Martes 8 Outubro 2024

Inmunizados, pero máis illados: dereitos vulnerados nas residencias de maiores?

Expertos en xeriatría e asociacións de usuarios e familiares reclaman que se levanten as restricións vixentes nestes centros

O 27 de decembro de 2020 vai ser un día que probablemente acabe pasando aos libros de historia. Na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, Nieves Cabo foi a primeira persoa en Galicia en recibir unha dose da vacina contra a Covid-19, menos dun ano despois de que a China alertase dunha pneumonía de orixe descoñecida na cidade de Wuhan. En pouco máis dun mes, de acordo aos tempos marcados pola pauta vacinal, a meirande parte do persoal e residentes nos centros de persoas maiores e con discapacidade quedaron inmunizadas contra os graves efectos do coronavirus SARS-CoV-2.

Lamentablemente, a vacinación non chegou a tempo para frear a terceira onda, a peor da pandemia en Galicia, e os brotes en varias residencias causaron a morte de decenas de persoas, como acontecera na primavera de 2020. Porén, unha vez pasada a tormenta, os datos xa constatan que os casos graves desapareceron practicamente nestes espazos, nas que só se produciron tres óbitos de persoas diagnosticadas de Covid-19 desde finais de febreiro. Con todo, e mentres o resto da sociedade dá pasos cara a unha certa ‘normalidade’, máis de 20000 usuarios e usuarias e as súas familias aínda ven limitadas as visitas, as saídas dos centros e, por tanto, parte dos seus dereitos. E tal e como veñen denunciando desde hai tempo diversos axentes sociais, estas limitacións repercuten negativamente na saúde e no benestar físico e mental destas persoas.

Publicidade

Como está a situación en Galicia?

Despois da terceira onda e a consecuente desescalada, a mediados de febreiro, o comité clínico propuxo, e as consellerías de Sanidade e Política Social dispuxeron, que 10 días despois de que se completase a inmunización coa segunda dose da vacina, as persoas usuarias poderían realizar “dúas saídas semanais, cunha duración máxima de dúas horas cada unha“, nas que poden compartir espazos, sempre dentro das limitacións vixentes, co seu núcleo cercano.

Ademais, nas mesmas condicións (10 días despois da segunda dose), un ou dous familiares ou persoas próximas de referencia (sempre as mesmas) poderían facer tres visitas de ata unha hora, na que tamén é posible pasear pola contorna dos centros.

Publicidade

As saídas están limitadas a dous días a semana, un total de 4 horas, e as visitas, a tres semanais dunha hora cada unha

Alén disto, nos centros de discapacidade reanudáronse, despois dunha resolución publicada o 15 de febreiro, as saídas dos usuarios e usuarias nas fins de semana.

No caso das persoas cun importante deterioro cognitivo que non sexan quen de comunicarse a través de chamadas telefónicas ou videoconferencia, o protocolo establecido pola Xunta en novembro de 2020, coas medidas de protección adecuadas, as visitas dun familiar durante 30-60 minutos ao día. Con todo, segundo denuncian diversas entidades, esta medida non se está levando a cabo na maioría dos centros.

Limitación de dereitos

As entidades científicas vinculadas á xeriatría e os colectivos de usuarios e familiares de residentes veñen denunciando de forma reiterada desde o comezo da pandemia a situación de vulnerabilidade de boa parte da rede destas instalacións en Galicia e España. Os 30000 falecementos en todo o territorio estatal, preto de 800 en Galicia, puxeron de manifesto a falta de preparación e resposta fronte a transmisión do SARS-CoV-2.

Porén, na actualidade, a inmunización de máis do 95% dos usuarios e traballadores (só queda pendente a vacinación das novas incorporacións), sitúa agora a estas persoas cunha protección fronte á pandemia aínda non acadada no resto da sociedade, na que a pauta completa só se administrou a arredor do 7% da poboación. Así, despois de que negativizasen os afectados, case todos asintomáticos, nas residencias de Xinzo e Silleda, non hai casos activos entre os usuarios nestes centros, e só se rexistra un positivo activo dun traballador dunha residencia de Oleiros.

“Non é de xustiza que se manteña esta situación; é unha posición idadista, de discriminación por cuestión de idade ás persoas maiores, e parece que boa parte da sociedade participa desta discriminación, porque é un asunto do que apenas se fala”, denuncia Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Para Vázquez hai, deste xeito, unha “limitación de dereitos fundamentais que non ten sustento”.

Por iso, desde hai semanas veñen reclamando un maior relaxamento nas restricións cara aos residentes.

Desde as entidades que representan aos residentes advírtese tamén das “reiteradas vulneracións de dereitos”, segundo Paulino Campos, presidente da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE). Segundo a información recollida por familiares de distintos centros galegos, a normativa marcada pola Xunta nesta terceira desescalada “non se cumpre en bastantes casos”, expón Campos.

A este illamento súmanse, segundo o presidente de REDE, as deficientes condicións nas que, segundo constataron, residen parte dos 22000 usuarios usuarios destes centros en Galicia. Nas últimas semanas, a entidade denunciou neglixencias en residencias do grupo DomusVi, expoñendo casos como as graves úlceras sufridas por unha usuaria e limitacións de mobilidade e sedacións noutras persoas, que repercutiron notablemente na súa saúde.

Esta situación, segundo Campos, derívase da escaseza de recursos destinados a estes centros, que en Galicia pertencen na súa meirande parte a empresas privadas. “Precisamos psicólogos, fisioterapeutas, médicos… e non se están contratando, nin mellorando as condicións dos que traballan nelas, porque para estas empresas o principal é o beneficio económico, non o coidado das persoas”, denuncia.

Deterioro cognitivo e físico e “idadismo”

A pasada semana, nunha entrevista co departamento de comunicación do CSIC, o demógrafo Diego Ramiro, director do Instituto de Economía, Geografía y Demografía (IEGD) pertencente ao citado organismo de investigación, advertía de que “ademais da alta mortalidade”, a pandemia está a afectar ás persoas maiores e, nomeradamente, ás usuarias de residencias, “desde un punto de vista anímico e mental”. Explicaba Ramiro que “senten que son unha población de alto risco de morte e estiveron illados durante moito tempo sen contacto con outras persoas, o que acelera o deterioro cognitivo”. E destacaba, do mesmo xeito, o impacto físico polas limitacións para realizar paseos ou estar ao aire libre.

As palabras do experto do CSIC súmanse a outras achegas de científicos e médicos especializados en xerontoloxía e xeriatría, que denunciaron reiteradamente desde o comezo da pandemia as accións “máis ou menos institucionalizadas” que transpiraban actitudes idadistas, amosando discriminación ou falta de atención aos problemas que afectan ás persoas de maior idade. Estas accións “deixaban ver a facilidade coa que certos grupos de poboación son deixados de lado, postergando as súas necesidades inmediatas e o seu benestar“, advertían os investigadores do Centro de Ciencias Humanas y Sociales (CCHS-CSIC) Carmen Pérez de Arenaza e Vicente Rodrigo nun artigo para The Conversation.

Outras investigacións que analizaron os enfoques establecidos polos medios de comunicación destacaban como os titulares “representaban de maneira desfavorable aos maiores, presentándoos como un grupo homoxéneo e asociándoos a falecementos, deficiencias na atención residencial ou vulnerabilidade extrema”, mesmo incluíndo “termos potencialmente pexorativos ou impropios”. Concluíase, deste xeito, que estas definicións contribuían a “reforzar unha narrativa idadista, baseada na fraxilidade, o declive e a dependencia, que poida xustificar prácticas discriminatorias dirixidas a este sector da poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha exposición honra o Matemático Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias

Galicia enteira activa a alerta laranxa ante chegada do exfuracán Kirk: como afectará?

A potente borrasca atravesará a comunidade activando avisos nas catro provincias; agárdanse importantes acumulacións de auga e fortes temporais no litoral con olas de ata sete metros

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco