Reaccións máis graves e novos alérxicos: así está sendo a tempada das gramíneas

A investigadora da UVigo María Fernández asegura que a concentración das partículas é maior do habitual e aumentará nos próximos días

A alerxia ao pole é unha das máis comúns, pero este ano os seus efectos están indo máis alá da poboación que habitualmente xa refería esta sintomatoloxía, causando inclusive reaccións extremas. María Fernández, investigadora na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo), explica que a concentración das partículas é moito maior e que ademais continuará aumentando nos próximos días.

“Nós temos captadores de pole en toda Galicia e agora que é época de gramíneas vemos que as alerxias son moito máis exacerbadas ca outros anos. Houbo un grao moi elevado de humidade tan tarde que a concentración de malas herbas é moito maior. A calor que estamos vendo estes días tan de súpeto, que ademais esperamos que aumente e que veña acompañada de vento, provoca unha maior dispersión”, manifesta a investigadora.

Publicidade

Grans de pole máis grandes

Os estudos levados a cabo por Fernández en relación á carga polínica do ambiente contan con datos históricos da cidade de Ourense dende 1993, polo que tamén poden comparar en certo grao se esta tendencia á alza é algo illado ou unha constante ao longo dos anos, e polo momento, os datos indican que a situación podería empeorar.

“É verdade que nos últimos anos obsérvase un incremento bastante grande dos grans de pole, ademais en diferentes taxons, tanto arboreus como herbaceus. Nós notámolo por exemplo no plátano de sombra, que é unha árbore que aquí en Ourense temos moitísimo, ou nas gramíneas”, afirma Fernández.

Publicidade

O pole orixinado polo plátano de sombra provoca moitas reaccións alérxicas.

Ademais, a investigadora tamén constata que este ano a humidade permitiu un crecemento esaxerado das gramíneas, permitindo que os seus grans de pole aumentaran tamén o seu tamaño: “Con estas temperaturas elevadas que estamos tendo, e que imos ter, esperamos que as concentracións de pole sexan moito maiores en comparación con outros anos”.

Reaccións esaxeradas

As concentracións tan elevadas de pole non só afectan á gravidade das reaccións, senón que tamén provocan a aparición de sintomatoloxía en persoas que nunca antes referiran unha alerxia. Así, tanto a propia investigadora como persoas da súa familia xa puideron experimentar a peor cara.

“Eu son alérxica e este ano estou especialmente mal a causa das gramíneas. O domingo pasado tiven que ir a urxencias porque a reacción foi moi desproporcionada. O meu irmán, por exemplo, nunca foi alérxico a nada e este ano tamén acabou en urxencias por unha reacción esaxerada ás gramíneas: pechóuselle a glote e non era capaz de respirar. E o día que eu fun a urxencias, a el inchóuselle o branco dos ollos e non era capaz de pechalos”.

Estratexias de supervivencia

O ideal á hora de facer fronte á temporada de pole é anticiparse a ela. Así o demostra o proxecto que leva implementando Fernández xunto co seu grupo na cidade de Ourense dende 2016: “Ese ano vimos que o plátano de sombra seguía unha tendencia á alza, aumentando as concentracións de pole do aire, e comezamos a suxerir os momentos ideais de poda ata este ano. Agora vemos nos datos que as concentracións están estabilizadas”.

As medidas para evitar as reaccións alérxicas deben tomarse dende as insitucións, máis tamén a título individual

Ao limpar as árbores antes do momento de floración, cando esta teña lugar será moito menos intensa e, polo tanto, os niveis de pole serán moito máis baixos. Con todo, que esta estratexia demostrara a súa efectividade non implica que sexa un protocolo estandarizado: “Os concellos adoitan deixar medrar as gramíneas ata que se poñen amarelas, porque senón teñen que podalas dúas veces. A mellor estratexia sería precisamente cortalas dúas veces para evitarlle á poboación este brote de alerxias”, explica a investigadora.

A nivel individual, Fernández non ten dúbida: hai que diminuír a actividade ao aire libre pola tarde. “Xa sexa deporte ou tomar algo nunha terraza. Durante a noite a atmosfera está moito máis tranquila polo que a primeira hora da mañá o pole non está tan revolto. A medida que vai pasando o día, a concentración de calor é máis elevada e o aire quente sobe mentres que o frío baixa da atmosfera xerando vento. Ese vento o que fai é remover todas as partículas que hai na atmosfera, entre elas o pole, e por iso nos poñemos tan mal entre as cinco da tarde e as dez ou once da noite“.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados