Dúbidas e preguntas sobre as vacinas da Covid-19: a ciencia responde

Investigadores de diversos ámbitos contestan ás preguntas dos lectores sobre o inminente comezo das campañas de inmunización fronte ao coronavirus

África González, Juan Gestal, Carmen Rivas e José Martínez Costas responden as dúbidas sobre as vacinas contra a Covid-19.
África González, Juan Gestal, Carmen Rivas e José Martínez Costas responden as dúbidas sobre as vacinas contra a Covid-19.

As vacinas son, sen dúbidas, unha das ferramentas que máis vidas salvaron na historia recente da humanidade. Doenzas que hai unhas décadas causaban cifras moi elevadas de mortalidade infantil, como o sarampelo, a varíola ou as papeiras, están hoxe practicamente erradicadas grazas á inmunización colectiva da poboación. E en Galicia aínda son visibles as secuelas das últimas vagas da poliomielite, que a mediados do século XX, baixo o eufemismo das parálises infantís, deixou secuelas a nenos e nenas que hoxe aínda poden contalo.

Porén, o planeta afronta, coa pandemia da Covid-19, un escenario novo en moitos aspectos. O impacto social e económico, cos confinamentos da primavera en moitas partes do mundo, as elevadas cifras de hospitalizacións e falecementos, o fenómeno da desinformación e a polarización na sociedade e as eivas na comunicación da crise levaron a que unha parte relevante da poboación teña dúbidas e desconfianza sobre o papel das institucións, a comunidade científica e algunhas empresas e organismos que encabezan a procura dunha solución á pandemia.

O comezo das campañas de inmunización, que chegarán a Galicia e España nas vindeiras semanas, non será, segundo advirten os científicos, o punto e final da pandemia. Será un camiño con varios chanzos, e que levará tempo, ata que a moi mencionada “inmunidade de grupo” nos devolva a unha vida bastante máis parecida á que tiñamos antes de marzo de 2020.

Porén, hai un preocupante problema na base antes de achegarse a ese obxectivo. Enquisas recentes dan conta das dúbidas presentes na sociedade: un 55% das persoas entrevistadas recentemente polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) amosan reservas sobre a vacina, apuntando que “preferirían esperar a coñecer os efectos”, á pregunta de se estarían dispostos a vacinarse inmediatamente, mentres que un 8,4% non estaría disposto a poñela en ningún caso. E un 32,5%, por outra banda, sostén que si estaría disposto a inmunizarse en canto fose posible e sen reservas.

Outra enquisa publicada este 14 de decembro polo Instituto Carlos III apunta na mesma dirección: apenas un 39% da poboación estaría disposta a vacinarse mañá, se estivera dispoñible o antídoto, fronte a un 38% que di que non o faría. Boa parte da xente remisa á vacinación inmediata sostén que agardará a unha segunda ou terceira vacina (52%) ou cre que pode ter riscos para a súa saúde (48%).

Diante destas cifras, a preocupación é evidente, aínda que algunhas fontes advirten de que parte destas dúbidas son lóxicas diante de vacinas que aínda non se comenzaron a administrar nas contornas máis próximas. No medio dos debates sobre a obrigatoriedade das vacinacións, que moitos sectores desaconsellan, que unha parte considerable da cidadanía decida non inmunizarse podería demorar a superación da crise. Co obxectivo de recoller as dúbidas dos lectores, GCiencia compilará durante as vindeiras semanas as preguntas dos lectores e lectoras e ofrecerá as respostas de persoas expertas en viroloxía, microbioloxía, epidemioloxía, inmunoloxía ou saúde pública. Aquí podes consultalas:

Algunhas das vacinas máis avanzadas son efectivas para evitar formas graves da enfermidade, pero non está aínda moi claro se conteñen a transmisión. Que significa isto e que consecuencias pode ter?

Responde África González, catedrática de Inmunoloxía da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía (2016-xuño de 2020) e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo (2009-2019):

– O efecto que se quere conseguir coa vacinación é que unha persoa non enferme, morra ou teña secuelas por un determinado patóxeno. Algunhas vacinas ademais, impiden que o patóxeno poida replicarse no organismo e por tanto, unha persoa vacinada non podería contaxiar. Estas vacinas coñécense como esterilizantes. Estas vacinas esterilizantes adoitan obterse con patóxenos atenuados, pero é máis difícil conseguilo con vacinas que só levan subunidades dos patóxenos.

O estudo de se a vacina pode impedir a transmisión é ademais moito máis complexo, xa que habería que estudar aos millóns de persoas vacinadas case diariamente para ver se se infectan ou non, aínda que estean totalmente asintomáticas. Este tipo de estudos non se adoitan realizar, nin sequera para outras vacinas moi utilizadas como a da gripe.

Por que non é posible que unha vacina insegura ou que xere importantes reaccións adversas chegue a administrarse de forma masiva?

Responde: Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.

– As vacinas teñen que ser seguras para que as axencias reguladoras as autoricen. Son medicamentos para utilizar en persoas sas e por tanto teñen que ser aínda máis seguras ca aqueles que se van empregar nos doentes. As axencias reguladoras son moi esixentes nisto e tamén os propios laboratorios fabricantes. Os resultados publicados ata agora dos ensaios clínicos das vacinas de ARNm de Pfizer e Moderna e da de vector de adenovirus de chimpancé de Oxford-AstraZeneca mostran que son seguras, sen efectos secundarios importantes.

Cando se leva a cabo unha vacinación masiva, e a que se vai levar a cabo de miles de millóns de persoas non se realizou nunca, é posible que poda detectarse algún efecto secundario moi raro que non fose posible detectar co tamaño dos grupos dos ensaios clínicos, é algo inevitable que ten que asumirse. O que si se producirá e a coincidencia entre a vacinación e a aparición de enfermidades que non teñen nada que ver coa vacina, que se ían presentar igual, coa frecuencia que acostuman a facelo na poboación. Isto é o que se mirará para determinar se teñen que ver coa vacina.

Sobre a ‘duración’ da inmunidade: que se sabe ata o momento?

Responde África González:

– No caso dalgunhas persoas que se estudaron, e que se infectaron de forma natural co coronavirus SARS-CoV-2, tras oito meses da infección seguen mantendo inmunidade (tanto humoral como celular).

Outra evidencia é que hai moi poucos casos de reinfección (menos de 30 en máis de 60 millóns de persoas infectadas), o que indicaría que a resposta inmunitaria está a funcionar adecuadamente. Haberá que ver no futuro se se dan máis casos, talvez de persoas que non responderon adecuadamente ao virus, pero parecen por agora casos anecdóticos.

Con respecto á vacina, o estudo máis recente levado a cabo coa vacina de Pfizer e xa publicado, indica que tres meses despois da segunda dose da vacina, as persoas vacinadas teñen unha resposta inmunitaria máis potente que sufrir a infección. Os seus niveis de anticorpos neutralizantes son altos e en ensaios en cultivos (de laboratorio) mostran que impiden que o virus infecte ás células.

Por que se puideron facer tan ‘rápido’ as vacinas?

Responde José A. Navarro Alonso (Asociación Española de Vacinoloxía):

– Dispoñer dunha vacina aprobada non é só un fito científico, senón tamén unha cuestión de diñeiro. Normalmente, as farmacéuticas queren ver como as súas vacinas candidatas pasan satisfactoriamente por cada fase do desenvolvemento antes de solicitar fondos para pasar á seguinte. Estes non soamente son necesarios para cubrir a investigación e os ensaios, senón tamén para que comecen a fabricalas, aínda que se descoñeza se van ser efectivas.

Nese rápido proceso tamén a autoridade regulatoria xoga o seu papel aínda que non mereza moita atención por parte do público. Axudan a acelerar os ensaios e en último lugar, a avaliar canto de efectiva é unha vacina. A este respecto, a FDA dos Estados Unidos xa sinalou que as vacinas, para aprobarse, teñen que como mínimo evitar ou reducir a gravidade da Covid-19 nun 50%.

A velocidade no desenvolvemento dunha vacina tamén pode provocar algún “efecto adverso”, xa que algunhas persoas poden cuestionar se esa velocidade pode garantir a súa seguridade. A pesar de que varias vacinas xa se atopan na fase III, aínda quedan moitos retos por diante. Algunhas vacinas fracasarán, o que é normal no proceso científico, e aínda que se espera que iso non aconteza, a poboación debe aceptalo. Tampouco está claro cando diremos que unha vacina funciona: prevén a infección nalgunhas persoas ou evita a gravidade aínda que sigan contaxiando? Unha que evite o 50% das infeccións suporá un enorme alivio. Aínda así, os expertos manifestan a súa preocupación acerca de que poida haber unha desconexión entre o que espera a poboación -que lles modifique instantaneamente as súas vidas- e o que realmente achegarán.

Hai incerteza sobre as reaccións adversas detectadas nalgúns casos e sobre os posibles efectos a longo prazo, dado que é unha vacina desenvolvida en tempo ‘récord’: Que pasa con isto?

Responde Carmen Rivas Vázquez, científica do CSIC no CiMUS de Santiago e líder do grupo Virus and Cancer:

– As vacinas contra a Covid-19 están sometidas aos mesmos controis que o resto de vacinas, polo que a existencia de persoas que teñan reaccións alérxicas fronte ás mesmas non se debe a que as vacinas se desenvolveran en tempo récord.

Con respecto aos casos de reaccións alérxicas, o primeiro é que non hai aínda unha demostración clara de que estas reaccións garden unha relación directa coa vacina. E en calquera caso, as reaccións alérxicas fronte ás vacinas son bastante raras e adoitan deberse aos aditivos que conteñen as mesmas.

Normalmente os ensaios clínicos (desta, pero tamén doutras vacinas/medicamentos) fanse con xente sa, que non presente historial de reacción fronte a vacinas ou aos ingredientes que conteña a vacina e é case imposible detectar ditas reaccións durante os ensaios clínicos. Existe un risco moi pequeno de ter unha reacción alérxica, o mesmo que corremos cando tomamos algún alimento ou calquera outro medicamento ou vacina. O beneficio da vacinación supera, con moito, o posible risco; sen dúbida.

Supón un risco a nova tecnoloxía de ARN mensaxeiro?

Responden José M. Jiménez Guardeño e Ana María Ortega Prieto (King’s College de Londres) neste artigo de The Conversation.

– Os investigadores explican que, a diferenza das vacinas anteriores, que inxectaban un patóxeno atenuado, os antídotos baseados en ARNm inclúen parte do código xenético do virus, neste caso o SARS-CoV-2. Porén, advirten que isto non supón ningún risco para o noso ADN, xa que o ARN mensaxeiro é unha molécula fráxil, e só fica nas células o tempo suficiente para estimular o sistema inmune e desenvolver defensas contra unha potencial infección do SARS-CoV-2. Nin pode modificar o ADN, nin mesturarse con el, a pesar do que sosteñen algúns bulos que circulan na rede.

Hai tamén dúbidas sobre os ‘excipientes’ que poden levar as vacinas e que poderían estar detrás de reaccións adversas ou efectos secundarios. Como se comproba isto?

Responde José Martínez Costas, investigador do CiQUS da USC que está desenvolvendo unha candidata a vacina contra a Covid-19.

– Calquera cousa que forme parte da composición de calquera medicamento de uso en humanos ten que ser aprobado previamente para iso. Por exemplo, se van usarse adxuvantes na composición dunha vacina, só poden utilizarse aqueles que estean aprobados para o seu uso en humanos. E se se quere introducir algún composto novo, ten que seguir un procedemento regulatorio completo para a súa aprobación antes de poder usarse.

Van ser necesarias as medidas de prevención (máscara, distancia social, ventilación, evitar aglomeracións) unha vez se comece a administrar a vacina? Ata cando durarán, e cando se poderán levantar?

Responde Juan Gestal Otero:

– Si, será necesario mantelas ata que o virus deixe de circular. A medida que se vaia incrementando o número de vacinados o virus terá mais dificultade para circular. Estímase que cun 60-70% de vacinados pode acadarse a inmunidade de grupo. Todo vai depender de cando poidamos contar coa cantidade de vacinas suficiente para cubrir esa porcentaxe de poboación.

Que procedementos se esixen para garantir a seguridade das vacinas?

Responde: José Martínez Costas.

– Se o ensaio preclínico sae ben, antes de facer o ensaio clínico teremos que facer un escalado industrial nalgunha empresa acreditada para producir en condicións GMP (Good Manufacturing Practices; boas prácticas de fabricación, un proceso regulado pola UE e as axencias sanitarias). Con esa empresa teremos que adaptar o noso protocolo de produción e purificación para que se axuste  ás condicións dun medicamento de uso humano. Hai un control absoluto desde a forma de produción ata sobre a presenza de calquera compoñente nos tampóns que se usan para o manexo, purificación e esterilización do preparado vacinal. Non só se controla a natureza da vacina en si, senón calquera compoñente e/ou procedemento ao que se somete.

Vanse necesitar cambios nas vacinas cada tempada?

Responde África González:

– O SARS-CoV-2 muta, pero non moito, xa que ten capacidade para reparar, e as mutacións observadas ata o momento durante todo este ano non indican que poida afectar moito ás vacinas.

Hai un consorcio internacional onde se depositan as secuencias do virus que circula polo mundo, con varios laboratorios traballando niso, e outras institucións que tamén se ofrecen.

Hai secuenciados máis de 70.000 virus e as mutacións atopadas non indican que se necesiten cambiar as vacinas que están agora en fases de aprobación.

É importante facer este seguimento do virus, e detectar tempranamente se fose preciso cambiar a vacina. Unha vez que xa se ten experiencia, as seguintes vacinas serían máis fáciles de realizar. É o que pasa coa vacina da gripe, que se adoita cambiar cada ano incluíndo as cepas que circulan polo mundo (este ano a vacina da gripe contén catro cepas, tetravalente).


* NOTA: Esta información actualizarase periodicamente nas vindeiras semanas a medida que se procesen novas cuestións arredor das vacinas e cheguen novas respostas por parte de investigadores e investigadoras.

Podes enviar a túa consulta a través das redes sociais de GCiencia ou ao enderezo redaccion@gciencia.gal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.