Venres 19 Abril 2024

Sofía Mercedes Haselgruber, a gamer que triunfou no MIR

A futura médica está aproveitando a visibilidade para reducir os estigmas sobre os videoxogos e concienciar sobre as problemáticas do sistema de elección

De ascendencia galega e austríaca, Sofía Mercedes Haselgruber resultou ser a número 1 no exame MIR 2022 tras graduarse na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Despois de descubrir que contaba coa mellor nota de toda España, a súa popularidade comezou a aumentar tanto nas redes sociais, que enxalzaban o seu logro como muller otaku e gamer, así como nos medios de comunicación.

Para ela, esta difusión supuxo un choque bastante importante, tendo en conta os meses previos nos que o estudo era o elemento principal da súa vida. “O exame foi o 29 de xaneiro e os resultados soubémolos o día 22 de febreiro, pero ese mes que tiven libre foi como un domingo constante. Estaba relaxada porque non tiña nada que facer, pero non cheguei a desconectar completamente. Logo saíron as listas e de súpeto ocupouse toda a miña axenda”, comenta.

Publicidade

“Pertenzo a unha xeración na que hai moita xente friki”, di Sofía

Aínda así, todo o camiño supuxo unha aprendizaxe constante para a futura médica: “Eu sempre fun unha persoa moi tímida, nin sequera contestaba ás preguntas dos profesores na clase porque me daba vergoña. E se hai dúas semanas me tivesen dito que ía saír nunha cadea en directo e que o ía facer ben, sen equivocarme, non o crería. Por outra banda tamén estou esperando a que se esgote isto, teño moitas ganas de estar no meu sofá, ver series e sen ter seis ou sete whatsapps de números que non coñezo”.

Nas redes sociais

Tras coñecerse os resultados do MIR e saber quen quedara no primeiro posto do exame, o Twitter de Sofía comezou a encherse de persoas que a felicitaban e que ademais admiraban as súas afeccións.

“Teño o pelo rosa, pero iso non é o importante. Creo que pertenzo a unha xeración na que hai moita xente friki, en todos os sentidos da palabra. Gústame porque parece que os médicos, así como os avogados ou profesións similares, teñen que ter hobbies moi formais e moi selectos. Non ten nada que ver, aínda que na sociedade non estea tan ben visto. E sobre todo, eu non son a única nin a novidade, hai médicos que teñen dez ou vinte anos máis ca min e que xogan a videoxogos”, afirma Sofía.

Aínda que comezou a introducirse nos videoxogos con consolas como a Wii ou a Nintendo, pronto pasou á Play Station e, en canto puido facerse cun que lle permitira xogar ben, ao ordenador. Agora bromea nas súas redes sobre como o League of Legends, un dos seus favoritos xunto con The Leyend of Zelda, a axudou a ser a número 1 do exame. Precisamente co seu exemplo, aproveitando a visibilidade que lle chegou neste momento da súa vida, comeza a romper algúns estigmas que aínda arrodean ás persoas afeccionadas ao mundo gamer ou ás denominadas otakus pola súa afección aos produtos relacionados co manga e o anime:

Bromas aparte, o seu método de estudo era poñerse sete horas ao día, intentando render o mellor posible: “Non hai ningún consello de cara a como estudar. O realmente importante é manterse psicoloxicamente estable. Eu tiven moitos días de pensar que non ía ter un bo resultado ou nos que non chegaba a cumprir os meus obxectivos. Hai que confiar nun mesmo e, cando chegue a noite, durmir e comezar o día seguinte sabendo que é un día novo e que podes superalo. Tamén é fundamental saber que podes acudir a alguén dicíndolle que vai saír todo mal e, ademais de recibir ánimos, que che digan que no caso de que saia mal non pasa nada, que che dea esa tranquilidade”.

Esta tranquilidade foi a que achegou ela mesma á súa comunidade de Twitter, inqueda por saber se a futura médica cumpría outro dos estereotipos asociados ao mundo gamer e aos otakus:

“Eu sempre fun máis de gatos que de cans, pero na adolescencia é certo que ademais tiven esa etapa de mercar absolutamente todo o que tiña forma de gato: carteiras, estoxos, camisetas, etc. Agora simplemente teño amor polo animal”, di entre risas.

O sistema de elección

Outro dos temas nos que Sofía decidiu intervir publicamente aproveitando esta situación de visibilidade é o propio sistema do MIR, que leva de cabeza a moitos dos seus compañeiros sanitarios: “Non estou abríndolle os ollos a ninguén porque a xente que me segue en Twitter son opositores, médicos e estudantes de medicina. O tema da elección de praza é algo que todos coñecen. Aínda así, esta é a miña forma de demostrar que os apoio e que me gustaría que os meus compañeiros puideran ter a mesma sorte ca min, porque realmente eu son a única que vai poder escoller. Hai xente que sabe moito máis ca min e que o leva reivindicando dende moito antes”.

Polo momento, aínda que ten clara a súa especialidade, dermatoloxía, continúa buscando o destino onde realizala. Sabe que, nos próximos catro anos, non lle importaría quedar en Galicia ou marchar fóra, polo que o seguinte paso será informarse a través dos seus compañeiros: “Teño ata abril. Quero preguntarlle á xente que está en dermatoloxía nos distintos hospitais e, unha vez rematado ese proceso de investigación, decidirei. Aínda así, son só catro anos e logo poderei mudar de destino. Foi máis importante cando decidín que carreira ía estudar“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC aposta pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar a simulación industrial

Os investigadores Javier Pernas e Diego Crespo, da Área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI, publican no 'Journal of Simulation' o seu último avance

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

Alerta por un gromo de tiña en salóns de peiteado de toda España

Un equipo de dermatólogos detecta un aumento de casos no coiro cabeludo de adolescentes que cortan o pelo con degradado ou rasurado

Máis dun 30% de rapaces galegos escolle os videoxogos como primeira opción de lecer

Un investigador da UVigo aborda na súa tese os efectos psicosociais do uso deste tipo de entretemento entre os adolescentes