Un proxecto do UVigo SpaceLab recibe un premio da Axencia Espacial Europea

O galardón recoñece a "Caminito", unha iniciativa que emprega imaxes de Copernicus para xestionar e coidar sendeiros do Camiño de Santiago

Un recoñecemento ao esforzo e á dedicación. Ese podería ser o resumo do galardón que acaba de recibir o equipo do SpaceLab da Universidade de Vigo (UVigo) polo seu proxecto CAMera based INfraestructure Integrity Tracking from Orbit (Caminito). A Axencia Espacial Europea (ESA) entregoulles o premio Copernicus Masters na categoría de infraestruturas. Os investigadores galardoados definen a súa iniciativa como “unha proposta revolucionaria”, posto que empregarían as imaxes de Copernicus para a xestión e coidado dos sendeiros do Camiño de Santiago. O galardón, que se entregou un acto virtual, está dotado con 10.000 euros e outros 10.000 en imaxes satelitais e datos.

“O seu obxectivo é proporcionar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos”, detalla o director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, Manuel Diz, que destaca o traballo desenvolvido polos integrantes do equipo que comezaron o seu segundo ano nesta formación e que na actualidade son responsables dos departamentos de software, comunicacións, enxeñaría de sistemas, organización e márketing, electrónica e ADCS.

Publicidade

“O obxectivo do proxecto é proporcionar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias”

“Para nós é un recoñecemento ao noso traballo, ademais de que todo este tipo de iniciativas e concursos poñen en valor o papel que ten o espazo, tanto no día a día dun cidadán de a pé, como para as persoas que nos dedicamos desde os nosos estudos a beneficiar e xerar estes coñecementos, solucionando así problemas”, recoñece Diz.

Outros recoñecementos

O premio europeo Copernicus Masters súmase aos galardóns rexionais, organizados tamén pola Axencia Espacial Europea, Galileo e Copernicus Galicia 2021 que o equipo UVigo SpaceLab acadou recentemente polos seus proxectos Adagio e Caminito, respectivamente. No caso do certame europeo, os integrantes do equipo confirman que “xa o seguiamos desde hai un ano, posto que algúns docentes da UVigo xa participaran anteriormente. Ao ver os anteriores resultados, animámonos a participar e buscar propostas que encaixasen nas liñas de traballo marcadas pola Unión Europea para crear e axudar ao desenvolvemento das constelacións de satélites Copernicus e Galileo”, explican os estudantes, que cualifican de “incríble” gañar o certame europeo.

Publicidade

O concurso celébrase desde o ano 2011 por iniciativa da Axencia Espacial Europea, como parte da súa misión de fomentar a captación de usuarios do programa e Observación da Terra Copernicus. Nesta década máis de 3.000 persoas de 70 países participaron no certame, que premia as mellores ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais e máis dun cento gañaron ata o de agora o concurso, que outorgou nestes dez anos uns 4,3 millóns de euros.

Meses de traballo ata acadar o recoñecemento europeo

Aínda que os integrantes de UVigo SpaceLab centran desde hai algo máis dun ano a súa actividade no desenvolvemento de BIXO, Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, o pasado verán comezaron a traballar en Caminito e Adagio. “Ao inicio fixemos varias reunións de traballo para desenvolver a idea, pero a medida que avanzabamos nas fases do concurso pedíronnos elaborar máis documentación, realizar presentacións con expertos europeos da ESA, analistas de negocio… E pouco a pouco pasando estas ‘probas’ acadamos o éxito”, detalla Diz.

Centrados no deseño de subsistemas de BIXO

Con máis dunha trintena de estudantes das escolas de enxeñaría Industrial, Telecomunicación, Minas e Enerxía, Informática e Aeronáutica e do Espazo integrados no equipo UVigo SpaceLab deste ano, o alumnado, logo de pasar a primeira fase da misión BIXO, céntrase na actualidade no deseño de diversos subsistemas. Coa estrutura do satélite lista e pechando diversos acordos con patrocinadores respecto dalgúns deses subsistemas de grande importancia para a misión, os integrantes do equipo aseguran estar cada vez máis preto do seu obxectivo: a posta en órbita. “2022 depararanos grandes sorpresas, posto que a inicios do primeiro trimestre deste ano comezaremos outra ampliación do equipo, coa intención que supere as 40 ou 50 persoas, ademais de que esperamos participar en novos concursos, eventos e congresos da ESA para acadar que BIXO estea en órbita”, explica Diz.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais