Venres 19 Abril 2024

Atopado un fósil de 500 millóns de anos, parente antigo das estrelas de mar

O estudo, no que participan investigadores do CSIC, permite descubrir unha nova familia de equinodermos cun esqueleto pouco desenvolto

Un estudo liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con participación de científicos de España, Reino Unido e Estados Unidos analizou os restos fósiles dun parente antigo das estrelas e ourizos de mar actuais, que achegou novos coñecementos sobre a evolución temperá dun esqueleto duro. Segundo o artigo publicado na revista Proceedings of the Royal Society B, o fósil de 510 millóns de anos bautizado co nome de Yorkicystis haefneri, a diferenza dos seus parentes modernos, non tiña un esqueleto desenvolto na maior parte do seu corpo, e só os brazos estaban mineralizados.

O feito de ter un corpo parcialmente brando diferénciao do resto de edrioasteroideos, a clase extinta á que pertence. Esta clase caracterízase por ter un corpo en forma de disco con cinco brazos, unha boca central e un esqueleto duro de carbonato cálcico desenvolto en todo o seu corpo. Crese que a ausencia de esqueleto en Yorkicystis representa un caso de perda evolutiva, algo que pode ser difícil de recoñecer no rexistro fósil.

Publicidade

Un descubrimento con importantes implicacións

O autor principal do estudo, Samuel Zamora, investigador do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC) e do Grupo Aragosaurus da Universidade de Zaragoza indica que “se trata dun gran descubrimento con importantes implicacións para entender a historia dos equinodermos, xa que Yorkicystis representa o exemplo máis antigo dun equinodermo que reduciu secundariamente o esqueleto”. E engade que “foi unha sorpresa ver que isto ocorrera tan preto das orixes do grupo, fai máis de 500 millóns de anos”.

“Trátase dun gran descubrimento con importantes implicacións para entender a historia dos equinodermos”

Yorkicystis procede do Cámbrico, período que abarcou desde fai uns 539 a 485 millóns de anos. Este intervalo caracterizouse por unha diversificación moi rápida da vida animal, incluíndo todos os grupos principais da actualidade. O doutor Imran Rahman, coautor do estudo e investigador principal do Natural History Museum de Londres, sinala que “unha innovación clave nesta época foi a evolución dun esqueleto mineralizado duro, que axudou a protexer aos primeiros animais de posibles depredadores. Polo tanto, as razóns polas que Yorkicystis reduciu o seu esqueleto nese momento non están claras, pero pensa que podería ser para axudar a conservar a enerxía para outros procesos metabólicos.

O estudo lanza a hipótese de que os xenes que controlan a formación do esqueleto poderían actuar de maneira independente nas dúas partes principais dos equinodermos: a parte axial e a extra-axial. Esta potente hipótese terá que ser contrastada por xenetistas a partir de organismos actuais e, de confirmarse, cambiaría o entendemento actual que se ten destes organismos.

O achado

O nome do exemplar púxose en honra ao paleontólogo afeccionado Chris Haefner, que descubriu o espécime no patio dunha igrexa de York (Pensilvania) mentres buscaba fósiles máis comúns como os trilobites. Ao recoñecer que o fósil tiña importancia científica compartiu o descubrimento nunha rede social, onde Samuel Zamora viu as fotografías do exemplar. Haefner accedeu amablemente a doar o espécime á ciencia e agora atópase no Natural History Museum de Londres, tras ser estudado en España.

Chris Haefner, presidente do Club de Fósiles e Minerais do Condado de Lancaster expresou a súa satisfacción polo achado: “Cando atopei Yorkicystis, non sabía a súa relevancia, pero sabía que merecía a pena conservalo. O xacemento da igrexa de City View está nun 90% sen descubrir e quen sabe o que aínda se esconde alí”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias