Descobren como previr a dor neuropática asociada á quimioterapia no cancro de colon

Investigadores do Instituto de Neurociencias, centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Miguel Hernández, descubriron como previr a dor neuropática asociada á quimioterapia nos tratamentos de cancro de colon, o segundo tipo de cancro máis diagnosticado. O estudo, levado a cabo en ratos, foi publicado na revista Brain.

“Os resultados do noso traballo mostran que o tratamento antes da quimioterapia cun antagonista do receptor sigma 1, unha proteína clave no control da dor, prevén en gran medida o desenvolvemento destes síntomas neuropáticos asociados á administración dun dos compoñentes da quimioterapia: o oxaliplatino”, explica a investigadora Elvira de la Peña.

Publicidade

Unha porcentaxe elevada de pacientes oncolóxicos tratados con quimioterapia desenvolve hipersensibilidade ao frío e ao tacto nas extremidades e a boca. É o que se coñece como neuropatía dolorosa por axentes quimioterapéuticos. O desenvolvemento desta neuropatía dolorosa condiciona a dose máxima de quimioterapéutico administrado e compromete a súa eficacia e a supervivencia dos pacientes e obriga a abandonar o tratamento nalgúns casos.

Segundo tumor máis diagnosticado

O colorrectal é o segundo tumor máis diagnosticado e constitúe a segunda causa de morte por cancro. O seu tratamento con quimioterapia inclúe o uso de oxaliplatino en combinación con outros fármacos antitumorais. Nun número elevado de pacientes, o oxaliplatino provoca adormecemento nos dedos ou dor en mans e pés ao tocar obxectos metálicos, ao saír á rúa cando vai frío ou mesmo ao ducharse ou lavar as mans. Estas molestias poden chegar a ser moi incapacitantes e afectar ao normal desempeño de actividades cotiás, como camiñar ou vestirse.

Publicidade

A hipersensibilidade táctil e térmica nesta neuropatía sábese que está asociada a alteracións nun sensor molecular coñecido como canle iónico TRPA1, descuberto por Ardem Patapoutian, recente Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina.

“Utilizando técnicas bioquímicas demostramos que a canle TRPA1 necesita interaccionar co receptor sigma-1, formando un complexo molecular, para a súa correcta expresión na superficie das neuronas. Despois, comprobamos que os ratos tratados co antagonista de Sigma-1, unha proteína clave no control da dor, durante a administración do oxaliplatino normalizaron a súa resposta aos estímulos dolorosos”, engade De la Peña.

Ensaios clínicos

“Como en calquera investigación básica, realizada en animais de experimentación, debemos ser cautelosos á hora de trasladar estes achados á clínica. Fai falta un ensaio clínico en pacientes. Con todo, estes resultados son un paso importante na comprensión desta patoloxía e ofrecen a esperanza de que no futuro se poida utilizar como unha nova terapia para o tratamento e prevención destes efectos secundarios tan incapacitantes dos tratamentos anticanceríxenos”, conclúe o investigador Félix Viana.

Finalmente, dado que existen distintos axentes quimioterapéuticos e cada un dá lugar a un espectro de síntomas algo diferente, en futuros estudos os investigadores do IN (UMH-CSIC) en Alacante proponse determinar se o que descubriron para o oxaliplatino se pode xeneralizar a outros anticanceríxenos utilizados no tratamento de distintos tumores.


Referencia: TRPA1 modulation by Sigma-1 receptor prevents oxaliplatin-induced painful peripheral neuropathy (Publicado en Brain)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto