Venres 26 Abril 2024

A primeira vacina experimental contra a Covid-19 xera inmunidade

A compañía Moderna anuncia que o seu novo método de inocular ARN xera unha protección tan potente como a dos pacientes que superaron a enfermidade

Un total de 118 proxectos de vacina traballan no mundo para atopar unha protección duradeira contra o coronavirus SARS-Cov-2. Pero, de entre todos estes programas rexistrados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), hai un que semella ir por diante: o da compañía estadounidense Moderna, que vén de anunciar o primeiro éxito nun ensaio experimental. Segundo os primeiros informes, o seu proxecto de vacina xera unha forte inmunidade contra a enfermidade da Covid-19.

O proxecto de Moderna está baseado nunha nova tecnoloxía xenética. O común era empregar virus modificados, por exemplo do arrefriado común. Pero Moderna probou unha nova idea: inxectar aos pacientes parte do material xenético do coronavirus, o que produce precisamente a súa coroa, que é a súa porta de entrada nas células. O organismo produce anticorpos que finalmente loitan contra o virus ao ter loitado previamente contra unha parte emblemática da súa estrutura.

Publicidade

Estes primeiros resultados están á espera de estudos máis amplios, pero indican que a vacina xera unha resposta inmunitaria tan potente como a dos pacientes que superaron a enfermidade. Comprobouse, ademais, que quen recibe a vacina xera anticorpos neutralizantes contra o coronavirus, é dicir, o tipo de anticorpos que bloquean directamente o virus e impiden que infecte células humanas.

Tras estes resultados, baseados nos primeiros 45 voluntarios que recibiron a vacina, Moderna recibiu autorización para iniciar nas videiras semanas un segundo ensaio clínico con 600 participantes. A compañía ten previsto iniciar un terceiro ensaio con milleiros de persoas en xullo, que debe achegar os últimos datos necesarios para solicitar a aprobación da vacina.

“O equipo de Moderna está focalizado en avanzar tan rápido e con tanta seguridade como sexa posible”, declara Stéphane Bancel, conselleiro delegado da compañía, no comunicado no que se anuncian os primeiros resultados da vacina. “Estamos a investir en aumentar a produción para maximizar o número de doses e axudar a protexer a tantas persoas como poidamos fronte ao SARS-CoV-2”.

Se os resultados dos próximos ensaios clínicos son positivos, a compañía podería empezar a distribuír a vacina a grande escala a finais deste ano ou principios de 2021, informou Tal Zaks, director médico da compañía, a The New York Times.

Moderna informou que terá capacidade de producir millóns de doses mensuais en 2020 e espera poder aumentar a ducias de millóns en 2021. O goberno de Washington achegou 483 millóns de dólares á compañía para incrementar a súa capacidade de produción, polo que está en condicións de pedir que a distribución da vacina priorice aos Estados Unidos. Pero Moderna di que quere poñer a vacina a disposición mundial.

A vacina de Moderna, chamada por agora mRNA-1273, consiste nunha tecnoloxía distinta á de calquera das vacinas actualmente dispoñibles. En lugar de inocular virus para inducir unha resposta inmunitaria como fan as vacinas tradicionais, ou de inocular directamente as proteínas que xerarán esta inmunidade, esta nova vacina inocula instrucións xenéticas. Son estas instrucións, codificadas en moléculas de ARN, as que producirán as proteínas que estimularán a inmunidade contra o virus.

A nova vacina usa un método diferente baseado en moléculas de ARN

O equipo científico de Moderna iniciou o desenvolvemento da vacina en canto China publicou o xenoma do SARS-CoV-2 o 10 de xaneiro. Centrouse na proteína S do virus (do inglés Spike, ou espiga), que sobresae da súa membrana para darlle aparencia de coroa ao observalo nun microscopio (de aí o nome de coronavirus). Esta é a proteína que o virus emprega a modo de gancho para amarrarse ás células ás que infectará. Por iso, os anticorpos que a neutralicen privarán ao virus da súa capacidade de infección.

Os investigadores de Moderna produciron as primeiras doses da vacina, formadas por moléculas de ARN coas instrucións para producir a proteína S, o 7 de febreiro. Cinco semanas máis tarde, o 16 de marzo, tras realizarse varias probas de seguridade, a vacina foi inoculada por primeira vez a unha persoa. Nunca antes se tivo a punto unha vacina para ensaiar en persoas só 66 días despois de descubrirse un novo patóxeno.

No primeiro ensaio clínico, liderado polo Instituto Nacional de Alerxia e Enfermidades Infecciosas dos EUA, participaron 45 voluntarios de entre 18 e 55 anos. A prioridade, como é norma nos ensaios clínicos de fase I, foi determinar a que dose se pode administrar a vacina sen que cause efectos secundarios inaceptables.

Moderna Inc. ten a súa sede en Cambridge, Massachussetts, nos Estados Unidos.

Os voluntarios dividíronse en tres grupos que recibiron doses distintas da vacina: 25, 100 e 250 microgramos. As probas foron exitosas con 23 e 100 microgramos, producindo unha forte inmunidade. Tamén aconteceu nos voluntarios que recibiron 250 microgramos, pero tiveron efectos secundarios como amoratamento da pel na zona da inxección.

Agora, na segunda fase, os novos voluntarios recibirán de 50 a 100 microgramos de dose, co que se espera que estea afinada antes do ensaio xeral final con milleiros de persoas, previo á súa produción industrial.

Outro resultado que suxire que a vacina será eficaz é que, en ratos aos que se inoculou o coronavirus tras administrarlles a vacina de Moderna, conseguiron evitar que o virus se multiplicase nos pulmóns. Os niveis de anticorpos neutralizantes que protexeron aos ratos son equivalentes aos que se rexistraron nas persoas que recibiron a vacina.

“Estes datos substancian a nosa crenza de que mRNA-1273 ten o potencial de previr a Covid-19”, declara Tal Zaks, director médico de Moderna, no comunicado.

Agora, Moderna xa ten permiso para o seu ensaio de fase 3, no que participarán milleiros de voluntarios. Esa será a proba definitiva, pero os primeiros resultados semellan esperanzadores, co interese engadido de que abren unha nova vía científica para a produción de vacinas.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias