Nas próximas tres décadas, a proporción de persoas maiores de 60 anos duplicarase a nivel mundial. Xunto con esta maior poboación avellentada, tamén aumentará a incidencia da diabetes tipo 2, unha enfermidade cuxa prevalencia aumenta coa idade, debido á incapacidade do corpo para responder á insulina. Algo causado, habitualmente, pola redución da actividade física a medida que nos facemos maiores. Con todo, e até o momento, os mecanismos precisos polos que esta inactividade facilita o desenvolvemento da resistencia á insulina eran un misterio.
Agora, investigadores da Universidade de Monash en Australia veñen de descubrir un enzima clave para que a actividade física mellore a resposta á insulina e, á súa vez, promova a nosa saúde metabólica. O estudo, dirixido polo profesor Tony Tiganis e levado a cabo polos científicos do Monash University Biomedicine Discovery Institute (BDI), revelou que as reducións na xeración de especies reactivas de osíxeno (ROS) do músculo esquelético durante o avellentamento están directamente vencelladas ao desenvolvemento de resistencia fronte á insulina.
Logo, e malia que, segundo Tiganis, o músculo esquelético está constantemente xerando ROS, esta produción aumentaría considerabelmente durante o exercicio. Así, “os ROS inducidos polo exercicio impulsan respostas adaptativas que son fundamentais para os efectos favorábeis do exercicio para a saúde”, sinala.
Os ensaios en ratos
Na investigación levada a cabo, o equipo mostra como o enzima denominado NADPH oxidase 4 (NOX-4) é esencial para as respostas adaptativas das ROS inducidas polo exercicio, que promoven a función muscular, manteñen o equilibrio da reacción de oxidación-reducción (redox) e impiden o desenvolvemento da resistencia á insulina.

“Neste estudo demostramos, en modelos animais, que a abundancia de NOX-4 do músculo esquelético diminúe co avellentamento e que isto leva a unha redución da sensibilidade á insulina”, apunta o profesor. Nos ratos, os investigadores descubriron que, após o exercicio, a presenza de NOX-4 aumentaba no músculo esquelético. Algo que implica un aumento das ROS e provoca respostas adaptativas que protexen os ratos fronte a incapacidade de resposta á insulina, que doutro xeito ocorrería debido ao avellentamento ou á obesidade inducida pola dieta.
Posíbeis aplicacións
A descuberta destes enzimas clave ten agora o potencial de ser obxecto de novas estratexias, de cara a protexernos das consecuencias do avellentamento na saúde metabólica. De xeito natural, un destes compostos atoparíase en vexetais crucíferos como son a coliflor ou o brócoli. Con todo, “a cantidade necesaria para efectos anti-envellecemento pode ser superior á que moitos estarían dispostos a consumir”, sinala Tiganis.
É por iso que outro dos eidos de actuación pode ser o desenvolvemento de medicamentos que promovan a actividade de ditos enzimas. Segundo explica o profesor, “desencadear a activación dos mecanismos adaptativos orquestrados por NOX-4 con fármacos pode mellorar aspectos clave do envellecemento, incluíndo o control da resistencia á insulina e a diabetes tipo 2”.
Referencia: Skeletal muscle NOX4 is required for adaptive responses that prevent insulin resistance (Publicado en Science Advances)














