Venres 29 Marzo 2024

Que dixo a OMS do contaxio do SARS-CoV-2 mediante obxectos? Nada, segue limpando

Un documento da axencia no que se di que "non hai evidencia" de contaxios por esta vía xera confusión ao interpretar que non existe risco

Unha confusión difundida por algúns medios de comunicación á hora de interpretar un informe técnico da Organización Mundial da Saúde (OMS) sementa desde o sábado un importante debate respecto ao risco de transmisión a través dos chamados fómites, os obxectos inertes que poden actuar como vector de contaxio por quedar depositadas neles partículas virais procedentes de persoas infectadas. Estes obxectos, en especial os que están máis expostos ao tacto de diferentes persoas (pomos de portas, botóns de ascensores, cubertos, estruturas dentro dos compartimentos dos transportes públicos, etc.) son un dos principais puntos de advertencia á hora da hixiene e a limpeza no marco da pandemia.

“No momento desta publicación, e coa información dispoñible, a transmisión da Covid-19 non se puido vincular de forma concluínte a superficies contaminadas”, expón o documento Limpeza e desinfección de superficies no contexto da Covid-19, publicado pola axencia intergobernamental. O que vén a dicir a frase é que ningún estudo atopou evidencia directa dun contaxio a través do contacto directo con fómites contaminados. Pero isto é moi diferente a soster que a OMS afirma que o SARS-CoV-2 non se transmite a través deles, algo moi distinto e mesmo perigoso, xa que alimenta unha vez máis sospeitas sobre a necesidade das extremas medidas de hixiene e, con elas, a actuación das autoridades sanitarias. É dicir, non existe ningunha contradición coas recomendacións ditadas desde o comezo da crise, e o aprendido durante moito tempo pola ciencia leva a pensar que hai risco de transmisión, porque o virus tamén está nos obxectos.

Publicidade

Para expoñer con rotundidade que existe un contaxio a través de fómites nun artigo científico, os investigadores terían que descartar totalmente, por exemplo, a que segue sendo a principal fonte de infección, as micro-pingas respiratorias dunha persoa infectada, sobre todo en espazos pechados e con contacto estreito entre individuos. O problema é, como é lóxico, que se hai fómites contaminados nun espazo, é moi probable que existan persoas infectadas nese lugar e, por tanto, o contaxio se tivera producido a través de vía aérea, por onde o número de partículas virais é moito maior e se produce nese preciso momento.

Aínda que numerosos estudos teñen analizado e demostrado a resistencia do virus con capacidade de contaxio ata dous días en determinadas superficies, é moito máis improbable que a vía de infección sexa esa, polas lóxicas precaucións que os cidadáns están tomando para previr estes contaxios e as estritas medidas de hixiene e desinfección.

Neste sentido, a química e divulgadora coruñesa Deborah García Bello resumiu a confusión cunha frase: “A ausencia de evidencia non é evidencia de ausencia”. É dicir, que non se poida demostrar aínda non significa que, unha vez reunida a información dispoñible, poida acabar demostrándose, o que é un dos alicerces do coñecemento científico.

A isto mesmo referiuse na súa comparecencia diaria o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. “Os virus transmítenos as persoas, pero ás veces estes virus poden quedar en determinadas superficies”. Con, todo, engadiu Simón, a transmisión a través destas “é moito menos eficaz que cando inhalamos ou tragamos o virus” por contacto directo cunha persoa infectada.

Manter a hixiene

O propio documento que xerou a confusión insiste, alén de expoñer a falta de evidencias ao respecto, en manter as medidas de hixiene e desinfección. “As superficies de maior contacto en espazos non hospitalarios deben identificarse para a súa desinfección prioritaria“. Isto inclúe, expón a OMS, “os pomos de portas e ventás, as áreas de cociña e preparación de comida, encimeiras, superficies de baño, inodoros e billas, equipos táctiles e superficies de traballo”.

Esta nova polémica engádese ás críticas que recibiu a axencia sanitaria pola súa xestión da pandemia desde diversos sectores. Tal e como inciden expertos coñecedores da comunicación da saúde, a necesidade da OMS enviar mensaxes claras e comprensibles para unha audiencia de máis de 7.000 millóns de persoas provoca que, en determinados casos, factores culturais ou políticos xeren unha distorsión en determinadas rexións sobre estas mensaxes.


Máis información:

Cleaning and disinfection of environmental surfaces in the context of COVID-19 (Publicado pola OMS, en inglés).

Stability of SARS-CoV-2 in different environmental conditions (Publicado por The Lancet, en inglés).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo participa nun proxecto europeo para combater as infeccións máis perigosas do mundo

Dous equipos do CINBIO traballarán na formulación e administración dos medicamentos ao tracto gastrointestinal a través da nanotecnoloxía

Primeiro caso de gripe porcina en humanos en Reino Unido: isto é o que sabemos

A infección pertence a unha subvariante distinta que os casos detectados anteriormente, pero os expertos agardan que non presente grandes diferenzas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios