O que sabemos sobre a vaga de coronavirus na xente nova e como pode conterse

Os expertos responden ás dúbidas sobre a transmisión na mocidade e o risco que existe dun aumento de casos, aínda que sexan menos graves en xeral

Os casos en xente nova asociados a encontros sociais están facendo qeu a incidencia do coronavirus se dispare nas últimas semanas. Foto: Pixabay.
Os casos en xente nova asociados a encontros sociais están facendo qeu a incidencia do coronavirus se dispare nas últimas semanas. Foto: Pixabay.

Un texto da Axencia SINC

1) Infecta o SARS-CoV-2 máis agora á xente nova?

Os expertos atribúen o aumento de contaxios na poboación máis nova á desescalada e aos hábitos sociais asociados ao verán, pero sobre todo ao feito de que “aínda non están vacinados”, di o pediatra Ángel Hernández Merino, Vogal do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría.

Non hai variacións en canto ao patrón de transmisión do SARS-CoV-2: ningún cambio na súa bioloxía fai que infecte máis á xente nova; simplemente, “hai máis casos entre os mozos e mozas porque o coronavirus transmítese entre a poboación que aínda non ten defensas contra el”, explica Hernández.

2) É agora máis grave a Covid-19 na xente nova?

A gravidade da Covid-19 tende a aumentar en función da idade, en especial por riba dos 40 anos. Isto non cambiou: “É moi raro que haxa enfermidade grave entre a mocidade, pero cando se infecta moita xente e os números crecen, pois aparecen os casos pouco frecuentes”, afirma Hernández.

3) Por que se dá tanta importancia ao aumento de contaxios entre os menores de 35?

Se na súa maioría os mozos pasan a infección con síntomas leves, e a poboación vulnerable está vacinada, por que nos alarmamos? Aínda que son poucos, segue habendo mozos que enferman gravemente. Pero, ademais, e aínda que a práctica totalidade dos maiores de 70 anos están xa vacinados con ambas as doses, os expertos lembran que hai poboación vulnerable por idade que aínda non está protexida coa pauta completa. As persoas de entre 60 e 69 anos están a ser vacinadas con AstraZeneca, unha vacina que confire inmunidade tras dúas doses que, segundo a última recomendación da Comisión de Saúde Pública, poden separarse de 10-12 semanas a 8-12 semanas.

Por outra banda, a eficacia das vacinas non é do 100%. Contando cunha eficacia do 90% queda polo menos un 10% de poboación vacinada que non xera inmunidade. “Esta poboación é a que estaría en risco se entra en contacto co virus, e a probabilidade de que isto ocorra “é maior canto maior é a transmisión entre os grupos non vacinados”, sinala Ángela Domínguez, Catedrática de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universitat de Barcelona, e coordinadora do grupo de traballo de vacinación da Sociedade Española de Epidemioloxía.

4) Ten sentido vacinar aos mozos aínda que a eles non lles afecte a enfermidade de maneira grave?

Os expertos insisten en que a principal arma contra a pandemia é a vacinación. “Probablemente non sexa posible erradicar o virus, pero si controlar a súa difusión na comunidade, para o que a porcentaxe de poboación non inmunizada debe reducirse ao mínimo”, explica Ángel Hernández.

Mencionan, ademais, a importancia da vacinación á hora de garantir as actividades educativas presenciais para a xente nova. Sen esquecer, por suposto, as medidas hixiénicas e de prevención, como o uso da máscara, a distancia social, o lavado de mans e a ventilación dos espazos pechados.

5) É segura a vacinación en adolescentes?

Os ensaios das vacinas en nenos e adolescentes comezaron máis tarde que con adultos, e por tanto hai menos resultados. Pero os que hai “son positivos”, asegura Domínguez. “As vacinas son moi seguras”.

A oitava e máis recente actualización da estratexia de vacinación (ver PDF) contempla a vacinación coa vacina Comirnaty de adolescentes e preadolescentes (a partir de 12 anos de idade) “en condicións de moi alto risco; situación de gran dependencia; e aquelas en centros de persoas con discapacidade intelectual, centros tutelados e centros de educación especial”.

A estratexia informa da vixilancia, por parte das axencias reguladoras europea e estadounidense, da notificación de varios casos de miocardite/pericardite en adolescentes uns días tras a administración de vacinas fronte á covid-19, sobre todo tras a segunda dose. En todos os casos a enfermidade foi leve, “cunha duración breve e cara á curación”, e aínda se avalía a súa asociación coas vacinas fronte á Covid-19. “Neste momento non se estableceu unha asociación entre estas patoloxías e a vacinación”, sinala o documento, pero séguese investigando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.