As vacinas de ARN mensaxeiro (ARNm), que utilizan un enfoque novidoso contra os patóxenos, están a revolucionar a ciencia médica nos últimos anos. Neste método baséanse as dúas vacinas que se aprobaron ata o momento na Unión Europea contra a Covid-19. Mais non só: a través deste tipo de aproximacións fixéronse ensaios clínicos nos últimos anos contra os patóxenos que causan doenzas como a sida, a gripe, a rabia ou o zika, pero tamén se está probando o seu potencial contra o cancro. E precisamente unha das empresas que impulsou a vacina contra a Covid-19, BioNTech, acaba de presentar xunto á Universidade Johanes Gutenberg de Mainz (Alemaña), os resultados dun ensaio en ratos, nos que conseguiron retrasar o inicio e reducir a gravidade da encefalomielite autoinmune (un modelo animal para a esclerose múltiple humana) a través dunha vacina de ARNm.
A esclerose múltiple é unha enfermidade que afecta o sistema nervioso central. Nela, o sistema inmunitario ataca a vaina protectora (mielina) que cobre as fibras nerviosas e causa problemas de comunicación entre o cerebro e o resto do corpo. Co tempo, a patoloxía pode causar a deterioración ou dano permanente dos nervios.
Aínda que algúns tratamentos axudan a acelerar a recuperación dos ataques, cambiar o curso da enfermidade e controlar os síntomas, tamén poden causar unha supresión inmunitaria e numerosos efectos secundarios, como un maior risco de infeccións. Os seus síntomas son moitos e variados, e adoita xurdir a partir dos 20 anos de idade, diminuíndo a calidade de vida de quen a padece.
Nas últimas décadas, os expertos estudaron varios enfoques, incluída a administración de antíxenos autoinmunes mediante o uso de ADN, péptidos sintéticos, proteínas recombinantes, nanopartículas recubertas ou terapias celulares inmunomoduladoras. Con todo, os resultados foron negativos ou pouco concluíntes en seres humanos.
Porén, estes novos resultados preclínicos da vacina mostran que esta restaura a tolerancia do corpo ás súas propias proteínas, suprimindo a característica hiperreactividade inmunitaria que posúe a enfermidade e que é o principal obxectivo das terapias contra as patoloxías autoinmunes. Para os autores, isto supón unha mellora con respecto a outros métodos de tratamento.
Segundo se explica no artigo publicado en Science, esta estratexia consiste nunha nanopartícula lipídica, empaquetada con ARNm modificado e purificado, que codifica os autoantíxenos relacionados coa enfermidade. Normalmente estes son os causantes da resposta autoinmunitaria.
Nos experimentos en roedores, os científicos descubriron que a vacina puido previr a enfermidade sintomática ou, nos ratos coa patoloxía en fase temperá, diminuíu a súa progresión e restaurou as funcións motoras.
Así, reduciuse considerablemente a infiltración de células efectoras proinflamatorias T (Teff) no cerebro e a medula espinal e a desmielinización desta. Estes efectos lográronse mediante o desenvolvemento de células T reguladoras supresoras de enfermidade (Treg) dirixidas contra o antígeno codificado pola vacina de ARNm.
Ademais, o candidato á vacina preclínica non suprimiu as respostas inmunitarias funcionais contra outros antígenos non relacionados coa mielina (por exemplo, os da vacina contra a gripe), co que se soluciona un dos principais problemas deste tipo de tratamento: a indución dunha supresión inmunitaria inespecífica.
Os autores subliñan o potencial dos tratamentos con ARNm para abordar enfermidades autoinmunitarias moi complexas e pouco frecuentes. “A capacidade de producir rapidamente vacinas de ARNm que conteñan o código dos antíxenos propios dun individuo podería supoñer unha vía para crear terapias personalizadas nas patoloxías autoinmunes”, conclúen. No traballo participaron, entre outros, Katalin Karikó, unha das principais artífices da vacina de Pfizer-BioNTech, e Ugur Sahin, director executivo da compañía alemá.
Referencia: A noninflammatory mRNA vaccine for treatment of experimental autoimmune encephalomyelitis (Publicado en Science).