Venres 29 Marzo 2024

Outra revisión insiste: “non hai datos” para dar dose de reforzo da Covid-19 á poboación xeral

Unha análise de expertos da OMS e outras organizacións científicas que publica "The Lancet" conclúen que as vacinas seguen sendo moi eficaces

Un grupo de investigadores de varios países e organizacións, entre os que están membros dos equipos científicos da Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Axencia de Administración de Medicamentos dos Estados Unidos (FDA), publica esta semana unha carta na revista The Lancet que vai na liña do que expuxeron tanto a EMA como o ECDC europeos a comezos de setembro: a efectividade das vacinas contra a Covid-19 segue sendo elevada, a pesar do xurdimento de novas variantes e o paso do tempo, e por agora non é necesaria unha dose de reforzo para toda a poboación.

A autora principal da carta, a experta da OMS Ana María Henao, di que “os estudos dispoñibles non proporcionan probas cribles dunha protección decrecente contra a enfermidade grave, que é o obxectivo principal da vacinación. A subministración limitada destas doses salvará o maior número de vidas se se pon ao dispor das persoas que corren un risco apreciable de ter un caso grave e que aínda non recibiron ningunha”.

Publicidade

Completar a vacinación en todo o planeta

Algúns países xa están abordando a administración dunha terceira dose a diversos colectivos. Este martes sumouse o Reino Unido, cuxo comité de vacinación e inmunización, de carácter consultivo, suxeriu que se ofreza unha dose de reforzo a persoas maiores de 50 anos, traballadores sanitarios de primeira liña, residentes e persoal de centros de maiores, ou persoas con comorbilidades que poidan agravar unha infección de Covid-19 e os seus coidadores. España aprobouna a semana pasada, pero limitada a determinados colectivos de pacientes inmunodeprimidos.

Con todo, o artigo publicado en The Lancet pon sobre a mesa a desigualdade no acceso ás vacinas en distintas partes do globo. Os autores expoñen que o subministro, aínda que “limitado”, das vacinas actualmente aprobadas salvarán “a meirande parte de vidas de poñerse a disposición das persoas que corren un risco apreciable de padecer unha enfermidade grave e que aínda non recibiran ningunha vacina. Mesmo se en última instancia se pode obter algún beneficio co reforzo, non compensará os beneficios de dar a protección inicial ás persoas aínda non vacinadas. Se as vacinas se administran onde máis ben poden facer, poderían acelerar o fin da pandemia ao inhibir a evolución das variantes“, di o texto.

A revisión é un resumo das probas actualmente dispoñibles dos ensaios controlados aleatorios e os estudos observacionais realizados: as vacinas seguen sendo moi eficaces contra a enfermidade grave, incluída a de todas as principais variantes virais, como a delta, dominante nesta fase da pandemia. Por iso conclúe que as doses de reforzo para a poboación xeral non son apropiadas neste momento.

Así, lembran que a vacinación tivo unha eficacia do 95% contra a enfermidade grave tanto do variante delta como da variante alfa, e máis do 80% de eficacia na protección contra calquera infección destas variantes. En todos os tipos de vacinas e variantes, a eficacia é maior contra a enfermidade grave que contra a leve.

“Aínda que as vacinas son menos eficaces contra a infección asintomática ou a transmisión que contra a enfermidade grave –mesmo en poboacións cunha alta cobertura de vacinación–, a minoría non vacinada segue sendo a principal impulsora do contaxio, ademais de ser a que corre maior risco de desenvolver un episodio grave”, explican os autores.

Dose de reforzo con fórmulas actualizadas

Os investigadores sinalan que, aínda que os niveis de anticorpos nos individuos vacinados diminúan co tempo, isto non supón necesariamente a redución da eficacia contra a enfermidade grave. Isto podería deberse a que a protección está mediada non só polas respostas dos anticorpos, que poden ser relativamente curtas para algunhas vacinas, senón tamén polas respostas de memoria e a inmunidade mediada por células, que xeralmente son máis duradeiras.

Neste punto, o comité asesor do Reino Unido expón, no comunicado difundido este martes, que datos preliminares en persoas maiores suxiren que a protección das vacinas contra a Covid-19 grave “diminúe gradualmente co tempo”. E por tanto, “tomando unha posición de cautela”, o comité considera que “é preferible manter un alto nivel de protección en adultos vulnerables durante o inverno”.

Neste punto, os autores da carta en The Lancet din que se finalmente se utilizan os reforzos será necesario identificar as circunstancias específicas nas que os beneficios superan os riscos. “O crecente éxito na inmunización a grandes poboacións conducirá inevitablemente a un aumento do número de persoas vacinadas e, por tanto, a unha maior proporción de casos de éxito, especialmente se a vacinación conduce a cambios de comportamento”.

Ademais, a capacidade das vacinas para provocar unha resposta de anticorpos contra as variantes actuais indica que estas variedades aínda non evolucionaron o suficiente para escapar á resposta inmunitaria de memoria inducida polas doses. Mesmo se chegan a facelo, a eficacia dos reforzos desenvolvidos especificamente para adaptarse ás posibles novas variantes podería ser maior e máis duradeira que os reforzos coas vacinas actuais.

Unha estratexia similar utilízase para as vacinas contra a gripe, que cada ano basean a súa fórmula nos datos máis actuais sobre as cepas circulantes, o que aumenta a probabilidade de que a vacinación siga sendo eficaz aínda que haxa unha maior evolución das cepas.

“As vacinas actualmente dispoñibles son seguras, eficaces e salvan vidas. Aínda que a idea de reducir aínda máis o número de casos de Covid-19 aumentando a inmunidade das persoas vacinadas é atractiva, calquera decisión respecto diso debe basearse na evidencia e considerar os beneficios e riscos para os individuos e a sociedade”, conclúe Soumya Swaminathan, outra das coautoras, e xefa científica da OMS.


Referencia: Considerations in boosting COVID-19 vaccine immune responses (Publicado en The Lancet).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia