Médicos galegos diagnostican un raro caso de apendicite esquerda

É unha patoloxía pouco frecuente que tan só se dá en 1 de cada 500 nacementos e débese a unha malformación intestinal

O Servizo de Urxencias do Hospital Vithas Vigo diagnosticou un caso de apendicite esquerda, unha “estraña patoloxía” que se dá en un de cada 500 nacementos. É dicir, no 0,2% da poboación. Segundo explican dende o centro sanitario, a realización dun TAC abdominal “foi determinante” para que o doutor Borja Conde Iglesias dera co diagnóstico e evitara unha peritonite, unha doenza máis grave. A paciente foi intervida posteriormente e xa está recuperada.

O apéndice é unha bolsa que sobrasae do colon e que habitualmente se sitúa na parte inferior dereita do abdome. A apendicite, a patoloxía que se produce cando esta bolsa, cuxa función e utilidade se descoñece con exactitude, se infecta, pode desencadear nunha peritonite no caso de que rompa. A peritonite —ou inchazón do tecido que recobre o abdome—, pode chegar a ser mortal en caso de non ser tratada adecuadamente. A dor máis habitual nos pacientes con apendicite comeza ao redor do embigo e desprázase cara á parte inferior dereita do abdome.

Publicidade

Con todo, neste caso, a paciente de 68 anos acudiu ao servizo de Urxencias do hospital cunha dor abdominal na parte esquerda que persistía durante 24 horas. A exploración que lle realizou Conde sinala que non tiña febre e a auscultación cardiopulmonar era normal. O abdome estaba brando, pero doloroso na foxa ilíaca esquerda sen que se apreciasen masas nin agrandamentos e sen signos de irritación peritoneal.

Diagnóstico difícil

Durante a súa estancia en Urxencias, a paciente respondeu ben á buscapina endovenosa (un antiespasmódico abdominal). A analítica reflectiu un recordo de leucocitos normal cunha alta presenza de neutrófilos (o que suxire a existencia dalgún tipo de infección). A radiografía de abdome non achegaba datos de interese.

Publicidade

Os médicos de Urxencias solicitaron un TAC abdominal sospeitando unha posible enfermidade diverticular. Esta proba determinou a presenza dunha anomalía morfolóxica no colon. Conde tamén detectou no lado esquerdo unha estrutura tubular con realce irregular da parede que acaba no fondo do saco cun diámetro de 1,1 centímetro. Este cadro clínico é compatible cunha malrotación ou hiperrotación do cego móbil. Isto fixo pensar que se podería tratar dun estraño caso de apendicite aguda localizada no lado esquerdo.

Un caso cada 500 nacementos

“A paciente tiña o intestino delgado situado ao revés, polo que o apéndice se atopaba no lado esquerdo, e non á dereita”, explica Conde. Unha vez constatado o diagnóstico, a paciente ingresou no Hospital Vithas Vigo a cargo do servizo de Cirurxía Xeral que se encargou de operala para extirparllo. O doutor aclara que “é un cadro moi infrecuente e a súa incidencia estímase en 0,2% na poboación adulta (é dicir, en un de cada 500 nacementos), por tanto, é fácil de diagnosticar erroneamente”.

Esta malformación “asóciase a outros defectos conxénitos” e a súa mortalidade varía entre un 2% e un 4%. É máis frecuente na infancia, aínda que en un de cada catro casos se diagnostica en adultos durante algunha intervención cirúrxica ou na posterior autopsia.

Para o Conde Iglesias esta anécdota “é moi interesante, sobre todo para tela en conta no futuro dado a gravidade que podería resultar un diagnóstico erróneo”. Este médico do Servizo de Urxencias do Hospital resalta a importancia que na resolución adecuada deste caso tiveron as probas de diagnóstico pola imaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos