dietistas ou nutricionistas e o seu período de duración é de catro a oito semanas, seguidas dunha reintrodución gradual segundo a tolerancia individual”.

Ambos expertos coinciden ao advertir con respecto ao uso de antibióticos, ao existir o risco de que a patoloxía poida empeorar ao prexudicar tamén á poboación de bacterias que vive no intestino groso. Alén, Bou tamén advirte que “aínda que hai que utilizalos cando son imprescindibles, sempre que se poida evitar dalos é o mellor xa que se comezaramos a utilizalos de maneira masiva aumentaría a resistencia. Evidentemente non é o caso actual, mais se por exemplo houbera un incremento dos casos de SIBO, a administración descontrolada favorecería a aparición destas resistencias que xa son un problema global”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A biodiversidade do solo actúa como ‘escudo natural’ que protexe cultivos e humanos de patóxenos

Dous estudos do CSIC revelan que unha microbiota rica e diversa funciona como un sistema inmunitario que permite suprimir de forma natural certas bacterias

Quefir ou iogur? Estes son os beneficios para a nosa saúde intestinal

Ambos os produtos son máis fáciles de dixerir que o leite, xa que parte da lactosa se consome durante a fermentación