Predicir o cancro de mama cunha análise de sangue: o descubrimento da ciencia galega

No traballo asinado por Clotilde Costa descríbese por primeira vez que os góbulos vermellos destas doentes son diferentes aos das persoas sen enfermidade

“O estudo dos glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama pode predicir o avance da enfermidade”, así o afirma a investigadora do IDIS Clotide Costa nun estudo publicado na revista Molecular and Cellular proteomics. Neste traballo descríbese por primeira vez que os glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama son diferentes aos de persoas sen a enfermidade.

O equipo da Dra. Costa, no laboratorio da unidade Mixta Roche-CHUS, identificou unha proteína cuxos niveis son máis elevados nos pacientes con cancro de mama avanzado ou metastásico. Isto pode sentar as bases para saber se a enfermidade está a avanzar, estudando os glóbulos vermellos que se obteñen nunha análise de sangue convencional. Recentemente coñeceuse que os glóbulos vermellos, aos que tradicionalmente se relacionou unicamente como transportadores de osíxeno, teñen outras funcións adicionais como células reguladoras na circulación. Con este estudo os investigadores demostran que poderían ser ademais marcadores útiles en oncoloxía.

Publicidade

Así, analizáronse mostras de sangue de pacientes con cancro de mama en distintos estadios e doantes sen enfermidade, recollidas no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Estudouse a composición de proteínas dos glóbulos vermellos mediante técnicas de proteómica, o que permitiu identificar un potencial biomarcador de diagnóstico de enfermidade metastásica. Os resultados deste traballo, protexidos por unha patente, poderían ter unha importante aplicación clínica, xa que a metástase é a principal causa de morte por cancro e é de vital importancia detectala canto antes.

Os glóbulos vermellos ou eritrocitos son as células máis abundantes no sangue e a súa obtención é sinxela, o que permite analizar mostras en distintos momentos da enfermidade.

Publicidade

Esta investigación levouse a cabo na Unidade Mixta Roche-Chus, iniciativa colaborativa entre a empresa Roche Farma e o grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), dirixida polo Dr. Rafael López, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico de Santiago. Participaron ademais o Servizo de Xinecoloxía, a Unidade de Proteómica do IDIS e a Universidade de Santiago de Compostela. O traballo, que se acaba de publicar na revista Molecular and Cellular proteomics (Pereira-Veiga et al), foi financiado pola Axencia Galega de Innovación, Roche Farma e a Asociación Española Contra o Cancro

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

O Ministerio de Sanidade amplía o cribado do cancro de mama entre os 45 e 74 anos

As autoridades europeas, os datos achegados polas comunidades e a evidencia científica avalan a extensión das probas a novas franxas de idade

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade