Patricia Rey durante o 21 Congreso Nacional de Hospitais, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.
Patricia Rey durante o 21 Congreso Nacional de Hospitais, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Patricia Rey: “A investigación ten que axudar a pé de cama aos pacientes”

A directora de innovación do Instituto Biomédico de A Coruña participou no 21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria

Patricia Rey Pérez (A Coruña, 1984) é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de molecular e biotecnoloxía. Movida pola necesidade de coñecer a dimensión técnica, estuda tamén Aparelladores. Actualmente, é directora de organización e innovación no Instituto Biomédico de A Coruña (INBIC) e directora da Fundación Profesor Novoa Santos.

– Que esperta o seu interese pola rama da biotecnoloxía?

– A verdade é que o tiña bastante claro. Parecíame a rama con máis aplicación, e de feito, a mensaxe coa que traballamos é que os resultados de investigación deben ter aplicación práctica. Xa daquela parecíame que a rama máis aplicable era esa, e ademáis é algo que vai coa miña personalidade.

– Agora mesmo é directora de organización e innovación no Inibic e directora da Fundación Profesor Novoa Santos. Que relación teñen exactamente ambas entidades?

– O instituto é un ente que ten como órgano de xestión a fundación. O instituto é a organización a nivel científico dos grupos e demais, e a nivel administrativo é fundación quen leva esa carga de xestión. É un traballo que toca moitos paos, por iso realicei un MBA para ampliar a miña formación.

– Cal é o obxectivo principal da Fundación Novoa Santos?

– A fundación ten que promover e xestionar a innovación e investigación que se realiza nas áreas sanitarias de A Coruña e Ferrol. O SERGAS dispón de tres fundacións que repártense as áreas sanitarias. No noso caso, levamos as sedes de A Coruña e de Ferrol.

O Instituto de Salud Carlos III, que é quen nos acredita, quere situar aos hospitais no centro da investigación: que o obxectivo prioritario sexa desenvolver unha investigación translacional que poida reverter no beneficio dos pacientes. Para iso que ten que haber unha vocación de aplicación na práctica habitual da investigación que se desenvolve, e atraer dalgún xeito a investigación académica

Entón, o que fan os institutos é xuntar estas dúas partes. Pon o foco nos hospitais, e atrae a investigación académica que se fai nas universidades para que a investigación máis básica entre en contacto coa investigación máis clínica, e a partir de aí se desenvolvan sinerxías;  porque a investigación ten que axudar a pé de cama dos pacientes.

– E que beneficios ten para a sociedade contar cun organismo que combine as necesidades reais coa investigación?

– Ten moitísimos beneficios, pero hai un moi moi claro: a atención que reciben os pacientes é a máis punteira que existe neste intre. O nivel de desenvolvemento que existe e a investigación que se fai correspóndese co maior nivel de coñecemento deste momento sobre a patoloxía, os mecanismos de detección precoz ou tratamentos; aínda que o mellor ámbito é o investigador. Polo tanto, ao trasladar ese coñecemento á práctica habitual, os pacientes benefícianse das mellores técnicas que se coñecen ata o momento.

– Que relevancia ten a formación no tratamento dos pacientes?

– Nós somos unha fundación un tanto particular. O SERGAS ten a xestión de innovación repartida por áreas, pero no noso caso, ademáis, contamos cun centro de formación xestionado dende a Fundación. O seu obxectivo é mellorar a formación e a destreza dos profesionais sanitarios. Póñoche o exemplo da aplicación de novas técnicas nunha operación cirúrxica; os profesionais poden pasar polo noso centro de formación para practicar esa técnica en modelos animais, e acadar así destreza e práctica. Deste xeito, á hora de aplicala cun paciente, o grao de coñecemento xa está adquirido.

– Que achega o centro de formación a nivel autonómico?

Para nós a docencia é algo prioritario; primeiro porque temos os medios para poder mellorala, e segundo porque cremos que é fundamental que cando un profesional sanitario atende un paciente o faga co maior grao de coñecemento posible. Por iso temos moitos cursos de todo tipo. Somos o centro de referencia para a formación a nivel internacional en Europa, xa que practicamente ningún centro da nosa comunidade nin do territorio nacional ten estas características. Veñen profesionais de todo o mundo para formarse nestes cursos.

– Como se incorporan as tendencias europeas no ámbito autonómico? Que relación hai entre os dous escenarios no ámbito científico?

– Eu tiven a oportunidade de traballar en Europa, e a forma de traballar aquí agora mesmo é bastante similar. Eu creo que a forma de traballar en España, polo menos en Galicia, que é o que eu coñezo máis de preto, avanzou moitísimo nos últimos anos, precisamente para estar no punto en que se atopa agora mesmo Europa. Hai anos, o normal era que unha terapia se desenvolvera de forma preclínica noutros países europeos; e nós desenvolvimos a capacidade de facer esa investigación preclínica tamén nos nosos centros.

A nivel de investigación clínica, nós temos que pasar as fases de validación dunha medicación para que poida chegar a comercializarse (o que son os ensaios clínicos). Un dos últimos que formalizamos é de terapia xénica, que é o máis punteiro que agora mesmo no ámbito da hematoloxía. Somos o único centro de Galicia, e logo hai outro centro español; o resto de centros que participan son centros xa internacionais. Entón eu creo que agora mesmo estamos bastante ben posicionados.

“O máis difícil do traballo diario é a procura de financiamento”

– Cal é a maior dificultade que atopan no día a día para desenvolver o voso traballo?

– Son varias, pero no aspecto de desenvolvemento de proxectos, o máis difícil é a procura de financiamento. O sistema de I+D+i no noso país, aínda que mellorou moito, é inmaduro nalgúns aspectos; isto dificulta ás veces realizar un proxecto cando non ten un nivel de desenvolvemento suficiente. Imaxina que tratando cun paciente atopas unha necesidade e tes unha idea. Pasa moito tempo dende que tes esa idea ata que consegues financiamento para poder desenvolvela. Ademais, como non é algo tanxible, e ás veces os resultados son a medio-longo prazo, é difícil obter financiamento nestas condicións. Algúns momentos, o máis duro deste traballo é ter un proxecto marabilloso e non conseguir, ou polo menos de forma sinxela, financiamento para poder desenvolvelo.

– Non se consegue financiaciamento sen algo tanxible, e non se consegue algo tanxible sen financiamento. Como solventan esta situación?

– Efectivamente. Ás veces atópaste nun bucle. Tes a idea e non a consegues plasmar porque non tes forma de facer ese prototipo; e sen iso tampouco podes buscar os recursos. Aínda que nos últimos anos, dende a industria, a nivel galego, nacional e internacional, identificáronnos como centros de coñecemento. Eu creo que son conscientes de que aquí se poden facer desenvolvementos no ámbito de I+D+i, dos cales eles poden obter unha vantaxe competitiva. Pero para iso debes estar en condicións de poder contar cal é a túa idea cunha seguridade, e ter protexidos os teus resultados: estamos a traballar nun sector público, e nós debémonos aos pacientes e aos contribuíntes. Temos que procurar esa protección dos resultados. Pero cando non tes un prototipo é difícil que poidas garantir esa protección. E hai que engadir que aínda que sexa un aspecto frustrante, as maiores satisfaccións veñen da man do desenvolvemento final dun proxecto, cando finalmente consegues un produto viable que ten aplicación.

“As maiores satisfaccións veñen cando finalmente consegues un produto que ten aplicación”

– Cal é o principal reto do instituto agora mesmo?

– Eu creo que temos un reto claro: ser competitivos a nivel europeo. Agora mesmo o financiamento público nacional non pasa polo seu mellor momento porque a conxuntura económica que tivemos nos últimos anos tampouco permitía un fluxo de diñeiro cara ao I+D+i. En Galicia temos a sorte de contar coa Axencia Galega de Innovación, que comprende esta problemática e trata de sacar convocatorias axustadas ás nosas necesidades. Pero alén diso, a loita pola visibilidade está en Europa. Nós estámonos preparando: temos varios proxectos europeos xa activos, pero a nosa intención é poder ser competitivos e captar máis proxectos e máis financiamento no curto prazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.