Xoves 18 Abril 2024

Cando Lugo acolleu a proba piloto da vacina contra a polio

A provincia, xunto a León, foi escenario en 1963 o comezo da campaña de inmunización que contribuíu de xeito decisivo a eliminar a doenza en España

En xuño de 2020, cando o mundo comezaba a repoñerse do desconcerto causado pola primeira vaga da pandemia da Covid-19 e se agardaban con ansia as vacinas, o xornalista Manuel Ansede rescataba en Materia a historia de Rafael Nájera. Despois de perder á súa esposa por mor do coronavirus, e superar el mesmo a enfermidade, Nájera contoulle como, case 60 anos atrás, se embarcara nunha campaña de saúde pública que foi o primeiro paso para acabar cunha doenza que aínda hoxe é visible a través dos coñecidos como nenos da polio. A lombos dunha mula ou dun carro, chegando a aldeas illadas nas serras de Lugo e León, un equipo de científicos inmunizou a máis de 200.000 nenos e nenas coa vacina desenvolvida uns anos antes por Albert Sabin, un científico estadounidense de orixe polaca que decidiu logo non patentar o seu achado, como fixo Jonas Salk, o artífice da outra fórmula que contribuíu a acabar coa epidemia, e por tanto renunciar a millonarios beneficios.

O fito de Sabin e Salk puxo fin ao sufrimento de millóns de nenos e as súas familias en todo o planeta. O virus da polio ataca as células motoras do sistema nervioso, o que xera parálises e atrofias irreversibles nas persoas que desenvolven a enfermidade, e pode mesmo causar a morte. Daquela España estaba a padecer un dos episodios máis severos da polio, e a propia provincia de Lugo vivira unha notable onda epidémica no ano 1958. As autoridades franquistas intentaran estender a inmunización, nun primeiro momento, coa fórmula de Salk, xerando un fondo debate entre sanitarios e os distintos organismos e ‘familias’ do franquismo, para escoller a máis acaída. Algún artigo mesmo chega a falar da “batalla de Madrid” entre estas distintas correntes. Finalmente, as dificultades loxísticas desta vacina fronte á administración oral da de Sabin, con menor custo, máis rápida e máis fácil de aplicar, levou a optar por esta. Unhas poucas pingas do fármaco, diluídas en azucre para adozalo e reducir así a súa acidez, chegaron ás bocas de centos de miles de cativos.

Publicidade

Hoxe en día, como se está a ver coa campaña da vacina contra a Covid-19, o procedemento para conservar as doses en boas condicións require de equipos de ultraconxelación, o que é posible grazas ao gran avance tecnolóxico. Mais daquela, nos anos 60, con moitos menos medios, o equipo que impulsou aquel plan conseguiu organizar, por primeira vez en España, unha cadea de frío, a través de cámaras frigoríficas portátiles, neve carbónica e xeo seco. Un auténtico fito da saúde pública.

A elección de Lugo e León: un ensaio?

Información de "El Progreso" sobre a campaña piloto da polio en Lugo e León.
Información de “El Progreso” sobre a campaña piloto da polio en Lugo e León.

En canto se decidiu optar pola vacina oral, acordouse que Lugo e León fosen os puntos de partida para estender logo a protección ao resto do territorio estatal. As razóns foron diversas, e nelas conflúen factores xeográficos e tamén políticos. Unha investigación publicada en 2009 por Juan Antonio Rodríguez Sánchez (Universidad de Salamanca) e Jesús Seco Calvo (Universidad de León) expoñía que a pugna entre dous organismos controlados por cadansúa familia franquista (a Dirección General Sanidad dos militares católicos e o Seguro Obligatorio de Enfermedad do Instituto Nacional de Previsión, controlado pola Falange) tivo moito que ver. Así, esta última institución iniciara a campaña a comezos de 1963 coa inxección da fórmula de Jonas Salk, que acabou fracasando.  A visita do propio Albert Sabin a España, onde impartiu conferencias sobre os seus avances, acabou de decantar a balanza a prol da súa.

O traballo de Rodríguez e Seco suxire, ademais, a posibilidade de que a campaña, recordada hoxe como un fito da saúde pública en España -contribuíu claramente a acabar coa polio en poucos anos- tivese un reverso menos amable. Postulan os autores que aquela primeira etapa fose unha especie de “macroensaio” que “se ocultou” á poboación e a algúns dos propios médicos involucrados na mesma.

Un bebé recibe a vacina da polio na campaña desenvolvida en Lugo e León. Foto publicada en "La Noche" o 23 de xullo de 1963,
Un bebé recibe a vacina da polio na campaña desenvolvida en Lugo e León. Foto publicada en “La Noche” o 23 de xullo de 1963,

Achegan evidencias como, por exemplo, o diferente método de administración: en León as dúas fases estiveron separadas por seis semanas (maio-xullo), mentres que en Lugo houbo unha primeira de maio a xuño e outra de outubro a novembro. Igualmente, as vacinas eran diferentes en composición; mentres que en León se vacinou nas dúas fases coa vacina trivalente (tipos I, II e III), en Lugo vacinouse na primeira etapa coa monovalente tipo I e na segunda, coa bivalente II e III.

Deste xeito, conclúen os investigadores, cobraba sentido a idea de que se concibise esa primeira fase como un ensaio, ao situarse en provincias limítrofes entre as cales o intercambio de información sería máis sinxelo. Outra das razóns está nos contactos que o xefe provincial de Sanidad de Lugo, José Pérez Mel, tivera co doutor Florencio Pérez Gallardo, director do Centro Nacional de Virus, manifestándolle anos antes que traballaba na procura “dun poboado de Pedrafita do Cebreiro que resultase axeitado para a experiencia no caso de que a Superioridade o autorice”.

Na preparación da campaña tivo tamén un papel relevante o galego José Manuel Romay Beccaría, daquela Secretario General da Dirección General de Sanidad. Romay, que despois tamén sería ministro de Sanidad e conselleiro de Agricultura e Sanidade na Xunta de Galicia, recibiu a proposta de Pérez Gallardo para convencelo de iniciar a vacinación coa fórmula oral de Sabin, aceptou o plan e acadou o apoio gobernamental para poñer en marcha o proceso.

Sexa como for, aquela experiencia difundiuse nos medios como unha “campaña piloto”. Segundo expón Rafael Nájera nun libro publicado en 2019, escolléronse Lugo e León, entre outras claves, pola súa “variedade xeográfica”, tendo en conta as agrupacións de concellos, a dispersión da poboación, as áreas de difícil acceso, a existencia de rexións chas e montañosas, a dispoñibilidade dos xefes provinciais de sanidade e a súa experiencia previa en campañas anteriores de saúde pública. O doutor Luis Valenciano Claver, que formou parte nas primeiras campañas nacionais de inmunización contra a polio, engadía que a elección de Lugo e León tiña por obxectivo “comprobar que a vacina oral podía chegar a calquera rincón de España, por difícil e remoto que fose”.

Instaláronse case 1.000 puntos de vacinación en Lugo, co obxectivo de estar a un máximo de 5km de calquera habitante

Máis do 90% de cobertura

Alén desta controversia, e tendo en conta as peculiaridades de cada provincia, deseñouse unha campaña para inmunizar á poboación diana, entre os seis meses e os sete anos de idade, rango no que se producían a gran maioría das infeccións, as parálises e as mortes. Mentres que en León a vacina foi levada aldea a aldea, ás veces ao lombo de burros, como lembra Rafael Nájera, a dispersión da poboación de Lugo obrigou a deseñar outro plan. Como mostra están os datos de que León, con 584.000 habitantes daquela fronte aos 480.000 de Lugo, tiña 10 veces menos entidades de poboación (1.524 fronte a 10.047).

O obxectivo de Pérez Mel e o coordinador da vacinación en Lugo, Luis López Villalba era “que os desprazamentos da poboación aos puntos vacinais non superasen os 5km de distancia”, polo que se instalaron 943 puntos de vacinación. O fármaco distribuíuse ás autoridades locais, encargadas igualmente de recoller os datos de cobertura da campaña.

Cartel da campaña contra a polio en 1963. Fonte: Nájera (2019).
Cartel da campaña contra a polio en 1963. Fonte: Nájera (2019).

O 14 de maio de 1963 comezou o reparto e administración da vacina polas vilas e aldeas lucenses. Días antes, o doutor Pérez Gallardo impartiu unha conferencia no Instituto Provincial de Sanidad, na que participaron moitos dos médicos da provincia, e que serviu de orientación para a inmunización. Nos xornais como El Progreso ou La Noche publicábanse decote avisos e informacións para convencer á cidadanía a acudir á chamada.

Nas dúas provincias superouse o 90% de participación, e en Lugo administráronse máis de 90.000 doses en menos de dous meses. Por exemplo, en apenas dous días inxectáronse máis de 4.000 doses na cidade de Lugo en varios puntos de vacinación, como a Casa Consistorial, o Instituto de Hixiene, a Casa de Socorro ou o Centro de Alimentación Infantil. Segundo destacaron os supervisores da campaña, a administración oral supuxo “un efecto mobilizador e de aceptación” ao ver como os nenos “recibían as pingas diluídas en azucre fronte ás temidas inxeccións”.

As noticias sobre a campaña solápanse en xornais como El Progreso con anuncios para recorrer á caridade na atención das vítimas para ás que a vacina non chegou a tempo. No mes de agosto de 1963 publícanse varias chamadas para axudar a un “neno con secuela de polio” que “precisa aparatos ortopédicos” por valor de 700 pesetas, que finalmente se acaban conseguindo.

Os resultados, segundo lembraba Nájera nun artigo para a Agencia SINC, falaron de seu: de máis de 2.000 casos en España no ano 1960 pasouse a 62 en 1965. O 98,8% dos nenos e nenas españois de entre seis meses e sete anos, arredor de 4.680.000 foron vacinados en cuestión de meses. Posteriormente produciuse algunha lixeira repunta de infeccións polo freo ás campañas de inmunización nas seguintes xeracións, pero en moita menor magnitude. O último caso en Galicia rexístrase en 1982, e no ano 1988, a polio quedou erradicada en España. Anos despois, o propio doutor Nájera, que se convertería en primeiro director do Instituto de Salud Carlos III, asinaba o documento que certificaba a desaparición da polio en España.

Casos anuais de polio en España e media anual nos diversos períodos sinalados. Fonte: Nájera (2019).
Casos anuais de polio en España e media anual nos diversos períodos sinalados. Fonte: Nájera (2019).

Galicia aínda había de ser escenario de novos avances que conduciron á erradicación. Segundo conta Nájera na súa obra El Instituto de Salud Carlos III en el marco de la evolución de la Salud Pública, foi á beira das Rías Baixas onde se deseñou a campaña a nivel estatal que protexería da polio aos nenos e nenas españois despois da primeira experiencia en Lugo e León. “Durante o verán do 63 convivimos [Luis Pérez] Villalba e máis eu no Hotel Cachalote de Portonovo (Pontevedra) con Florencio [Pérez Gallardo], que veraneaba alí coa súa familia, dedicándonos a preparar o documento que ía a servir de base para levar a cabo neste outono a primeira dose da vacina en toda España”. En novembro, Pérez Gallardo anunciou nunha rolda de prensa a extensión da campaña ao resto do territorio estatal, o gran fito de saúde pública que eliminou a enfermidade.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura