Xoves 28 Marzo 2024

Illas da provincia da Coruña: unha viaxe polos recunchos ocultos no medio do mar

De Ortigueira a Arousa, pasando polas Sisargas ou a Creba: coñeces todos os segredos dos illotes no litoral coruñés?

O litoral da provincia da Coruña, entre a beira norte da ría de Arousa e Estaca de Bares, está dominado por costas agrestes e moi expostas á bravura do Atlántico. É un percorrido de case 1000 quilómetros de entrantes e saíntes, onde a terra e o mar se fusionan constantemente formando cabos, máis tamén esteiros. E nalgúns casos, a xeoloxía e as subidas e baixadas do nivel do mar permiten que hoxe poidamos gozar de pequenos illotes que gardan historias moi interesantes.

Ningún deles está habitado hoxe de forma permanente, pero foron moi relevantes no pasado para a vida cotiá das comunidades próximas a eles. E aínda hoxe manteñen a fascinación que adoitan xerar estes enclaves rodeados polo océano. Son espazos cun notable interese natural e cultural. Con todo, algunhas delas seguen sendo couto privado para os seus propietarios. Aquí percorremos as illas máis destacadas no litoral coruñés:

Publicidade

Illa de San Vicente (Ortigueira)

Vista da illa de San Vicente, co cabo Ortegal ao fondo. Foto: Céltigos/ CC BY-SA 3.0.
Vista da illa de San Vicente, co cabo Ortegal ao fondo. Foto: Céltigos / CC BY-SA 3.0.

Este illote, que acada no seu punto máis alto máis de 50 metros de altura, está moi preto da praia de Morouzos (tanto que nas mareas máis baixas se pode acceder a ela a través dun banco de area). Ten un importante valor natural no contexto da ría do Ladrido e, segundo destaca o Instituto Geológico y Minero de España, nela poden observarse afloramentos de ofiolita, cunha secuencia de xistos verdes datados en arredor de 400 millóns de anos.

No 2016, a illa, protexida por varias figuras como a ZEC, a ZEPA e a Rede Natura, acadou protagonismo nos medios ao saír ao mercado durante unhas semanas, o que xerou un importante debate na zona. Os Teijeiro, a familia propietaria, puxeron un anuncio no que vendían a illa por 4 millóns de euros, xunto ao Pazo de Brandariz, valorado en 2,5 millóns. Pouco tempo despois, retirouse o anuncio.

En San Vicente hai restos dunha antiga casa de labranza, e segundo algunhas fontes, como o historiador local Julio Dávila, podería haber vestixios dun mosteiro e outras fortificacións medievais.

Illas Sisargas

Foto: Concello de Malpica.
Foto: Concello de Malpica.

As Sisargas, a menos dun quilómetro do cabo de Santo Hadrián, en Malpica de Bergantiños, son as illas máis relevantes da costa coruñesa, xunto a Sálvora. É un arquipélago conformado pola Sisarga Grande, a Sisarga Chica e a Malante. Acada máis de 90 metros de altitude preto do faro da Sisarga Grande, automatizado desde comezos do século XXI, e que hoxe segue alumeando unha boa parte da Costa Ártabra e a Costa da Morte. É un dos faros máis antigos de Galicia, erixido arredor de 1850, e foi remodelado en 1912. Ademais dos edificios do faro, hai vestixios da actividade humana no pasado, como a ermida de Santa Mariña.

No referente á natureza, acubillan unha importante presenza de aves, algunhas delas moi pouco habituais en Galicia, e tamén destacan algúns endemismos de subespecies de herba de namorar (Armeria maritima), así como da Rumex rupestris (labaza de ribeira).

É posible visitar as Sisargas a través das viaxes organizadas por empresas como Buceo Malpica. A illa de maior tamaño conta cun pequeno embarcadoiro, do que parte un sendeiro que leva ata o faro, pasando pola ermida en ruínas.

Illas Lobeiras

Foto: Pampuco / CC BY-SA 4.0.
Foto: Pampuco / CC BY-SA 4.0.

Se as Sisargas marcan o comezo desde o norte da Costa da Morte, as Lobeiras demarcan este tramo de agreste litoral polo sur. Ao abrigo do cabo Fisterra, na ampla baía limitada polo Finis Terrae e o macizo granítico do Pindo, dúas agrupacións de illotes, Lobeira Grande e Lobeira Chica. A orixe do topónimo non está clara, aínda que se alude á opción de que se deba á gran presenza no pasado de lobos mariños.

No maior está un dos faros máis fascinantes da zona, no que mesmo se barallou recentemente a súa habilitación como restaurante. Hoxe a instalación está automatizada, pero nos primeiros anos despois da súa posta en marcha, en 1909, os operarios vivían na illa durante boa parte do ano. O faro, principal emblema destes illotes, construíuse a comezos do século XX para reducir a gran sinistralidade marítima na zona, por mor dos moitos baixos rochosos que se convertían nunha trampa para os buques. Ten un pequeno embarcadoiro, ao que é posible acceder a través de servizos como o que ofrece o Taximar Robinson da Lobeira.

Illa da Creba

Illa da Creba. Foto: Google Street View.
Illa da Creba. Foto: Google Street View.

Na beira norte da ría de Muros e Noia, moi preto da Punta Uhía, sitúase a illa da Creba. O enclave ten unha relevante historia ás súas costas, xa que se cre que nela houbo unha ermida na que se celebraban importantes romarías para as comunidades da zona. E hai tamén unha boa cantidade de lendas ao seu redor, como a que alude a un refuxio de piratas.

Desde hai bastantes décadas, a illa é obxecto dun continuo debate sobre a súa propiedade. Nela hai un edificio, erixido sobre as ruínas da ermida medieval, e unha finca que pertence a unha familia compostelá, que tamén construíu un embarcadoiro e un dique que acabou sendo paralizado por non ter licenza. Pero a veciñanza da zona reclamou en repetidas ocasións a devolución do enclave.

Sálvora

Vista de Sálvora desde Carreira e Aguiño. Foto: Lmbuga / CC BY-SA 3.0.
Vista de Sálvora desde Carreira e Aguiño. Foto: Lmbuga / CC BY-SA 3.0.

Na boca da ría de Arousa, e como parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Sálvora recibe a quen entra cara un dos esteiros máis importantes da península ibérica. Pertence ao concello de Ribeira, e estivo en mans privadas ata 2007, cando a comprou o Goberno español a través do Ministerio de Medio Ambiente. A súa extensión é dunhas 250 hectáreas. Como forma parte do Parque Nacional, para visitala cómpre tramitar a solicitude necesaria para cumprir cos cupos de visitas, ademais de reservar a viaxe nalgunha das empresas que ofrece transporte ata o lugar.

Foi, ademais, unha das poucas illas galegas, xunto a Arousa, A Toxa, Ons, Sálvora, Cíes ou Toralla, que estivo habitada de forma estable no século XX. Mais a súa historia remóntase moito máis atrás, sendo obxecto de interese desde a Idade Media.

Acolleu instalacións de salgadura, explotacións agrícolas e gandeiras que acabaron xerando asentamentos regulares na aldea da illa, que hoxe aínda é visitable nalgunhas das vivendas restauradas. Un dos episodios máis coñecidos da súa historia é o do naufraxio e heroico rescate do Santa Isabel en 1921.

Cómpre destacar, do mesmo xeito, outros illotes e afloramentos relevantes desde o punto de vista natural e cultural, como os dos castelos de Santo Antón (A Coruña), Santa Cruz (Oleiros), San Pedro (A Coruña), Santa Comba (Ferrol), Sagres, Vionta ou a Rúa (Arousa).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia