Venres 19 Abril 2024

O Ministerio de Sanidad propón limitar a Vaxzevria a maiores de 60 anos

A Comisión de Saúde Pública, que se reúne o xoves, podería ampliar a maiores de 65 esta vacina, despois das conclusións da Axencia Europea do Medicamento

O Consello Interterritorial de Saúde, que reúne ao Ministerio de Sanidad e as comunidades autónomas do Estado español, acordou este mércores pola noite limitar a persoas maiores de 60 anos a vacinación coa coñecida como Vaxzevria, fórmula contra a Covid-19 deseñada pola empresa farmacéutica AstraZeneca e a Universidade de Oxford. A decisión tómase despois de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) presentase as súas conclusións sobre os eventos de trombose vinculados á inxección, que se consideran “efectos secundarios moi raros” da vacina. Con todo, e como acontece con moitos outros fármacos, os beneficios na prevención da Covid-19 superan amplamente os riscos de que xurdan estes efectos adversos. Ata o momento, segundo os datos recollidos, estanse a producir en menos dunha decena de persoas por cada millón que recibe a vacina.

Ata o momento, a Vaxzrevia está limitada a menores de 65 anos, segundo a estratexia de vacinación vixente en España despois de que a inmunización con esta fórmula se reanudase o pasado mércores 24 de marzo. Con todo, é probable que a Comisión de Saúde Pública, que se reunirá este xoves, acorde estender a persoas de maior idade a inxección de AstraZeneca e Oxford. Segundo a ministra de Sanidad, Carolina Darias, hai “bastante acordo” para levantar a limitación a maiores de 65 anos.

Publicidade

A comparecencia da ministra xunto á directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), a galega María Jesús Lamas, comezou pasadas as 23 horas por mor do debate na Comisión Interterritorial, segundo informaron varios medios. Nela, Lamas lembrou que o comité de farmacovixilancia da EMA sostén que os beneficios da protección contra a Covid-19 superan aos riscos dos casos “moi raros” de tromboses detectados.

Novo cambio na estratexia de vacinación e dúbidas por responder

O anuncio de Sanidad suporá, deste xeito, un novo cambio na estratexia de vacinación contra a Covid-19 en España. No medio do debate e as decisións sobre Vaxzrevia, os sistemas sanitarios das comunidades autónomas fixeron posible este mércores un novo récord de doses administradas, con 333846, máis de 25000 delas en Galicia.

Ata este momento, máis de 2,1 millóns de persoas en España, principalmente traballadoras en colectivos prioritarios e menores de 65 anos, recibiron a primeira dose deste fármaco. Sobre isto, a ministra de Sanidad avanzou que “está por determinar” a decisión que se vaia tomar con este grupo. Entre as posibilidades, expuxo Darias que estas persoas poderían recibir a segunda dose doutra vacina, ou ben ficar, por agora, coa protección que outorga a primeira dose, coa que segundo os ensaios realizados a protección pode chegar ao 70%.

Deste xeito, cada Estado membro da Unión Europeaestablecerá as súas recomendacións, despois de que a reunión dos ministros dos países comunitarios, que se celebrou antes do Consello Interterritorial, acabase sen acordo para unha estratexia común sobre Vaxzrevia, segundo informa Reuters.

Deste xeito, outros países xa avanzaron, como España, os seus propios pasos: Alemania, por exemplo, manterá a fórmula para maiores de 60, e as persoas menores desta idade que recibiron a primeira dose da fórmula AstraZeneca-Oxford completarán a pauta con outra vacina. Francia e Bélxica limitarana a maiores de 55. E Italia establecerá unha recomendación para maiores de 60, pero sen prohibila expresamente a menores desta idade. Do mesmo xeito, dará a segunda dose a quen recibiu a primeira de Vaxzrevia. A ministra de Sanidad, Carolina Darias, recoñeceu na comparecencia da “diversidade de opinións” entre os ministros europeos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos