Xoves 25 Abril 2024

Polio en Londres: debemos preocuparnos?

O virus foi detectado ao longo de varios meses en augas residuais e podería indicar que hai algo de transmisión comunitaria entre persoas con pouca inmunidade

Nos últimos dous anos, a información sanitaria ten unha gran proxección mediática. Primeiro o coronavirus e máis recentemente a hepatite aguda infantil de causa descoñecida e a varíola dos monos. A esta nómina de doenzas hai que sumar unha nova: a poliomielite, unha enfermidade vírica “sumamente infecciosa” que afecta, sobre todo, a nenos menores de cinco anos. A semana pasada detectouse o virus en mostras residuais de Londres e, de momento, non hai casos sintomáticos. Con todo, os expertos barallan que poida haber algo de transmisión comunitaria ou que o virus poida mutar e facerse máis agresivo.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os casos de “polio salvaxe” diminuíron en máis do 99% dende 1988. Ese ano notificáronse 350.000 casos e en 2019 só 175. Das tres cepas que existen, a de tipo 2 foi erradicada en 1999 e da tipo 3 non se detectan casos dende 2012. A de tipo 1 segue a afectar a Pakistán e Afganistán. As mostras detectadas nas augas residuais de Londres correspóndense co “poliovirus circulante de orixe vacinal de tipo 2”. De todas formas, o pediatra galego Federico Martinón-Torres fíxose eco en Twitter da noticia asegurando que “se estás correctamente vacinado, non hai problema”.

Publicidade

Que pasou?

A Axencia de Seguridade Sanitaria de Reino Unido (UKHSA) anunciou a semana pasada que atopara poliovirus en mostras residuais recollidas nunha planta de tratamento de augas de Londres entre febreiro e xuño deste ano.

Trátase de “poliovirus circulantes de orixe vacinal de tipo 2” —cuxa orixe está nas vacinas atenuadas usadas aínda nalgúns países— e non das cepas salvaxes, erradicadas en case todo o planeta e cuxo último caso en Reino Unido se rexistrou en 1984.

Os casos de polio salvaxe reducíronse nun 99% dende 1988

Que é iso de polio derivada de vacinas?

A vacina para a polio pode ser de dous tipos: inactivada e atenuada. A primeira úsase en países como Reino Unido e España e non pode causar infección. A segunda pode provocar infección e, en casos moi raros, parálises en persoas non vacinadas. Estes casos sintomáticos prodúcense cando o virus atenuado circula nunha poboación sen suficiente inmunidade durante un tempo ata que muta.

A vacina oral (vacina Sabin) é deste segundo tipo. O seu uso permitiu reducir os casos de polio salvaxes nun 99% desde 1988, segundo a OMS, e aínda se utiliza porque é fácil de administrar e permite atallar brotes de forma rápida en países cun mal saneamento.

Con todo, os poliovirus circulantes derivados de vacinas convertéronse nun reto na fase actual de erradicación da poliomielite. Xunto co aumento de casos salvaxes presentes en países como Afganistán e Paquistán, fixeron que a OMS declarase a polio como emerxencia de saúde pública de importancia internacional en 2014.

É excepcional atopar estes poliovirus?

A UKHSA explicou que é normal atopar entre 1 e 3 mostras de poliovirus derivado de vacinas cada ano no Reino Unido. Estas son deteccións únicas procedentes de individuos illados que foron vacinados coa vacina oral atenuada da polio nalgún dos países nos que aínda se emprega.

A novidade reside en que estes virus foron detectados ao longo de varios meses, entre febreiro e xuño, e que as súas secuencias xenéticas foron cambiando. Isto indica que hai un individuo infectado de maneira crónica ou, máis probablemente, algo de transmisión comunitaria entre persoas con pouca inmunidade.

Aínda non se coñece a orixe, pero pénsase que procede de alguén vacinado noutro país

De onde saíu?

En Reino Unido a vacina oral de Sabin deixou de utilizarse en 2004. Cando unha persoa vacinada nun país que aínda a utiliza viaxa a Reino Unido, poden detectarse estes virus de forma temporal nas súas feces.

Aínda que non se sabe a orixe destas deteccións, é de esperar que veñan de alguén vacinado nun dos países que aínda recorren á vacina oral.

Debemos preocuparnos?

Os casos de parálises por polio derivada de vacinas son raros, e máis nunha poboación inmunizada. Con todo, se existe transmisión e esta continúa, o virus podería mutar nun capaz de producir parálise en persoas non vacinadas. Ademais, os médicos poderían ter dificultades para diagnosticar unha enfermidade da que non esperan atopar casos.

Que medidas hai que tomar?

De momento non se detectaron casos sintomáticos en Reino Unido, pero tanto os expertos como a UKHSA insistiron na importancia de que os nenos e nenas teñan todas as súas vacinas actualizadas. Debido á pandemia, as autoridades sanitarias do país advertiron de que en moitos lugares de Inglaterra a vacinación caeu mesmo por baixo do 50%.


*Unha versión deste artigo foi publicada no Science Media Centre España. Podes lela na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Bruselas elixe a galega Zendal para fabricar vacinas en futuras emerxencias sanitarias

O acordo de reserva de capacidade subscribiuse cunha duración inicial de catro anos

A primeira vacina contra o virus sincitial en adultos chegará a finais de 2023

Un novo estudo, no que participa o investigador galego Federico Martinón, supera a fase de eficacia clínica