Unha breve eclipse parcial de Lúa na mañá deste venres en Galicia

O fenómeno apenas será visible en Europa, pero no territorio galego poderá observarse durante uns minutos antes do amencer

Será case que imperceptible, pero vai estar aí: Galicia é un dos poucos territorios de Europa que este venres poderá presenciar o que, noutras partes do globo, será a eclipse parcial de Lúa máis longa desde o século XV. Durante seis horas, a Terra vaise interpoñer entre o Sol e o seu satélite, o que producirá que a Lúa chegue a ocultarse preto do 99% desde a perspectiva dalgunhas rexións de América, Asia e o Pacífico, aínda que en Europa, ao poñerse polo horizonte a primeira hora da mañá, apenas poderá observarse durante uns minutos.

Así, en Galicia haberá que buscar un lugar libre de obstáculos cara ao oeste, por onde se poñerá a Lúa arredor das 8.30 da mañá. Desde uns minutos antes poderá percibirse un feble escurecemento do satélite, que collerá un ton avermellado, polo que é recomendable observalo con prismáticos.

Publicidade

Con todo, aínda que non sexa visible deste esta parte do planeta, o fenómeno que se producirá este venres non deixa de ser excepcional, xa que non aconteceu desde fai máis de 600 anos e non se producirá de novo ata dentro doutros 600 anos. Isto é porque a eclipse parcial vai estar moi próxima no tempo ao apoxeo, isto é, o punto no que a Lúa se afasta máis da Terra. Canto máis lonxe está, máis lenta é a viaxe da súa órbita e por tanto tarda máis en atravesar a zona de sombra que o noso planeta proxecta nela.

Haberá que agardar apenas uns meses para observar unha eclipse de maior magnitude. Será o 16 de maio de 2022, cando poderemos desfrutar da ocultación do satélite durante máis dunha hora. O fenómeno será total en América e o Atlántico oeste, pero en Europa só chegará a parcial.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como ver dende Galicia a eclipse parcial de lúa desta madrugada?

O fenómeno coincide co satélite na súa fase chea e moi próximo ao perixeo, o cal deixará unha influencia moi notable nas mareas

Eclipse lunar de outono: cando e como vela dende Galicia

O fenómeno ocorrerá o sábado 28 de outubro e deixarase ver dende toda a península. Contemplarase unha parte da Lúa escurecida

O cometa Nishimura, eclipse de Lúa e chuvia de estrelas: a guía astronómica do que resta de ano

Entre os próximos fenómenos atópase a última superlúa de 2023, que acadará o seu esplendor o 29 de setembro

Cando e onde se poderá ver a única eclipse total do século en Galicia?

A última aconteceu en 1912 e puido verse desde O Barco de Valdeorras; a próxima será en 2026 e só será visible na metade norte máis ao leste