Venres 29 Marzo 2024

María José Alonso: “A vacina non chegará antes dun ano ou ano e medio”

A investigadora da USC, catedrática de Farmacoloxía, abordou no seminario da RAGC as estratexias que se fan desde Galicia para buscar posibles vacinas

A catedrática de Farmacoloxía da USC María José Alonso é unha das científicas que traballa desde Galicia na procura dunha vacina contra o coronavirus SARS-CoV-2. O seu grupo está implicado nun equipo que traballa na avaliación de estudos preclínicos para unha nova vacina capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte o virus. Este equipo está integrado por persoal investigador de IDIBAPS, do National Center for Biotechnology, do Barcelona Supercomputing Center e de IRSICAIXA co financiamento do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya. No encontro organizado pola Real Academia Galega de Ciencias expuxo os principais desafíos aos que se enfronta a comunidade científica.

Esta colaboración propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) do virus. En opinión dos investigadores é unha “alternativa prometedora fronte a vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”. O equipo da USC terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana.

Publicidade

Novas vacinas

As novas vacinas, máis seguras cás iniciais, como as desenvolvidas a partir de proteínas ou ADN/ARN, necesitan de axentes, os chamados adxuvantes, para estimular a inmunidade no organismo. Este é o obxectivo do equipo de Alonso, segundo explicou a científica no seminario: “Facemos nanopartículas que transportan as vacinas e os antíxenos ás células do sistema inmune para que activen a resposta fronte ao virus”. Estas nanopartículas “son doadas de producir, pero tenemos que intentar conseguir una respuesta duradeira”.

Un dos problemas ante os vindeiros meses é a necesidade de afrontar a epidemia aínda sen vacinas: “No noso caso, se constatamos que a vacina funciona, podemos empezar coa fase 1 dos ensaios nun máximo de seis meses”. Neste mesmo punto están os meirandes ensaios que se están a desenvolver no mundo. “Todos están na fase 1, o que quere dicir que aínda queda traballo por diante; a vacina non chegará antes dun ano, ou ano e medio”.

Cronograma da vacina na que traballa a USC.

Un dos obxectivos é conseguir que se poida escalar: “Estamos no punto 1, pero tivemos conversacións con empresas para chegar canto antes ás seguintes fases e asegurar a produción a grande escala, para iso estamos xa a contactar con empresas para producir a vacina se funciona”.

Lembrou Alonso os datos da OMS, que estima que as vacinas “preveñen 2-3 millóns de mortes todos os anos, e se houbera cobertura global poderían salvarse 1,5 millóns de vidas máis”. Alonso tamén traballa no desenvolvemento e screening de novos fármacos. Aquí tamén están grupos do CiMUS liderados por Mabel Loza xunto co de María José Alonso, no eido da formulación. Todos eles etán pendentes de acadar financiamento para varios proxectos a nivel europeo e estatal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social