Maior risco de enfermar por Covid-19 canta máis contaminación hai no aire

Un estudo en Cataluña analiza a asociación entre anticorpos antivirais, os síntomas do coronavirus e a exposición prolongada á contaminación atmosférica

A redución da polución atmosférica traduciríase en numerosos beneficios para a saúde. Entre eles, aquel que repercutiría nas persoas infectadas pola Covid-19, nas que unha exposición prolongada á contaminación do aire vén de relacionarse cun maior risco de enfermar por coronavirus. Esta é a conclusión tirada por un estudo coliderado polo Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal) e o Institut d’Investigació Germans Trias i Pujol (IGTP) de Badalona.

Tendo en conta información sobre a exposición residencial a contaminantes atmosféricos como o NO2, PM2,5, a feluxe ou o ozono, os investigadores mediron unha serie de anticorpos antivirais nunha cohorte de individuos residentes en Cataluña (COVICAT). “Este é o primeiro estudo que realiza un cribado masivo de anticorpos antiSARS-CoV-2 nunha cohorte de persoas adultas para examinar a relación entre a súa exposición prolongada á contaminación do aire antes da pandemia, a infección por SARS-CoV-2 e a enfermidade”, comenta Cathryn Tonne, coautora do artigo xunto con Carlota Dobaño.

Publicidade

Investigacións anteriores indicaban como aquelas rexións que, de forma previa á pandemia, contaban cos maiores niveis de contaminación atmosférica padeceran unha maior incidencia de casos e mortes pola Covid-19. Con todo, a explicación a dita asociación aínda non estaba clara; podería ser que a polución aumente a transmisión viral por vía aérea, ou ben que aumente a susceptibilidade dunha persoa para infectarse.

Como explica Manolis Kogevinas, científico de ISGlobal e primeiro autor do traballo, “o problema é que os estudos previos baseáronse en casos confirmados, que foron diagnosticados, pero pasaron por alto todos os casos asintomáticos ou que non se diagnosticaron”.

Publicidade

A contaminación e a gravidade da Covid-19

O traballo contou cun total de 9.605 participantes, entre os que había 481 casos confirmados (5%). Amais, tomáronse mostras de sangue a pouco máis de 4.000 participantes para determinar a presenza e cantidade de anticorpos IgM, IgA e IgG fronte a cinco antíxenos virais. O 18 % destes presentaba anticorpos fronte ao virus, se ben non se atopou asociación entre infección e exposición a contaminantes.

Na poboación total e, especialmente, nos casos graves que remataron no hospital ou en coidados intensivos, observouse unha relación entre a maior exposición a NO2 ou PM2,5 e os síntomas da enfermidade. A asociación co PM2,5 foi máis forte entre os homes maiores de 60 anos e as persoas que vivían en zonas desfavorecidas.

As enfermidades respiratorias e a contaminación

A polución ambiental tamén podería estar favorecendo certas condicións crónicas, como as cardiovasculares ou respiratorias, que aumentan o risco de enfermar gravemente por Covid-19.

“O noso estudo proporciona a evidencia máis contundente ata o de agora sobre a asociación entre contaminación do aire e Covid-19”, comenta Kogevinas. “Os resultados van en liña coa asociación entre contaminación e hospitalización que se describiu para outras infeccións respiratorias como gripe ou pneumonía”.

Amais, como engade Rafael de Cid, do IGTP, “a combinación dos riscos xenéticos individuais que identificamos previamente nos participantes de COVICAT e estes novos datos sobre o impacto ambiental causado pola exposición á contaminación do aire contribuirán a comprender a complexa interacción e os mecanismos que subxacen á gravidade da Covid-19”.

Os autores do estudo subliñan que os resultados acadados proporcionan un argumento adicional respecto dos beneficios que, para a saúde pública, tería a redución dos niveis de polución atmosférica, pondo tamén en evidencia o impacto dos factores ambientais sobre as enfermidades infecciosas.


ReferenciaAmbient air pollution in relation to SARS-CoV-2 infection, antibody response, and COVID-19 disease: a cohort study in Catalonia, Spain (COVICAT study) (Publicado en Environmental Health Perspectives)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

Galicia é a comunidade con maior taxa de mortes por enfermidades respiratorias

Un estudo do INE informa de que 163,1 habitantes galegos de cada 100.000 faleceron por este tipo de patoloxías, un 13% máis que en 2024