Xoves 25 Abril 2024

Os sinais de repunte da pandemia aumentan a incerteza sobre o Nadal

O comité clínico da Xunta aborda este martes o plan para as reunións familiares e posibles novidades no mapa de restricións

A situación da pandemia da Covid-19 en Galicia en España nos últimos días podería resumirse nunha palabra: incerteza. Aínda non se coñecen plans para o Nadal no caso galego (está previsto que a Xunta os aprobe este martes) despois das recomendacións ditadas polo Ministerio de Sanidad, e estase á espera de datas concretas do comezo das campañas de vacinación; Alberto Núñez Feijóo anunciou esta fin de semana que se empezará na segunda semana de 2021, e este luns o ministro de Sanidad, Salvador Illa, avanzou que as primeiras vacinas de Pfizer-BioNTech estarán en España a partir do 4 de xaneiro. Porén, a inmunización da poboación será un proceso longo e progresivo, e non supón, a curto prazo, atallar de raíz a transmisión do SARS-CoV-2 e o agravamento da Covid-19 nos casos máis graves. E ademais, despois de varias semanas de freo e baixada do cumio da segunda onda, as cifras da pandemia en Galicia e en España dan sinais preocupantes ás portas do Nadal: a incidencia acumulada a 7 e 14 días está repuntando nalgunhas áreas sanitarias e hai que recorrer, de novo, a palabra incerteza sobre o que acontecerá nos vindeiros días, cun notable incremento da mobilidade cara ás festas familiares e encontros sociais do Nadal. Así o constatou este luns na súa comparecencia o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, que falou dunha situación “delicada” cara as datas festivas: “Por moi conscientes que sexamos case todos, haberá algunhas persoas que non o serán, e iso pode ter impacto”, advertiu.

En Galicia, os novos casos confirmados por PCR en cada área sanitaria apuntan cara a este risco, especialmente nas áreas de Santiago (con niveis de mediados de outubro, antes de decretarse as restricións máis duras), e aumentos puntuais en Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Ourense.

Publicidade

En canto ás probas PCR realizadas, algúns dos peneirados impulsados nos últimos días levaron a un aumento na cifra de análises. Por tanto, aínda que os positivos detectados medran, a positividade estase reducindo, situándose na contorna do 5%, no límite superior dos requisitos que marca a OMS para o control da pandemia.

Mais a tendencia é distinta en función da situación e peculiaridades da actividade en cada área sanitaria: por exemplo, nos últimos días, Santiago é unha das zonas que máis casos está rexistrando, pero estase facendo un número moi importante de probas en concellos como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro (cunha incidencia moi elevada), Mazaricos ou a capital galega, polo que a positividade non é tan alta.

Outro dos indicadores que apunta cara a chamada ‘meseta’, é dicir, un estancamento no descenso paulatino de infeccións e ocupación nos hospitais, é o de casos activos, que por primeira vez en tres semanas volve subir en Galicia, pasando dos 5.521 do domingo aos 5.560 do luns, ao detectarse máis novos casos que altas concedidas e falecementos rexistrados. Está por ver, con todo, se a evolución dos vindeiros días amosa unha repunta ou unha tendencia estable.

No caso de Galicia, a incidencia acumulada, segundo os datos de Sanidad, pasa do 79,76 casos/100.000 habitantes a 83,16 nos últimos sete días respecto ao venres, e descende lixeiramente do 167,18 ao 166,99 en 14 días.

Con todo, Galicia mantense como a comunidade con menor ocupación en camas de hospitalización por enfermos de Covid-19 (4,12%) e de UCI (7,18%). Así está sendo a ‘curva’ no conxunto de Galicia respecto á carga asistencial:

Respecto deste posible cambio na tendencia, Fernando Simón apuntou que está por ver, a curto prazo, o impacto da ponte festiva da pasada semana. “Empezarase a observar nos vindeiros días, e probablemente sexa debido á redución das medidas antes da ponte da Constitución”.

Por concellos

No eido municipal, moitos concellos volverán estar pendentes mañá das posibles novidades anunciadas despois da reunión do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia. Alén dos municipios cunha maior incidencia, onde xa rexen peches perimetrais, avaliarase a situación de concellos ata agora sen restricións, como Rodeiro (con 34 casos detectados nos últimos 14 días) ou as comarcas do Xallas e A Barcala, xa que concellos como Santa Comba, Mazaricos ou Negreira superan nas últimas semanas unha incidencia de 450 casos/100.000 habitantes. No Baixo Ulla destacan as incidencias en Padrón, Valga ou Pontecesures.

Tamén se seguirá vixiando a evolución en Sarreaus, coa incidencia máis alta de Galicia (o 4% da poboación do concello foi diagnosticada de coronavirus nos últimos 14 días), Boiro ou As Pontes, municipios de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia superior a 1.000 nas últimas dúas semanas, nos que xa rexe o peche perimetral e o nivel máximo de restricións. Ademais, a evolución negativa en Santiago e Ourense, as únicas cidades nas que non rexe o peche perimetral, podería levar a incrementar o nivel de alerta cara ao Nadal. Así está na actualidade o mapa de restricións, segundo as medidas publicadas pola Xunta de Galicia o pasado venres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soben os niveis de colesterol despois do Nadal?

A combinación de dietas desequilibradas e baixas temperaturas adoita provocar un aumento despois das festas

A cara B de agasallar xoguetes: “O 80% acaban en vertedoiros ou no océano”

A psicóloga irlandesa Michelle Cowley-Cunningham define a publicidade dirixida os nenos durante o Nadal como un "pesadelo ambiental"

Gastos excesivos, comidas familiares… Estes son os consellos para sobrevivir o Nadal

A psiquiatra galega Iria Veiga recomenda repartir as tarefas do fogar e non sobrecargarse con compromisos sociais

Cal será o tempo este Nadal en Galicia?

Aínda que unha fronte provocará unha paréntese este mércores no tempo anticiclónico, agárdase estabilidade atmosférica de cara á fin de semana