A chegada das vacinas contra a Covid-19 supuxo a mellor arma contra a pandemia causada polo coronavirus SARS-CoV-2. Á vez, puxo de manifesto a necesidade de dispoñer de ferramentas efectivas e rápidas contra a aparición de novos virus. Isto pode conseguirse mediante a activación, ou adestramento, dun tipo de resposta inmunitaria no noso organismo: o sistema inmunitario innato. Isto é o que se demostrou nun traballo conxunto de numerosas Institucións coordinado polos investigadores Carlos del Fresno, do Instituto de Investigación Sanitaria do Hospital Universitario La Paz (IdiPAZ), Juan García Arriaza e Mariano Esteban do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e David Sancho, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC).
Neste estudo, publicado na revista Frontiers in Immunology, os investigadores españois demostran que unha inmunoterapia composta de bacterias mortas, denominada MV130 e producida pola empresa española Inmunotek S.L. (Alcalá de Henares), protexe contra a infección causada polo coronavirus SARS-CoV-2 en ratos susceptibles ao virus, en experimentos realizados no Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA), do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA-CSIC), en Madrid. Así, a mortalidade dos animais infectados foi significativamente menor cando recibiron a inmunoterapia con MV130 de modo previo á infección. Esta inmunoterapia adestra o sistema inmunitario innato a través da indución de cambios epixenéticos nas células inmunitarias innatas, tal e como se demostrou noutros estudos do grupo do Dr. Sancho.
As vacinas teñen como obxectivo preparar ao sistema inmunitario fronte ao virus que provoca a Covid-19, explican os investigadores. O efecto protector destas vacinas xérase grazas ao que se denomina memoria inmunolóxica. Ata hai moi poucos anos críase que a inmunidade específica (adaptativa) era a única que posuía memoria (capacidade de ‘lembrar’ patóxenos previos –virus, bacterias, entre outros- e desencadear a resposta para defender o organismo), mentres que a inmunidade innata (non específica para un patóxeno concreto) non a tiña. “Hoxe sábese que se pode ‘adestrar’ a inmunidade innata para conseguir unha mellor resposta fronte a infeccións posteriores non relacionadas. Por exemplo, adestrar a inmunidade innata con preparados bacterianos para protexer fronte a infeccións virales, como SARS-CoV-2. Ademais, o adestramento perdura no tempo”, explica David Sancho.
Os investigadores avaliaron se esta inmunoterapia, aplicada de modo previo á administración das vacinas, podería mellorar as respostas inmunitarias xeradas por vacinas contra a Covid-19. Para iso, en experimentos realizados no CNIC, inxectaron en ratos tratados ou non tratados con MV130 dous tipos diferentes de vacinas: unha baseada na vacina do CSIC chamada MVA-CoV2-S (xerada polo grupo dos doutores García Arriaza e Esteban) e outra baseada en proteína S recombinante con adxuvante, que foron administradas por dúas rutas diferentes, cunha inxección intramuscular ou a través da mucosa nasal.
“O resultado obtido revelou que aqueles animais que recibían MV130 de modo previo á vacinación e, por tanto, tiñan o sistema inmunitario innato adestrado mostraban mellores respostas inmunitarias tras a vacinación”, sinala Carlos del Fresno. En concreto, engade, “MV130 aumentaba a activación das células T CD8 citotóxicas, encargadas de eliminar as células infectadas, así como os niveis de anticorpos IgA fronte á proteína S do SARS-CoV-2 nas mucosas”.
Protección fronte a mortalidade
Este traballo demostra, recalca Juan García Arriaza, “que a inmunoterapia con MV130 protexe de maneira directa contra a mortalidade por coronavirus SARS- CoV-2 e, doutra banda, favorece unha inmunidade innata adestrada que axuda a mellorar as respostas inmunitarias xeradas polas vacinas contra a Covid-19”.
“Trátase duns resultados relevantes que indican que, no caso de futuras novas infeccións causadas por patóxenos emerxentes, a inmunoterapia con MV130 podería protexer a grupos particularmente sensibles ao patógeno ata a chegada de vacinas específicas fronte a antíxenos asociados ao patóxeno”, destaca Mariano Esteban.
Así mesmo, comenta o Dr. Sancho, “colaboramos nun ensaio clínico no que se demostrou efectividade de MV130 en protección fronte a infeccións respiratorias recorrentes en nenos, que epidemiológicamente son de etiología vírica”. Este ensaio publicouse en American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine, a revista internacional máis prestixiosa de pneumoloxía e coidados intensivos.
Estes resultados, conclúen os investigadores, demostran que a utilización de MV130 como inmunoterapia permitiría mellorar a eficacia e inmunoxenicidade das vacinas, particularmente en certos segmentos de poboación ou fronte a variantes do patóxeno que poidan reducir a eficacia da vacina, contribuíndo a unha mellor protección da poboación contra a Covid-19.
Referencia: The Bacterial Mucosal Immunotherapy MV130 Protects Against SARS-CoV-2 Infection and Improves COVID-19 Vaccines Immunogenicity (Publicado en Frontiers in Immunology)