Xoves 28 Marzo 2024

Como era a cultura de hai 40.000 anos descuberta agora na China?

Os achados do xacemento paleolítico de Xiamabei, no nordeste chinés, revelan innovacións e trazos culturais inéditos até o momento nesa zona do mundo

Situado dentro da conca de Nihewan, unha depresión nunha rexión montañosa do nordeste da China a menos de 160 quilómetros de Beijin, Xiamabei é un xacemento arqueolóxico de aproximadamente 40.000 anos de antigüidade. Nel, científicos do Instituto Provincial de Reliquias Culturais e Arqueoloxía de Hebei chinés e o Instituto Max Plank para a Ciencia da Historia Humana de Alemaña veñen de descubrir os restos dunha descoñecida cultura da Idade de Pedra, o que ofrece unha rara visión da vida do Homo sapiens e dos seus parentes humanos desaparecidos que habitaron a rexión.

No lugar rexistráronse os primeiros indicios coñecidos de procesamento de ocre en Asia oriental, así como un conxunto de ferramentas de pedra con forma de coitela que proporcionan datos sobre as industrias de fabricación de ferramentas durante un período de transición vital na historia da nosa especie. Así, as escavacións proporcionan nova información respecto do desenvolvemento cultural que tivo lugar durante a expansión dos humanos modernos polo continente asiático, nun período de hibridación cultural e xenética entre as poboacións.

Publicidade

As primeiras evidencias do uso de ocre

As evidencias de procesamento do ocre en África e, en menor medida, Europa, remóntanse a uns 300.000 anos atrás, sendo en Australia máis tardías e a partir de hai uns 50.000 anos. Fronte a estes achados, e previos á escavación de Xiamabei, os indicios do uso do ocre en Asia anteriores aos 28.000 anos eran, con todo, moi escasos. Esta área de traballo representa así a primeira instancia coñecida de procesamento do ocre no leste de Asia, evidenciando que o uso deste material formou parte do repertorio de comportamento das poboacións rexionais hai 40.000 anos.

Pezas de ocre e ferramentas para o seu procesamento atopadas no xacemento de Xiamabei. Foto: Fa-Gang Wang, Francesco d’Errico
Pezas de ocre e ferramentas para o seu procesamento atopadas no xacemento de Xiamabei. Foto: Fa-Gang Wang, Francesco d’Errico

Entre os artefactos atopados inclúense dúas pezas de ocre con diferentes composicións minerais, así como unha lousa alongada de pedra calcaria con zonas manchadas de pigmento. En conxunto, as evidencias indican que se levaron ao lugar diferentes tipos de ocre e, segundo sinalan as análises realizadas baixo a dirección de Francesco d’Errico, investigador da Universidade de Burdeos e o CNRS, estes procesáronse mediante abrasión e bateo para producir po de diferentes cores e consistencia.

E, aínda que non se pode establecer a finalidade desta actividade —por exemplo, a produción de pintura para colorear obxectos ou decorar corpos, curtido de peles ou uso de ocre como ingrediente nun adhesivo de revestimento—, a cantidade de ocre en po producida foi suficientemente grande para que o material sobrante impregnase permanentemente o sedimento da zona na que se realizaban as tarefas.

Unha industria lítica temperá

No lugar tamén se atoparon ferramentas de pedra cuxa antigüidade implica unha evolución cultural moi temperá non observada anteriomente no norte de China. Porque as pequenas láminas de pedra, coñecidas como microláminas, foron moi utilizadas no nordeste de Asia a finais da era do Pleistoceno (hai entre 2,6 millóns e 11.700 anos). E, concretamente, a tecnoloxía comezou a estenderse por toda a rexión hai uns 29.000 anos, sinalaron os autores no seu informe. Así, e malia que os líticos de Xiambei non son microláminas, estes mostran características similares ás pequenas ferramentas de pedra. Algo que leva os científicos a preguntar se estes obxectos representan a raíz da tecnoloxía posterior.

En base aos patróns de desgaste e residuos persistentes nos líticos con mango atopados no lugar, o equipo determinou que estes artefactos probablemente se usaron para múltiples propósitos, incluíndo a perforación de materiais ou o raspado de pel, así como para cortar material vexetal e materia animal branda. Do mesmo xeito, a lítica sen mango probabelmente tiña varios propósitos, como perforar materiais duros e cortar aqueles máis brandos. A fabricación de ferramentas multiuso con mango demostra un complexo sistema técnico de transformación de materias primas non presente en xacementos máis antigos —ou mesmo algúns de menor antigüidade— existentes na rexión.

Que homínidos eran?

A falta de restos humanos nos achados tamén suscitan outra gran pregunta: que grupo de homínidos foi o que ocupou Xiamabei hai 40.000 anos? Atopáronse fósiles humanos modernos no sitio de Tianyuandong, que se atopa a uns 110 km de distancia, así como nos xacementos máis recentes de Salkhit e a Cova Superior de Zhoukoudian. Unha proximidade nos achados que podería suxerir que os homínidos que procesaban ocre e elaboraban ferramentas que visitaron Xiamabei tamén poderían ser H. sapiens.

Con todo, os autores non poden estar seguros de que os seus parentes —ben os  neandertais, ben os homínidos de Denisova— non estivesen presentes no sitio. Por exemplo, ao ter en conta que os Homo neanderthalensis tamén facían uso do ocre. Deste xeito, a evidencia do procesamento deste pigmento en Xiamabei non ofrecería ningunha pista concluínte sobre os homínidos presentes no lugar.

Un cuestionamento dos modelos actuais

A forma en que xurdiron as principais innovacións culturais en diferentes rexións do mundo segue sen estar clara. Porén, e grazas a estar situado na zona de transición entre a meseta de Mongolia Interior e a chaira do norte da China, o sitio de Xiamabei ofrece agora novas e importantes perspectivas sobre a expansión de H. sapiens ao longo da ruta do norte.

A conca do Nihewan, no nordeste chinés
A conca do Nihewan, no nordeste chinés

O conxunto de trazos descubertos é único para Asia oriental e non se corresponde cos atopados noutros conxuntos de xacementos arqueolóxicos habitados por poboacións arcaicas ou os asociados xeralmente coa expansión de H. sapiens. Estes achados implican que a evolución biolóxica e cultural da nosa especie no continente asiático foi moito máis complexa do que se cría, desafiando o modelo actual de colonización, que sostén que o ser humano se dispersou de forma rápida nun só evento migratorio en toda Eurasia.

Así, o rexistro emerxente do norte da China desafía os paradigmas dominantes ao mostrar que, durante unha xanela de tempo crítica ao redor de hai 40.000 anos, existiu unha ampla variedade de adaptacións culturais. A aparición dunha tecnoloxía lítica variada pero máis sinxela, e a presenza dalgunhas innovacións como o uso do ocre, suxiren que as adaptacións culturais en Xiamabei poden reflectir unha primeira colonización por parte dos humanos modernos. Neste senso, a conca do Nihewan ofrece unha das mellores oportunidades para comprender a evolución e interacción dos grupos sociais humanos no nordés asiático, xa que posúe unha gran cantidade de xacementos arqueolóxicos con antigüidades que oscilan entre 1,7 millóns e 10.000 anos de antigüidade.


ReferenciaInnovative ochre processing and tool use in China 40,000 years ago (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os primeiros europeos cruzaron os Alpes hai máis de 45.000 anos

O 'Homo sapiens' adaptouse ben ao frío, un ambiente moi similar ao da actual estepa rusa, e na súa dieta destacaba a carne de reno, lobo e cabalo

Marcos Martinón, un galego entre guerreiros de terracota: “É incrible, pero non hai dous soldados iguais”

O arqueólogo ourensán investiga dende hai case 20 anos o espectacular mausoleo do primeiro emperador chinés, un xacemento con 2.000 anos de antigüidade

Así é ‘Mycoplasma’, a principal sospeitosa da pneumonía infantil en China

O microbiólogo Raúl Rivas fai un retrato robot da bacteria que probablemente contribuíu a disparar a incidencia de enfermidades respiratorias no xigante asiático

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid