Venres 19 Abril 2024

Xosé Bustelo lidera o achado dun xene vinculado ao desenvolvemento de linfomas

Un novo artigo publicado polo seu grupo identifica as diversas mutacións que provocan a activación descontrolada deste xene

Un equipo de científicos, liderados como autor principal polo galego Xosé Ramón Bustelo, do Centro de Investigación do Cancro, institución mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas e a Universidade de Salamanca (CIC-CSIC-USAL), acaba de publicar un artigo que amosa un catálogo completo das mutacións dun xene presentes nos linfomas periféricos de células T, un tipo de tumores dos glóbulos brancos do sangue.

O estudo, publicado na revista EMBO Journal, identifica as diversas mutacións que provocan a activación descontrolada deste xene, denominado VAV1. A súa identificación pode contribuír ao desenvolvemento de fármacos específicos personalizados para frear a progresión desta patoloxía, que se caracteriza pola súa agresividade, a falta de tratamentos efectivos e a alta mortalidade, que non mellorou significativamente no últimos 30 anos.

Publicidade

Os linfomas periféricos de células T desenvólvense a partir dos linfocitos T, unhas células do sistema inmune cuxa función é recoñecer e destruír aquelas células que se converteron en perigosas, ben por transformarse en células cancerosas ou por ser infectadas por virus como, por exemplo, o SARS-CoV-2. Estas funcións positivas, con todo, vólvense daniñas cando os linfocitos T sofren alteracións xenéticas que os fan proliferar de forma descontrolada e promover a formación de linfomas.

Os estudos recentes da secuenciación do xenoma de distintos tumores humanos revelaron que estes posúen miles de alteracións xenéticas (denominadas mutacións) nunha gran cantidade de xenes. Tras estes estudos, o reto actual é saber que mutacións son realmente importantes para o desenvolvemento do cancro e, ao mesmo tempo, saber que efectos causan e a través de que camiños promoven a transformación das células sas en cancerosas.

Imaxe de microscopía dun dos linfomas desenvolvido por ratóns con alteracións no xene VAV1. Foto: CICANCER.
Imaxe de microscopía dun dos linfomas desenvolvido por ratóns con alteracións no xene VAV1. Foto: CICANCER.

Dar resposta a estas preguntas é esencial para poder diagnosticar de forma adecuada aos pacientes e, sobre todo, para atopar dianas terapéuticas que permitan desenvolver fármacos específicos para os tumores que albergan ditas mutacións. Sen ter esta información, non se poderá abordar a implantación da medicina personalizada a nivel hospitalario de forma rutineira.

Neste traballo os investigadores demostran que o 51% de mutacións que afectan o xene VAV1 promoven a súa activación descontrolada e que, ademais, ditas alteracións non son todas iguais. “Existen cinco tipos diferentes e, segundo a mutación que se presente, desenvólvense distintas características clínicas tanto desde o punto de vista da súa malignidade como das opcións terapéuticas”, explica Javier Robles Valero, tamén do CIC, primeiro asinante do estudo.

O subtipo funcional máis frecuente das mutacións de VAV1 nos tumores humanos actúa como un driver (condutor) plenamente autónomo, é dicir, capaz de inducir o cancro cando se expresa nas células T sas sen necesidade de alteracións xenéticas noutros xenes. “Esta observación subliña máis o feito de que a presenza destas mutacións non é trivial, senón que son as principais responsables da orixe do tumor. Ata o de agora descoñecíase a relevancia das mutacións do xene VAV1 no plano funcional e clínico. Grazas a este traballo sabemos cales son importantes, que fan e como inflúen na adquisición das propiedades malignas das células tumorais”, destaca pola súa banda Bustelo.

O estudo tamén desenvolveu un modelo animal que permite xerar linfomas en ratos tras a expresión de mutantes de VAV1 en linfocitos T sans. “Usando técnicas xenómicas e bioinformáticas puidemos comprobar que estes linfomas reproducen a gran maioría das características clínicas, patolóxicas e moleculares dos linfomas periféricos de células T nos pacientes”, engade o científico galego.

O novo modelo animal permitiu desenvolver por primeira vez linfomas de células T moi similares aos dos pacientes, algo que permitirá identificar con máis facilidade os puntos débiles dos linfomas, deseñar fármacos específicos e probar a súa efectividade antes de iniciar os estudos clínicos en humanos. “Isto é especialmente relevante neste tipo de tumores, dada a dificultade que existiu ata o de agora para clasificalos, estudalos e tratalos de forma eficaz”, conclúe.

No traballo colaboraron tamén investigadores da Universidade de Salamanca, o CSIC e o CIBERONC. O estudo foi posible grazas ao financiamento recibido desde a Fundación “A Caixa”, a Asociación Española contra o Cancro (AECC), o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Instituto de Saúde Carlos III e a Junta de Castilla y León.


ReferenciaCancer-associated mutations in VAV1 trigger variegated signaling outputs and T-cell lymphomagenesis (Publicado en EMBO Journal).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte