Os nanoanticorpos: clave contra as infeccións fúnxicas das crianzas con cancro?

Un equipo de investigadores estudará tratamentos máis efectivos contra os fungos máis perigosos para os pacientes inmunodeprimidos

Un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estudará o uso de nanoanticorpos e células derivadas de macrófagos como inmunoterapia para combater as infeccións por fungos que sofren as crianzas con cancro. Unha parte importante da mortalidade asociada ao cancro infantil non vén derivada dos propios tumores, senón das infeccións fúnxicas que contraen os pequenos ao estar inmunodeprimidos debido aos agresivos tratamentos de quimioterapia e radioterapia. Nalgúns tipos de cancro infantil, como a leucemia (o máis común), calcúlase que o 10% contraen estas infeccións.

“Este proxecto utilizará nanoanticorpos —nanobodies ou pequenos fragmentos de anticorpos producidos en alpacas— e as denominadas células CAR-MA —células CAR derivadas de macrófagos—, que se desenvolverán no laboratorio para que recoñezan o fungo e o ataquen”, explica Eva Gálvez, do Instituto de Carboquímica do CSIC (ICB-CSIC), en Zaragoza, que lidera o proxecto xunto a Maykel Arias, do Instituto de Investigación Sanitaria de Aragón (IIS Aragón).

Publicidade

O proxecto

O proxecto buscará tratamentos máis efectivos contra os fungos aspergillus, cándida, mucorales e fusarium, que causan as infeccións fúnxicas máis habituais. Conta cunha achega de 60.000 euros da Asociación de Pais de Nenos Oncolóxicos de Aragón (Aspanoa) .“Trátase dunha investigación altamente nova porque ata o de agora estas inmunoterapias estanse a utilizar principalmente contra tumores e quérese probar que tamén son válidas para as infeccións fúnxicas”, indica Gálvez.

O proxecto vaise desenvolver durante os dous próximos anos e os experimentos faranse in vitro e tamén in vivo en modelos de verme e rato, co obxectivo de probar a súa eficacia e seguridade para, máis adiante, poder realizar ensaios clínicos en pacientes. “Estes fungos non son perigosos para unha persoa sa, pero no caso de pacientes inmunodeprimidos, como é o caso das crianzas con cancro, poden ser letais”, explica a doutora Gálvez, quen engade que a enfermidade máis común causada por fungos é a asperxilose invasiva, que pode chegar a producir o falecemento de ata o 70% dos nenos con cancro que a contraen.

Publicidade

Un proxecto liderado polo CSIC

“Os métodos actuais para detectar a asperxilose son moi mellorables e o tratamento para combatela non está ideado para crianzas e ten unha alta toxicidade”, explica Gálvez. E engade, “coas novas inmunoterapias, queremos achar un tratamento máis eficaz e con moitos menores efectos secundarios”.

Neste proxecto participan máis dunha decena de investigadores, tanto básicos como clínicos. Coordinados polo Instituto de Carboquímica do CSIC, colaborarán científicos das Unidades de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía dos Hospitais Clínico e Miguel Servet, do Instituto de Investigación Sanitaria Aragón e do BIFI da Universidade de Zaragoza. “Estamos moi contentos e fainos especial ilusión o poder levar a cabo este proxecto co apoio de Aspanoa, que precisamente se dedica a apoiar as crianzas con cancro de Aragón e as súas familias”, conclúe a doutora Eva Gálvez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente