Xoves 25 Abril 2024

Probas de anticorpos trala vacina en Galicia: unha análise controvertida e innecesaria

Laboratorios privados ofrecen a través da internet tests para medir a resposta inmunitaria, pero expertos advirten das limitacións destes estudos

Desde o comezo da pandemia da Covid-19, os anticorpos convertéronse en tema de conversación cotián. Os estudos de seroprevalencia que analizaban a posible presenza destes sinais de defensa contra o SARS-CoV-2 no organismo foron unha das primeiras ferramentas para medir o alcance real da infección na poboación. Porén, o funcionamento do sistema inmune é moi complexo, como teñen explicado reiteradamente persoas expertas no asunto, e os anticorpos son apenas unha parte da resposta de protección do noso corpo fronte a un axente estraño.

Con todo, desde hai semanas, e coincidindo co rápido avance da campaña de vacinación, diversos laboratorios privados comezaron a ofrecer análises para medir o nivel de anticorpos ás persoas vacinadas contra o SARS-CoV-2. Previo pago, algúns grupos sanitarios prometen a quen realice a proba dar resposta a unha dúbida moi relevante na situación actual: “Como sabemos se desenvolvemos unha inmunidade total fronte ao virus tras recibir a vacina?”, pregunta unha publicación dun dos laboratorios, antes de ofrecer “un test capaz de cuantificar a resposta inmunitaria á vacinación”.

Publicidade

Os expertos consultados por GCiencia coinciden en que este tipo de probas non están indicadas para a poboación en xeral, ao tempo que lembran a limitación das análises baseadas exclusivamente nos niveis de anticorpos. Tal e como se observou nos ensaios clínicos das vacinas aprobadas pola Axencia Europea do Medicamento (EMA), e se constata desde fai meses nas análises realizadas ata o momento na poboación que xa recibiu a pauta completa destes fármacos, a eficacia das diversas fórmulas é moi elevada (por riba do 90%) para evitar as mortes e os casos máis graves da Covid-19. 

Probas de anticorpos trala vacina en Galicia

A controversia está a ser asunto de debate desde hai semanas en España, a partir de anuncios como un situado nunha estación do Metro de Madrid, que denunciou o Consejo General de Enfermería (CGE). “Vacináronte ben?” era o reclamo para vender probas de anticorpos. Este tipo de mensaxes, a xuízo do CGE, supoñían un “desprestixio profesional” para un colectivo que en pouco máis de sete meses inxectou case 50 millóns de doses á poboación española. En palabras do presidente deste consello, campañas como a denunciada “só buscan recadar cartos a costa do medo e a incerteza”.

Nunha linguaxe menos explícita, pero igualmente imprecisa, outros laboratorios con presenza en Galicia están a anunciar este tipo de análises. Nun dos grupos da sanidade privada con maior implantación a nivel estatal, é posible reservar, en apenas dous clics, cita para a proba de anticorpos trala vacina en máis dunha decena de centros das catro provincias. Hai numerosos ocos desde esta mesma semana e durante todo o mes de agosto, no que se completará a inmunización dunha boa parte da cidadanía, para facer a análise de sangue que require a proba. Nalgúns casos mesmo se adianta o prezo da proba: 50 euros.

Outro grupo con presenza na provincia de Lugo explica que “o novo test posvacina” permite “confirmar a xeración de anticorpos fronte ao Covid e, por tanto, a inmunidade exacta de cada persoa fronte ao virus”. Detállase que a proba “cuantifica as IgG dirixidas á espícula do SARS-CoV-2, a do coronavirus, o que a converte nun indicador obxectivo e fiable para coñecer o nivel de anticorpos adquirido trala vacina e confirmar a súa efectividade”.

Este mesmo anuncio, publicado desde abril, pon o acento en que “coa mirada posta nunha próxima desescalada e co obxectivo de garantir que, sobre todo as persoas maiores, teñen a inmunidade necesaria para garantir a súa protección fronte ao virus, é recomendable esta proba”. Noutros casos tamén é posible solicitar cita en oficinas de mutuas e compañías aseguradoras.

Os anuncios aluden aos anticorpos como un “indicador obxectivo e fiable”, pero os expertos advirten da limitación destas análises

Información enganosa nunha proba non recomendada en xeral

As persoas consultadas por GCiencia apuntan á inconcreción dos datos que se achegan nestes anuncios e, en todo caso, coinciden en salientar que estas análises son insuficientes para medir de forma clara e concreta o nivel de protección que confiren as vacinas. A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González di: “Non dan moitos detalles do tipo de ensaio, pero entendo que será un Elisa ou inmunoquimioluminiscencia especifica para detectar anticorpos de tipo IgG no sangue fronte á proteína S” do SARS-CoV-2, ao tempo que destaca que “estes ensaios xa se realizan en hospitais públicos”.

Coa información dispoñible nestes anuncios, a inmunóloga conclúe que “non indican que detecten anticorpos neutralizantes” e, deste xeito, “cos datos que dan, creo que non se pode falar de que vexan niveis protectores das vacinas; só anticorpos fronte ao virus”.

Son recomendables estas probas para a poboación en xeral? María del Mar Tomás, investigadora do departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), explica que “nun principio non se aconsellan os estudos serolóxicos a toda a poboación trala vacinación, pero si que estaría indicado realizar técnicas de alta eficacia (Elisa/Clia) para a detección de anticorpos en pacientes inmunodeprimidos e/ou casos concretos susceptibles a fallos inmunolóxicos”.

Nunha liña semellante fala Federico Martinón, xefe de servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, coordinador do centro colaborador da OMS en seguridade de vacinas na capital de Galicia e membro do comité asesor de vacinas da mesma entidade. “Por norma xeral non se recomenda en individuos inmunocompetentes a determinación de anticorpos despois da vacinación. Principalmente porque non se coñece o correlato de protección da vacina fronte á Covid; isto é, non sabemos o mecanismo mediante o cal a vacina xera protección, e o pouco que se sabe ata a data indica que principalmente a protección é mediada por células e non tanto por anticorpos”. Por isto, Martinón conclúe que este tipo de probas son “á parte dun gasto innecesario, pode xerar de forma innecesaria unha ansiedade nos individuos que non xeren anticorpos tras a vacina”.

Incide o investigador galego na complexidade da resposta inmunitaria fronte ao coronavirus: “A ausencia de anticorpos non indica falta de resposta á vacina. A única medida fiable de efectividade da vacina son tests de inmunidade celular, de moita máis complexidade e custosos. Ademais actualmente hai diferentes métodos de determinación de anticorpos, moitos deles non validados e cuxas unidades de medida non foron estandarizadas polo que non son comparables entre si, e non se estableceu aínda un limiar de positividade. É dicir, non sabemos por riba de que valor se considera que o individuo ‘está ou non protexido’”. Así o resumía o propio Martinón nun vídeo difundido en febreiro deste ano pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) da consellería de Sanidade:

A estas argumentacións súmanse outros posicionamentos recentes, como o do científico Salvador Peiró nun artigo publicado esta semana. Mais non só en España. Desde a axencia reguladora FDA (Food and Drug Administration) dos Estados Unidos emitiuse en maio un comunicado no que se deixaban claras as limitacións das probas de anticorpos como garante da protección conferida pola vacina.

“As probas de anticorpos poden desempeñar un papel importante na identificación de persoas que poden estar expostas ao virus do SARS-CoV-2 e que poden desenvolver unha resposta inmunitaria adaptativa”, expoñían. Mais engadían: “Con todo, as probas de anticorpos non deben utilizarse neste momento para determinar a inmunidade ou a protección contra a Covid-19 en calquera momento, e especialmente despois de que unha persoa recibise unha vacina contra o Covid-19”, conclúe a axencia estadounidense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade