Venres 26 Abril 2024

A dose única de Janssen, novo pulo para a vacinación en maiores de 50 anos

A Comisión de Saúde Pública destina esta vacina a este grupo de idade, xunto ás de ARNm, e “persoas difíciles de captar para a vacinación” por diversos motivos"

Por riba dos agoiros, as suspensións temporais das vacinas de AstraZeneca e Janssen e o balbordo político sobre a campaña de vacinación, a colaboración entre profesionais sanitarios, funcionarios, traballadores, cidadanía, Goberno español e comunidades autónomas está facendo que se cumpran as previsións de inmunización da poboación. Cos datos deste martes, arredor de 3 de cada 10 habitantes en España (14 millóns) contan polo menos cunha dose da vacina, e un 13,3% (6,3 millóns), coa pauta completa. A chegada de novas doses das catro fórmulas autorizadas seguirá acelerando este ritmo para acadar, cara a finais do verán, o obxectivo de protexer contra as formas graves de Covid-19 e o falecemento a un mínimo do 70% da poboación. Este martes, a Comisión de Saúde Pública acordou unha nova revisión da Estratexia de Vacinación para incorporar a novos colectivos vulnerables e as franxas de idade nas que aínda non se acometeu a campaña.

Ata o momento, o prinicipal avance acadouse no grupo de persoas maiores de 60 anos. Case o 90% en España (preto do 95% en Galicia) ten polo menos unha dose, e arredor do 41% do censo (45% en Galicia) completou a pauta. O seguinte paso centrarase, por tanto, no grupo de persoas de 50 a 59 anos, unha franxa con menor risco que as de maior idade, pero que representa en Galicia o 3% das mortes. Ademais, toda vez que se manteñen sen inmunizar, este rango incrementou nas últimas semanas a proporción de hospitalizacións respecto ao total.

Publicidade

Para isto, e unha vez o Consello Interterritorial de Saúde confirme esta modificación, as persoas de entre 50 e 59 anos recibirán o fármaco de Janssen, dunha única dose, o que acelerará a maior velocidade a cobertura deste colectivo, que tamén pode recibir as fórmulas de ARN mensaxeiro de Pfizer-BioNTech e Moderna. O fármaco de Janssen inxectarase tamén a “persoas difíciles de captar para a vacinación” por diversos motivos, como persoas sen fogar ou en situación irregular, grandes dependentes de difícil accesibilidade, con trastornos profundos do espectro autista ou enfermidade mental severa, traballadores da pesca en altura, poboación en centros de internamento ou e cooperantes que se despracen en misión a países de alto risco e persoas que por razón da súa actividade non se vaian a atopar en España nas datas da segunda dose.

Con todo, a subministración destas doses depende do cumprimento do contrato que contempla a chegada de 5,5 millóns de vacians ata o 30 de xuño. Ata o momento apenas chegaron algo máis de 272.000 doses (unhas 15.000 a Galicia). Segundo El País, nin o Ministerio de Sanidad nin Janssen responderon ás consultas sobre a entrega nas vindeiras semanas.

Sobre o resto de grupos de idade non se achegou, por agora, máis información. O seguinte colectivo en vacinar é o do grupo de 40 a 49 anos, que recibirá, segundo o comentado na Comisión de Saúde Pública, as fórmulas que se consideren segundo a súa dispoñibilidade, a evolución da pandemia e as evidencias científicas dispoñibles.

Non hai novidades, por agora, sobre as persoas menores de idade. Si trascendeu este mércores que a EMA concluirá a finais de maio a avaliación do uso da vacina Comirnaty (Pfizer-BioNTech) para menores de 12 a 15 anos (agora está autorizada para persoas de 16 ou máis anos). Esta vacina é a que centra a estratexia de vacinación na Unión Europea, que acordou nas últimas semanas unha compra de decenas de millóns de doses ao longo de 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios