O cometa Nishimura, eclipse de Lúa e chuvia de estrelas: a guía astronómica do que resta de ano

Entre os próximos fenómenos atópase a última superlúa de 2023, que acadará o seu esplendor o 29 de setembro

O calendario astronómico de 2023 está cheo de acontecementos. Aínda que pouco resta para despedir o verán, o outono sen dúbida será moi prolífico neste ámbito e, se os ceos o permiten, poderemos ver unha gran cantidade de fenómenos. Aínda que poidamos pensar que as chuvias de estrelas remataron coas Perseidas de agosto, nada máis lexos: agárdannos as Xemínidas de decembro. Pero antes diso e nos vindeiras días, será visible o cometa Nishimura, concretamente o 17 de setembro.

Dende o Observatorio Astronómico María Ramón Aller explican que o cometa Nishimura alcanzará o seu brillo máximo estes días, pero é probable que sexa difícil de ver porque estará moi preto do Sol. A súa luz enmascarao. O corpo celeste foi descuberto o 11 de agosto en Xapón a través dunha cámara dixital. Dende a Terra contemplarase como unha estrela con cola. Cando se aproxime ao Sol, a uns 32 millóns de quilómetros, non volveremos a velo máis. Aínda que poida ser difícil observalo, podemos intentalo cun telescopio, cámaras de fotografía ou binoculares.

Publicidade

A última superlúa do ano: 29 de setembro

A superlúa é un fenómeno descrito por primeira vez polo astrónomo Richar Nolle e ocorre catro veces ao ano. Durante o 2023 tivo lugar o 3 de xullo, 1 de agosto, 31 de agosto e proximamente, o 29 de setembro. Nestes momentos, estamos ante a última Lúa xigante, e non podemos perder ocasión de contemplala. O satélite poderá verse moito máis grande e brillante. Coñécese como a Lúa da colleita, explica a NASA, porque coincide coa tempada na que os antigos poboadores nativos do hemisferio norte recollían os alimentos das súas plantacións.

Unha superlúa alcanza o seu punto máis preto do planeta, o que provoca que sexa un 7% máis grande e un 15% máis brillante.

Eclipse de Lúa parcial: 28 de outubro

Como explica o Instituto Xeográfico Nacional de España na súa axenda astronómica, a eclipse parcial de Lúa será o 28 de outubro e será visible en España. Os astrónomos do observatorio de Santiago apuntan que o mellor momento para vela son entre as 21:30 e as 22:52 horas. Non fai falla ningún aparello para contemplalo, xa que será visible a simple vista e non supón ningún perigo para os ollos. Neste caso, unha parte da Lúa vaise escurecer. Concretamente acadará a súa magnitude ás 22:14 horas.

As Xemínidas: do 4 ao 20 de decembro

Se pensabas que as Perseidas eran a última chuvia de estrelas do ano, sorprenderache saber que en decembro alumearán os ceos as Xemínidas. É un fenómeno que ocorre cada ano e que está provocado polo asteroide Faetón. É a chuvia de estrelas máis forte e dende o observatorio de Santiago sinalan que serán visibles do 4 ao 20 de decembro, acadando o máximo do 14 ao 15. Un dos inconvenientes que nos podemos atopar para velas é o tempo, xa que a poucos días de comezar o inverno, aumenta a probabilidade de que os ceos estean cubertos.

Tanto para contemplar unha chuvia de estrelas ou un cometa, hai que elixir un lugar axeitado, evitando a contaminación lumínica. Canto máis escura sexa a nosa ubicación, mellor. O recomendable é tombarse no chan para adquirir a imaxe máis ampla posible do ceo. Antes de iniciar a observación, débese acomodar a vista á escuridade como mínimo 15 minutos antes. No caso de que esteamos durante un longo tempo contemplando o ceo, é conveniente recolonarnos, xa que o ceo xira. Segundo apuntan os expertos, a mellor maneira é situándonos a máxima altura sobre o horizonte. E a continuación, desfrutar das vistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como ver dende Galicia o novo cometa que cruzará o ceo esta semana

O corpo celeste ATLAS C/2024 S1 será visible ata o día 21 de xaneiro á altura da constelación de Capricornio

Eclipses de lúa, de sol e chuvias de estrelas: os eventos astronómicos de 2025 en Galicia

O ano arrincou cunha aurora boreal e continuará co escurecemento total da lúa en marzo que se poderá observar a simple vista

Chega o pico das Xemínidas: onde e como ver a maior chuvia de estrelas en Galicia

O fenómeno astronómico terá o seu punto álxido de actividade durante esta fin de semana, cun máximo de 150 meteoros por hora

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro