As cifras totais de infectados en Galicia alcanzaban este mércores as 15.858 persoas, con 856 hospitalizados. Son 200 ingresos máis que hai unha semana, con 34 deles en coidados intensivos, segundo datos da Consellería de Sanidade. Á vista estes datos, podemos falar dunha nova vaga de covid? A pesar do claro aumento de casos na comunidade no último mes, os expertos tenden ao optimismo. E incluso advirten que é posible que nos atopemos ante a que podería ser a fin das “ondas” provocadas polo SARS-CoV-2.
A entrada das sublinaxes BA.4 e BA.5 de ómicron, producida durante os meses de xaneiro e febreiro en España, deixaron ver a súa gran capacidade de infección e propagación q, en comparación con anteriores cepas do virus. Acadouse o cumio da sétima onda en Galicia o día 1 de maio e, dende entón, comezou a descender de novo a incidencia. Porén, o 12 de xuño rexistrouse un repunte de casos destas novas variantes de ómicron, que está a espertar o debate sobre a posibilidade de estar vivindo xa a oitava onda do virus.
Ante esta situación de incerteza, Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, explica que xa pasada a fase de contención e asentada a actual fase de mitigación do virus, non é acertado seguir falando de “ondas”. “Despois do levantamento de todas as medidas de prevención, excepto a máscara nalgúns interiores, era evidente este aumento da incidencia. Porén, todo apunta a que esta pode ser a última variante que detectemos do virus”, adianta o profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela.
Máis casos de ómicron pero de menor gravidade
“Hai incremento de casos, iso está claro, pero tamén pode asociarse con que estas subvariantes parecen ter certo escape inmunolóxico ás vacinas”, conta María Tomás, investigadora do Sergas no hospital da Coruña é portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica. Esta situación de repunte actual non preocupa especialmente aos expertos e lanzan unha mensaxe de “certa tranquilidade pero precaución” á poboación. Isto débese a que as persoas reinfectadas polas subvariantes da covid parecen presentar cadros menos graves que nas anteriores sublinaxes e unha menor mortalidade que en pasadas variantes do virus.
“Esta é a evolución que cabe esperar, non vexo un aumento preocupante”
Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC
As persoas hospitalizadas en Galicia aumentaron este mércores ata as 856 persoas, tras ingresar 22 pacientes máis con respecto ao pasado luns. Os casos de ingreso en UCI ascenderon aos 34 pacientes, catro máis que no día anterior. Con todo, explica Juan Gestal, “esta é a evolución que cabe esperar“. “Non o vexo un aumento preocupante, tendo en conta que temos un 2,28% de camas de UCI ocupadas, cifras moito máis baixas que en anteriores vagas do virus”, asegura Juan Gestal. Por outro lado, segundo indica a Consellería de Sanidade, únicamente o 40% dos ingresados coa covid nos hospitais teñen como causa do ingreso a enfermidade. O 60% restante foi hospitalizado por outros motivos cando se lle detectou o virus.
Ante este rápido crecemento das infeccións, Gestal insiste na importancia da vacinación. “As terceiras doses de reforzo son necesarias para protexernos da mortalidade do covid e das formas graves do virus. A maior parte da poboación sofre só catarriños como consecuencia de estar vacinado coa pauta completa”, indica. “Porén, a nivel nacional hai porcentaxes moi altas de poboación que non recibiron a terceira dose“, engade. Por outro lado, aquelas persoas que pasen a infección provocada polas novas sublinaxes, contarán cunha inmunidade híbrida que lles brindará unha maior capacidade de defensa ante posteriores reinfeccións. “Se nos contaxiamos, esta inmunidade fará que co tempo o virus remita”, expón Gestal.
Inmunidade extra para as persoas maiores e vulnerables
“A mortalidade non é como en ondas previas, pero eu sigo acosellando que teñamos especial coidado, sobre todo coas persoas máis vulnerables e cos maiores, tomando todas as medidas de protección posibles, como usar a máscara cando vaiamos a compartir espazo”, indica María Tomás. O punto de mira actualmente está posto nos maiores e nas persoas inmunodeprimidas quen teñen un maior risco de padecer complicacións. De feito, a maior parte dos ingresos hospitalarios por covid en Galicia son de persoas maiores de 60 anos.
“En setembro e outubro chegarán novas vacinas adaptadas as subliñaxes BA.4 e BA.5, o que é moi importante para as persoas vulnerables”
MARÍA TOMÁS, investigadora do Sergas
“En setembro e outubro chegarán novas vacinas adaptadas as sublinaxes BA.4 e BA.5, o que é moi importante sobre todo para as persoas vulnerables quen van estar máis protexidas da gravidade do virus”, comenta a investigadora. “Polo de agora, en determinados casos de pacientes oncolóxicos ou inmunodeprimidos, segundo criterios clínicos, estes poden optar xa unha cuarta dose das actuais vacinas”, engade.
Juan Gestal, pola súa parte, lembra á poboación que aínda que a preocupación sexa menor entre a xente inmunocompetente, débese manter a precaución, sobre todo cos maiores de 60 anos e as persoas con inmunodeficiencias, que seguen estando expostas a un maior risco de mortalidade. “Aquelas persoas que poidan estar en contacto con familiares, amigos ou coñecidos en situación de vulnerabilidade, deberían usar a máscara sempre”, destaca o experto. “Ademais, para protexerse dos demais e do propio virus, estas persoas deberían usar FPP2 en lugares pechados, sen ventilación ou en sitios nos que non se poida manter a distancia de seguridade”, engade.
O conselleiro de Sandiade, Julio García Comesaña, admitiu preocupación polo incremento de casos, pero tamén sinalou a existencia de certa “marxe”. Sobre un eventual regreso da obriación de uso de máscara, remarcou que “se fose preciso habería que poñela” de novo obrigatoriamente. “Aquí a clave vai ser a capacidade asistencial, o que podería levar a tomar”, comentou. “Non a temos encima da mesa, sen descartala, pero insistimos na recomendación”, engadiu o conselleiro.