No cumio da pandemia: 1.000 casos diarios e os peores datos desde marzo

O aumento da transmisión xa é patente na carga hospitalaria e os falecementos, que superarán nos vindeiros días as cifras da segunda onda de novembro

Cada día que pasa despéxanse as dúbidas: a terceira onda da pandemia da Covid-19 en Galicia superará notablemente nos vindeiros días o impacto da segunda. Por primeira vez, o Sergas informou este xoves de máis de 1.000 casos (1.025) confirmados por PCR na súa actualización diaria, que se pechou ás 18 horas do mércores 13. Pero a serie completa, unha vez revisados os datos diarios, xa expón que desde o día 12 se están a superar as 1.000 infeccións diarias, e a cifra continuará, con moita probabilidade, nos vindeiros días. Son rexistros superiores aos da segunda onda de outubro e novembro e, por tanto supoñen o cumio da pandemia en Galicia. É probable que en marzo e abril (aínda que os datos oficiais rexistraron menos positivos) se superasen as infeccións rexistradas nestes días, pero a evolución é igualmente preocupante cara ás vindeiras semanas.

O aumento da transmisión destácase tamén na positividade, que está superando o 10% nos últimos días, a pesar do importante número de probas realizadas, con cribados masivos nalgunhas localidades e centros residenciais:

Nas áreas da Coruña e Santiago xa se superou claramente o cumio de casos detectados na segunda onda. Pero o aumento está sendo xeral en todas as áreas.

No referente aos casos activos, o rápido incremento dos últimos días leva tamén este indicador moi preto do cumio de novembro. Mais é de agardar que esta cifra se supere nos vindeiros días:

Nos hospitais, a carga asistencial increméntase, do mesmo xeito, a gran velocidade. Se o 31 de decembro había 351 persoas ingresadas por coronavirus en Galicia, o 13 de xaneiro a cifra xa ascendía a 545. Segundo os datos do Ministerio de Sanidad, en Galicia xa medra considerablemente o número de ingresos respecto ao 31 de decembro. Ese día contabilizábanse 208 ingresos nos hospitais e 27 en UCI nos sete días anteriores, mentres que este mércores eran 315 e 50, respectivamente.

Tamén se agarda que o cumio de novembro se supere nos vindeiros días por mor do gran número de casos detectados que, tempo despois, requiren de hospitalización:

Por agora Galicia mantense como unha das comunidades con menor carga asistencial pola Covid-19, pero este indicador tamén está en aumento. Arredor dun 11% das camas de UCI e un 6,23% das unidades de hospitalización están ocupadas por persoas con coronavirus.

En último termo, o aumento das hospitalizacións e as infeccións en colectivos vulnerables, como o das persoas usuarias de residencias de maiores, redundan tamén na cifra de falecementos.

As medidas anunciadas este mércores pola Xunta de Galicia, que levarán ao peche perimetral en 63 concellos, evidencian o agravamento da situación. A incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase xa por riba dos 350 casos/100.000 habitantes. A Coruña é o concello que máis infeccións rexistra, con 942 casos nas últimas dúas semanas, seguida de Vigo (749), Ourense (422), e Santiago de Compostela (416). Porén, en canto a incidencia a situación é especialmente complicada en localidades como Arteixo (258 casos), Viveiro (226), Tui (150), Ribeira (142), Ames (134), Xinzo de Limia (130), Verín (127), Oleiros (116), Narón (114), Culleredo (113), Xove (113), Tomiño (112), Vimianzo (107), ou Vilagarcía de Arousa (101).

Novas restricións: toque de queda ás 22h, peches, hostalería e reunións

Estes son os 60 concellos galegos coa máxima restrición

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.