España depositará sementes por primeira vez na “arca de Noé” vexetal

Seleccionáronse máis de 1.000 variedades de trigo, legumes, tomates e millos, que serán conservadas na maior colección de bioseguridade agrícola mundial, no Ártico

Un equipo de investigadores do Centro de Recursos Fitoxenéticos do INIA-CSIC seleccionou máis de 1.000 variedades vexetais da colección nacional que serán depositadas no Banco Mundial de Sementes de Svalbard (Noruega), a remota infraestrutura científica que atesoura a maior colección de seguridade da biodiversidade agrícola global, que salvagarda a base da alimentación mundial. Por primeira vez, esta instalación incorporará variedades procedentes de España, país de gran riqueza en biodiversidade ao ser ponte entre Europa, Iberoamérica e África.

O Banco Mundial de Sementes de Svalbard, unha especie de ‘arca de Noé vexetal’, é unha infraestrutura científica mundial que se atopa nun illa do arquipélago ártico de Svalbard e garda máis dun millón de mostras de sementes de diferentes cultivos de case todos os países do mundo. “Este material, tamén coñecido como recursos fitoxenéticos, constitúe a base de case toda a nosa alimentación”, explica Luís Guasch, director do Centro de Recursos Fitogenéticos do INIA-CSIC.

Publicidade

Cereais e legumes, entre os seleccionados

O equipo de Guasch seleccionou máis de 1.000 variedades vexetais da colección nacional que serán depositadas nesta remota infraestrutura. “As primeiras 1.080 variedades españolas xa están preparadas en conxeladores do INIA-CSIC”, detalla Guasch. “Delas, 300 son cereais de inverno, 114 das cales corresponden a trigos; 510 son leguminosas, das que 189 son xudías; 200 son hortícolas, 81 delas tomates, e 108 variedades de millos”, engade. O período de duración do depósito adoita ser de 10 anos renovables.

O plan de depósito das mostras da colección base do Centro de Recursos Fitoxenéticos iniciouse hai máis de seis anos, seguindo uns protocolos de traballo minuciosos, xa que para que as mostras sexan recentes e se conserven viables durante o maior tempo posible, quizá centos de anos, requírese a súa multiplicación no campo nas condicións adecuadas, sen cruces nin mesturas con outras variedades, mantendo a identidade das variedades.

Publicidade

Un proxecto de ambición internacional

O proxecto está auspiciado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), a organización internacional Global Crop Diversity Trust (CROP Trust), a Fundación Bill e Melinda Gates e o goberno de Noruega, que fixo da instalación un compromiso coa conservación dos recursos fitoxenéticos con vistas a poder facer fronte en caso de necesidade aos desafíos expostos polo cambio climático e outras posibles ameazas globais.

O sistema español de conservación de recursos fitoxenéticos establecido pola Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro, baséase nun sistema de duplicados ou copias de seguridade das coleccións activas ou de intercambio. O Centro de Recursos Fitoxenéticos do INIA-CSIC (CRF) está encargado da conservación a longo prazo das entradas ou variedades en forma de semente. “O seu obxectivo é manter as sementes vivas, polo que se establecen ensaios periódicos que monitoran a súa viabilidade, tanto na colección de seguridade do CRF como no resto de bancos españois e, chegado o caso, procédese á súa multiplicación ou rexeneración no campo”, indica Guasch.

Protección adicional

O envío de parte da colección de sementes á Cúpula de Svalbard non supón unha substitución deste sistema de seguridade, senón que constitúe un mecanismo de protección adicional. “Só unha vez fixo falta recorrer ao banco de Svalvard para solicitar sementes, con ocasión de rexenerar as mostras do banco que existía en Siria, o ICARDA, que foi destruído pola guerra”, lembra Guasch. Máis de 89 depositarios xa enviaron as súas mostras Svalbard, entre eles atópanse os centros internacionais de conservación vinculados á FAO, os grandes países e a gran maioría de estados europeos.

España realizou no momento do establecemento da Cúpula de Svalbard unha achega económica extraordinaria á FAO, a través da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional e para Iberoamérica (MAEC), e esta é a primeira vez que envía sementes. Este acordo liderado polo INIA-CSIC mostra o compromiso de España na conservación da biodiversidade e subliña as accións que se realizan no CRF para mellorar a resiliencia dos sistemas agrícolas e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri