“Para un neno é máis importante unha boa educación sexual que coñecer a capital de Tanzania”

O presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, Francisco Martelo, avoga por loitar contra a desinformación desde a educación e reivindica a medicina familiar

Hai case 200 primaveras, un 7 de abril de 1827, foi creada en Santiago de Compostela a Real Academia de Medicina de Galicia baixo real decreto de Fernando VII. Dende o seu nacemento, esta institución está formada por varios e distinguidos doutores de diversas ramas da medicina, os académicos numerarios. Dende entón, o principal labor da Academia foi o de traballar en prol da medicina galega, desenvolvendo actividades, informando e formando a cidadanía no campo da saúde.

Francisco Martelo Villar é titular do sillón de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora e sucesor de José Carro Otero como presidente da Real Academia dende outubro de 2021. Martelo exerceu de doutor en diferentes centros de Madrid, Murcia e Reino Unido, e foi xefe de Servicio no Hospital Universitario da Coruña durante 30 anos. O presidente destaca as liñas de traballo da institución e a súa importancia para a sociedade, facendo especial alusión ao fomento da investigación, a educación médica e ao desenvolvemento humanístico do médico.

Publicidade

—Donde reside a importancia da Real Academia de Medicina de Galicia?

—Nestes momentos a Academia é unha institución moi importante para o sector da saúde. Trátase dunha asociación de profesionais de distintas ramas da medicina, que contan cunha traxectoria e experiencia extensa neste ámbito. Desde a institución realizamos diferentes actividades e labores de difusión de información relacionadas coa medicina e a saúde. Actualmente centrámonos en promocionar a ciencia, a investigación, a formación dos médicos, o humanismo da medicina, é dicir, fomentar unha adecuada relación entre médicos e pacientes, así como o ensino da medicina aos cidadáns, de tal maneira que damos conferencias en lugares públicos, como institutos ou asociacións de xubilados, para informar da prevención de enfermidades, como foi a covid. A Academia de Medicina está disposta a axudar a poboación, sempre que poida, en todo o relacionado co ámbito da medicina e a saúde, con total liberdade, sen ataduras institucionais.

Publicidade

—Case 200 anos son moitos anos…

—A Academia fundouse no ano 1831 e, naqueles momentos, era a representación médica máis importante da rexión, xa que correspondía tanto de Galicia como de Asturias. Despois, en 1974, independízase do territorio asturiano e permanece únicamente a Academia de Galicia. Naceu co nome de Real Academia de Medicina e Cirurxía de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que outras nove instaladas en Madrid, Valladolid, Sevilla, Cádiz, Granada, Valencia, Barcelona, Zaragoza e Palma de Mallorca. O seu obxectivo foi o de intentar organizar o exercicio da medicina, pois daquela ocupábase de toda a lexislación local e todas as formas de atención sanitaria da zona. A institución dedicábase a todo tipo de actuacións e actividades relacionadas coa prevención das enfermidades e da saúde, en xeral, así como posibles problemáticas arredor do ámbito sanitario. Con todo, coa aparición, a finais do século XIX, dos colexios de médicos, todo o relacionado coa administración desapareceu da Academia.

—Quen conforma a Real Academia?

—Está formada por académicos numerarios, que adoitan ser persoas de gran relevancia científica e de traxectoria importante na profesión. Normalmente asóciase polas especialidades que desenvolven ou por territorios, de tal maneira que pode haber un pediatra, un neumólogo, un cirurxián xeral… De Ferrol, Lugo, Ourense… Son persoas que traballan en distintas cidades galegas, e que contan cun currículo adecuado. As características imprescindibles, que se teñen que cumprir para chegar a ser académico numerado, son: ser español, residir en Galicia e ser doutor en medicina. A maiores é necesario ter un currículo completo, de publicacións, de asistencia médica… Nestes momentos contamos con 40 os académicos numerarios e máis de 200 correspondentes, que son todos aqueles que non teñen por que ser doutores en medicina nin residir en Galicia. Chámanse así porque no século XIX, cando se funda a Academia, non había a inmediatez da información que hai agora coas novas tecnoloxías, entón, a forma de que a información médica chegase ás demais cidades galegas era a través do correo postal, da correspondencia.

—Cales son os obxectivos que persegue?

—Desde que son presidente o que quero é posicionar a Academia entre os cidadáns, que haxa un compromiso civil coa saúde e o benestar da poboación. A nosa meta principal é dar información á sociedade sobre os problemas actuais: que pasou co coronavirus, que vai pasar coa pandemia… Agora, por exemplo, está a traballarse no crecente número de casos de hepatite nos nenos, que non se sabe cal é a súa orixe. Recollemos información desde o médicos pero tamén a divulgamos cara a eles, para que teñan ferramentas suficientes para exercer ben a súa profesión. Queremos que a poboación saiba que somos unha institución coa que pode contar para manterse informado sobre calquera problema relacionado coa saúde ou calquera patoloxía que poidan ter. Abordamos asuntos moi diversos, dende  enfermidades concretas, oncolóxicas ou cardíacas, ata a prevención de enfermidades ligadas á poboación infantil ou nova, como pode ser o bullying, os trastornos da conducta alimentaria, alteracións que conducen ao suicidio ou as drogas, etcétera. Ademais, tentamos por todos os medios incentivar á investigación médica. Isto é algo non só moi importante para nós, senón para toda a sociedade.

“Queremos proxectar a importancia do médico de familia, que o cidadán acuda e a administración invirta os recursos necesarios”

—Traballan na imaxe e a importancia do médico de familia.

—É unha cousa moi importante na que traballamos. Son presidente desde finais do outubro do ano pasado e ata agora non saíra unha cadeira para ser académico de familia e comunitaria. Isto é un absurdo, pola relevancia que ten a nivel asistencial, á hora de axudar o paciente en directo, coller a súa man e axudarlle en todas as situacións médicas que poidan suceder. O que queremos é proxectar esta rama da medicina, que o cidadán vaia ao médico de familia e que a administración pública invista os recursos económicos necesarios para que a medicina de familia sexa capaz de solucionar, en directo, os problemas que teña a sociedade.

—Unha parte importante do traballo da Academia e trsladar a información médica á cidadanía.

—Principalmente facémolo a través da web oficial da Academia, pero tamén se organizan conferencias, tanto presenciais como por streaming, asístese aos colexios e institutos a dar charlas, ás asociacións de anciáns, de xubilados, incluso na propia sede, entidades e fundacións de todo tipo. Intentamos chegar co noso saber a todos os recunchos da sociedade. No caso de que alguén queira contactar con nós, pode facelo tanto a través da web, dos teléfonos que aparecen nela. A web está activa para que poidamos atender a calquera necesidade médica. Nós o que facemos é contestarlles e buscar os profesionais adecuados, que teñan máis información sobre a duda formulada.

—Como contribúen a impulsar a investigación médica?

—Actualmente, a nosa maior aportación é a organización de tres premios para fomentar a investigación nova en Galicia. O primeiro, destina un total de 10.000 euros ao traballo gañador científico de investigación médica. Outro, é financiado polo programa da Fundación do Hospital Oncolóxico de Galicia, con 6.000 euros para a investigación sobre o cancro. Por último, está o premio financiado pola Previsión Sanitaria Nacional, que son 4.000 euros para un traballo sobre a humanización da relación médico-paciente. Desta forma, creando novas oportunidades e facilitando recursos económicos para o seu desenvolvemento, intentamos que os mozos se dediquen á investigación. É un camiño imprescindible para o futuro da medicina no noso país, que haxa xente válida no estudo médico.

—Considera que a sociedade é consciente da importancia da investigación en Galicia?

—Temos unha traxectoria brillante na investigación galega, o que pasa é que é unha gran descoñecida. Hai centros de investigación en todas as cidades importantes de Galicia que están en relación coa universidade, cos hospitais máis punteiros da comunidade, existen persoas que están a destinar todos os seus esforzos para conseguir logros neste campo, hai publicacións galegas moi destacadas a nivel internacional… Pero non se lle dá a visibilidade que merece. Un dos grandes problemas na investigación de Galicia é que unha gran porcentaxe de xente nova consegue estabilidade económica demasiado tarde, polo que pasan a maior parte da súa vida en empregos precarios. Esto afecta directamente á ciencia e á investigación.

—Para mellorar a situación dende a base, por onde se debería comezar?

—Hai que comezar polos colexios, os nenos son o futuro da medicina e aí está a base. Persoalmente penso que é máis importante que un neno saiba como se pode evadir das drogas ou dos efectos nocivos que ten o abuso do alcol, que poida optar a unha educación sexual adecuada —para evitar posibles enfermidades de transmisión sexual— ou traballar dende moi novos a saúde mental, para que non apareza o suicidio ou o bullying, que saber cal é a capital de Tanzania. Terían que ter unha formación case obrigatoria da saúde e a enfermidades, durante bacharelato. Eu estou seguro de que o método de aprendizaxe que tiven durante o instituto, de aprender tantas cousas á vez e sen tempo, é inadecuado. Posiblemente agora hai que saber menos cousas pero sabelas moi ben, e está claro que unha destas cousas que hai que saber manexar é a saúde. E esta formación, quen a ten que dar? Aí está o debate, porque nestes momentos os profesores nin contan con esa formación específica nin teñen tempo para obter os programas. Deberían, entón, contratar a profesores adecuados para impartir esa disciplina, porque é moi importante para o futuro dos máis novos. Hai que loitar contra a desinformación e isto conséguese con educación de calidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Que é a “epidemia silenciosa” dos riles, a enfermidade que afecta a 4.000 galegos

A alta prevalencia da doenza renal crónica pode atribuírse á poboación envellecida e ao descoñecemento da doenza, que retrasa o diagnóstico

Gumersindo Feijoo: “A dieta atlántica sempre é boa opción para a saúde e o medio ambiente”

O catedrático da USC dará unha conferencia en Lugo sobre a pegada de carbono no sector alimentario