A pandemia da Covid-19 puxo o foco nas estacións depuradoras de augas residuais, un enorme trama de infraestruturas esencial para o funcionamento das sociedades contemporáneas, pero moitas veces alleo á vida cotiá da cidadanía. A detección da carga viral do SARS-CoV-2 nestes refugallos foi unha liña de traballo moi relevante para anticiparse a repuntas. Mais non é a única forma na que se poden coñecer máis detalles sobre os hábitos da cidadanía dunha determinada zona; desde hai anos, investigadores de todo o mundo están a analizar a presenza de fármacos e drogas de uso recreativo nas augas das depuradoras, co obxecto de coñecer as tendencias neste consumo.
Recentemente coñecéronse os datos do informe do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías (EMCDDA), que analiza as mostras recollidas en cidades europeas, entre outros indicadores, entre as que está Santiago de Compostela, unha das poucas de España que forma parte desta análise. Encargouse desta recollida, como en outras investigacións, un equipo do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da USC, que está á fronte da Rede española de análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos (ESAR-NET). E aínda que a tendencia descrita no informe apunta a un “incremento” da presenza do metabolito da cocaína utilizado para estas análises, a diferenza atopada “non é concluínte nin significativa” para constatar un aumento no consumo, segundo advirte José Benito Quintana, coordinador do equipo da USC que recolleu as mostraxes.
“Fixemos un estudo ad-hoc durante o confinamento e as distintas fases, e os datos que temos ata agora, á espera de finalizar a análise estatística, é que non houbo cambios significativos nin coa cocaína nin co alcol; están máis ou menos ao mesmo nivel”, explica Quintana. O investigador da USC remítese, alén desta mostraxe, aos resultados da enquisa do Observatorio Español das Drogas e Adiccións (OEDA), presentada polo Ministerio de Sanidad no mes de marzo, e que analizou o consumo de drogas durante a pandemia: nesta análise observouse que o consumo de cocaína diminuíu do 1,4% ao 1% nas persoas que responderon á enquisa. E ademais reduciuse o uso doutras drogas, como o alcohol, o tabaco ou o cannabis.
O propio informe do EMCDDA advirte das limitacións dos datos presentados, que “deben, de todas formas, ser considerados como preliminares e precisarán ser revisados cando haxa máis información dispoñible”. Entre outros factores, o organismo europeo apunta ás “disrupcións” causadas pola pandemia na monitorización destas análises e a recollida de datos. “A comparación cos anos anteriores debe interpretarse con cautela”, advirten.
Tendencia crecente en anos anteriores e consumo social
Na análise a nivel europeo, o EMCDDA pon o acento na tendencia crecente do consumo de cocaína en Europa, que á súa vez ten en España un dos países con maiores niveis de consumo desta droga, moitas veces asociada ao uso social e o ocio nocturno. Nunha reportaxe no ano 2019, Quintana xa advertía que “non é certo que en Santiago se consuma máis cocaína ca noutros lugares, como ás veces se di; a presenza de cocaína por habitante e día é alta, pero como noutras zonas de España, do mesmo xeito que en Escandinavia se atopan máis drogas de deseño”, apuntaba. O aumento do metabolito, engadía o investigador da USC, pode deberse a que máis xente consome cocaína, pero tamén é posible, por exemplo, que a droga consumida é máis pura.
Para o novo informe, que analiza as tendencias antes, durante e despois do confinamento, recolléronse mostraxes en cadanseu período. É por iso que o peche súbito do ocio nocturno, a dificultade para acceder aos puntos de venda e a redución dos encontros sociais fixo que “os estimulantes asociados coa economía do ocio nocturno (principalmente MDMA e cocaína) experimentasen, probablemente, a redución máis pronunciada no uso” no primeiro confinamento. Unha enquisa en internet do mesmo organismo expuxo que arredor do 20% dos consumidores destas substancias deixaron de facelo durante este período. En España, este descenso durante a pandemia tamén se constatou no consumo de alcol, na enquisa do Plan Nacional Sobre Drogas, sobre todo no grupo de menores de 25 anos e, en xeral, na prevalencia de borracheiras.
Porén, a continuación da análise si amosou durante o segundo semestre, coincidindo coa reapertura dos locais de ocio no verán e o aumento dos encontros sociais, unha repunta neste consumo. Algo semellante aconteceu co alcol. Porén, este aumento non pode extrapolarse como un incremento en relación á etapa pre-pandémica, segundo advirte o texto e incide José Benito Quintana.
Conclúese, por tanto, que a interrupción do consumo foi temporal durante o confinamento. E deste xeito a dispoñibilidade e consumo da cocaína que amosan os rexistros das augas residuais analizadas apuntan a que a presenza do metabolito “aínda parece ser moi alta segundo os estándares históricos”, na liña da tendencia crecente dos últimos anos.
Augas residuais, unha ferramenta máis de control e prevención
O departamento de Química Analítica da USC é un dos grupos de referencia en España na análise epidemiolóxica das augas residuais dentro de ESAR-NET. Na actualidade tamén coordinan un proxecto do Plan Nacional Sobre Drogas para rastrexar o consumo de substancias de abuso, tanto legais como ilegais, entre 2021 e 2023.
Estas análises complementan o traballo das autoridades sanitarias e dos corpos e forzas de seguridade do Estado para previr o tráfico ilegal de substancias e o consumo excesivo das drogas legais e ilegais, cunhas importantes repercusións na saúde pública.