Xoves 25 Abril 2024

Os falsos mitos dunha droga que probou unha de cada tres persoas

O profesor da UVigo Manuel Isorna ofrece un obradoiro sobre o consumo de cannabis e tabaco con alumnos da Universidade

“É mellor fumar un porro ca un cigarro”, o cannabis “non produce dependencia” ou non ten efectos cerebrais negativos. Son algúns dos mitos que circulan sobre o consumo desta droga, que toman habitualmente 2,1 millóns de persoas en España, e 600.000 delas diariamente. Desbotar estas crenzas foi un dos obxectivos centrais do obradoiro Prevención de cannabis e tabaco baseada na evidencia científica que se desenvolveu este mércores na vicerreitoría do campus de Pontevedra, impartido por Manuel Isorna, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e técnico en prevención de drogodependencias.

A charla buscaba “sensibilizar e empoderar aos e ás asistentes” respecto dos efectos de dúas drogas que constitúen “un problema de saúde pública de primeira orde”. Segundo os datos do Plan Nacional sobre Drogas, 9,6 millóns de persoas de todas as idades consumen tabaco diariamente en España, alén dos xa mencionados datos do cannabis, segundo subliñou Isorna, quen puxo énfase en que “en España temos un dos índices de consumo máis altos de toda Europa” destas substancias.

Publicidade

O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, foi o encargado de presentar un taller que Isorna abriu poñendo sobre e mesa datos como que o 75% dos consumidores de cannabis, droga que o 31% da poboación tomou nalgunha vez na súa vida, teñen entre 15 e 34 anos e que o 75% son varóns. Do mesmo xeito, os responsables deste taller expuxeron aos e ás asistentes os efectos que ten para a saúde o consumo destas substancias, lembrando por unha banda que un cigarro ten 4.000 substancias químicas, 250 delas nocivas para a saúde e 50 canceríxenas, ou poñendo o foco sobre os efectos do cannabis no cerebro e no feito de que os niveis de THC desta droga hoxe en día “son cinco veces maiores” que os da que se producía ata a década de 1990.

Deste xeito, explicou Isorna, responsable de impartir este taller xunto a Guillermo Santos, da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, buscábase incidir en que “non existe un consumo recreativo de cannabis, senón que sempre hai un risco”, como, por exemplo, que a probabilidade “de sufrir psicoses ao longo da vida é cinco veces máis elevado entre os consumidores de marihuana”.

Evidencias fronte a crenzas e mitos

Inserido nas actividades do grupo de traballo para o estudo e abordaxe de políticas de control do policonsumo de cannabis e tabaco Évict, o obradoiro organizado pola Vicerreitoría buscaba rachar con algunhas crenzas e afirmacións vinculadas ao consumo de cannabis a través da abordaxe dos resultados de diferentes estudos.

Nese senso, Isorna buscou rebater mitos como que “é mellor fumar un porro que un cigarro”, incidindo en primeiro termo en que en preto do 90% dos casos, esta droga ilegal consúmese mesturada con tabaco, “polo que a persoa non está consumindo unha substancia psicoactiva senón dúas”, e alertando así mesmo de que “fumar cigarros duplica a probabilidade de chegar a consumir cannabis e viceversa”. Do mesmo xeito, Isorna incidiu tamén no feito de que “o haxix chega a ter cinco veces máis alcatrán ca un cigarro”, ao que se suma en que normalmente consúmese sen filtros ou con filtros de cartón “que fan que todas as substancias, incluso as incandescentes, pasen directamente ao torrente sanguíneo, á vez que pasa unha cantidade máis elevada de fume, provocando antes enfermidades máis graves”.

O responsable deste obradoiro puxo tamén o foco en que diferentes estudos científicos “demostran que o consumo continuado” desta droga “pode producir adicción, especialmente cando se consume na adolescencia”, idade na que se produce xeralmente o inicio no consumo de cannabis e tacabo, explicou.  Dó mesmo xeito, Isorna abordou os efectos do THC no cerebro co propósito de rebater a idea de que esta droga non ten “efectos cerebrais negativos” e detívose tamén no uso terapéutico do cannabis, explicando como derivados desta substancia “empréganse con fins terapéuticos, para paliar, xa que non curan absolutamente nada” os efectos da esclerose múltiple, da dor crónica ou das náuseas e vómitos que padecen persoas sometidas a tratamentos de quimioterapia. “Pero estamos falando de medicamentos, nunca do cannabis fumado”, subliñou.

Ferramentas para divulgar

O cultivo e a produción tanto de tabaco como de cannabis foron outras das cuestións abordadas nun obradoiro no que Isorna explicou tamén como se obtén tanto a marihuana como o haxix e o aceite de haxix, “nos que a concentración de droga é máis alta”, e as formas nas que se consumen estas substancias. Do mesmo xeito a información viuse complementada pola exposición dunha serie de produtos, que se comercializan legalmente, vinculados ao consumo de cannabis, á vez que cunha serie de “experimentos”, como a medición dos niveis de monóxido de carbono en sangue, dirixidos a achegar aos e ás asistentes dunha forma visual os danos producidos polo tabaco nun taller que buscaba non só concienciar aos e ás asistentes, senón dotalos tamén de “habilidades” para  que poidan contribuír á sensibilización de outros e outras, motivo polo o taller pechouse achegando aos e ás asistentes “unhas pinceladas de técnicas como a entrevista motivacional”, que axudan a promover cambios cara estilos de vida máis saudables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...