Protonterapia: así pode axudar a física de partículas contra o cancro

A técnica, que se incorporará ao Sistema Nacional de Saúde con 10 equipos, un deles en Galicia, é un tipo de radioterapia máis precisa nalgúns tipos de tumores

A historia da ciencia, sobre todo nas épocas máis recentes de enorme desenvolvemento tecnolóxico, está chea de exemplos cos que dúas disciplinas aparentemente distantes poden complementarse para contribuír ao avance da sociedade. Hai tamén exemplos negativos en moitas innovacións asociadas á industria militar que crearon armas de destrución masiva. Pero hoxe en día a nosa vida é sensiblemente mellor que 100 ou 200 anos atrás grazas a un enorme abano de ideas nacidas da investigación básica que acaban aplicándose aos tratamentos médicos, á obtención de enerxías máis limpas ou ao tratamento e redución de residuos. Un dos exemplos desta transferencia de coñecemento, do que se está a falar moito nestes días, é o da protonterapia, despois de que o Goberno español e a Fundación Amancio Ortega asinasen un convenio para a instalación de 10 unidades (unha delas en Galicia) para administrar este tratamento contra o cancro, o que situará España, segundo o presidente Pedro Sánchez, “á cabeza, xunto con outras grandes nacións, neste tipo de tratamentos”.

En función das circunstancias de cada cancro e da situación do paciente, entre outros factores, os equipos médicos usan dúas principais técnicas para frear o avance tumoral: a quimioterapia (diversos tipos de fármacos e compostos sintetizados quimicamente) e a radioterapia (que consiste no ataque ao tumor con radiación ionizante, habitualmente con fotóns). Nos últimos anos está a gañar tamén pulo a inmunoterapia, unha prometedora técnica que intenta estimular o sistema inmunitario do paciente para que destrúa, de seu, ao cancro.

Publicidade

A protonterapia: aceleración de partículas para destruír tumores

Porén, a procura de alternativas que lle gañen aínda máis terreo ao cancro non cesa, e a física de partículas achegou nas últimas décadas unha nova solución: a terapia de protóns. É outro tipo de radioterapia pero, por dicilo dalgún xeito, máis ‘precisa’. Os protóns son partículas de carga positiva presente no núcleo dos átomos dos elementos químicos. Grazas ás súas propiedades físicas, é posible dirixir os feixes destas partículas de forma máis localizada ata a lesión tumoral que se vai tratar. Este feito permite reducir considerablemente a radiación que sofre o tecido sano próximo ao tumor.

As primeiras propostas do tratamento de tumores xurdiron a mediados do século XX, pero non foi ata comezos do XXI cando o avance tecnolóxico permitiu optimizar a protonterapia, e comezouse a constatar que esta técnica pode ofrecer, en determinados tipos de cancro, unhas cifras de curación moi superiores.

Publicidade

Con todo, os custos dos aparellos necesarios para acelerar os protóns e conducilos con suficiente enerxía ao seu obxectivo dificultan a xeralización da protonterapia. Estes dispositivos, coñecidos como sincrotóns, teñen varios metros de diámetro e requiren de moitos recursos para o seu funcionamento e mantemento nos centros sanitarios.

Por tanto, só centros punteiros nos países máis desenvolvidos do planeta teñen capacidade para dispoñer deles. A doazón de 280 millóns de euros que achegará a Fundación Amancio Ortega ao Sistema Nacional de Saúde español permitirá que a sanidade pública dispoña de 10 unidades de protonterapia. Ata agora, o seu uso en España estaba limitado a centros privados de Quironsalud ou a Clínica Universitaria de Navarra, que dispoñen das súas propias unidades na Comunidad de Madrid.

Esquema de funcionamento da radioterapia convencional e a radioterapia. Fonte: Quironsalud.
Esquema de funcionamento da radioterapia convencional e a radioterapia. Fonte: Quironsalud.

Para que tumores serve a protonterapia?

Alén disto, outras organizacións científicas como a Sociedade Norteamericana de Oncoloxía Radioterapica (ASTRO) destacan que hai investigacións en marcha para mellorar o coñecemento sobre o uso da protonterapia noutros tumores máis frecuentes, como o cancro de próstata non metastásico, o de mama, algúns tipos de tumores de cabeza e colo, e neoplasias malignas non metastásicas de pulmón, esófago, páncreas, recto, ano ou vexiga.

De confirmarse o efecto positivo desta terapia nos tumores citados, o uso da protonterapia podería espallarse nos tratamentos oncolóxicos no futuro. A SEOR expón que, a curto prazo, as necesidades da protonterapia chegarán ao 2% dos pacientes de cancro en España e, a medio prazo, no 11%.

Con todo, é probable que a técnica poida valer para dar resposta a outro tipo de doenzas.  A comezos de 2020, o CNAO, un centro oncolóxico de Pavia, na rexión italiana de Lombardia, utilizou con éxito a protonterapia para corrixir as alteracións no músculo cardíaco dun paciente que padecía arritmia ventricular. O home, de 73 anos, recuperouse con éxito grazas á aplicación do feixe de protóns. O tratamento puido aplicarse grazas á estreita colaboración entre o CNAO e Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), onde se desenvolveron os primeiros avances na aceleración de partículas que acabaron dando os seus froitos no equipo instalado no centro lombardo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia