Gripe, catarro, covid… Decembro é unha época propicia para o aumento da incidencia das enfermidades respiratorias. A tendencia crecente, favorecida polo frío, diminúe a capacidade de defensa dos epitelios do aparato respiratorio, xa que na época do Nadal a poboación pasa máis tempo en compañía e en interiores con menor ventilación. O epidemiólogo da USC Juan Gestal apunta que “a gripe está comezando a crecer cunha elevada pendente e será a protagonista das vindeiras semanas”. A covid-19, en cambio, amosa unha evolución en “dentes de serra” cunha “tendencia estable”.
Os últimos datos dispoñibles son do 11 ao 17 de decembro e apuntan a un crecemento do virus respiratorio sincitial (VRS) que, segundo Gestal, semella “atoparse no seu pico, cunha incidencia inferior á das tempadas anteriores”. Non hai datos actualizados por parte do Sergas sobre as hospitalizacións por gripe ou covid, a última comunicación é do 22 de setembro, cando había 432 persoas hospitalizadas por gripe en Galicia e 138 por covid. A microbióloga do Hospital Universitario da Coruña e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), María del Mar Tomás, sostén que “a gripe se adiantou a outros anos e podería ser polas taxas de vacinación, os máis pequenos non se vacinaron e por iso hai unha expansión da gripe A que está estendéndose, así como da covid”.
Desta maneira, “a vacina da covid protexe mellor fronte ás variantes actuais”, neste caso, pirola, que presenta a mesma sintomatoloxía que as variantes previas. “É moi probable que sexa necesario vacinarse porque presenta escape á inmunidade previa. Evitaría o risco dunha enfermidade grave e protexeríanos mellor das novas variantes que circulan por Europa e EE.UU.”, apunta a portavoz da SEIMC. O número de ingresados por gripe é moito maior que o da covid pola agresividade da cepa que circula e a eficacia das vacinas. “A vacina da covid ten máis eficacia que a vacina da gripe”.
O SARS-CoV-2 é un virus endérmico e é responsable de cadros catarrais, apunta o epidemiólogo Juan Gestal. As liñaxes e subliñaxes circulantes son, na súa maioría, descendentes do XBB.1.5, que se está a utilizar na vacina que se subministra na actualidade. Está infectando máis aos nenos, xa que non están vacinados, e causa tamén o ingreso de maiores de 80 anos. “Neste momento e nas semanas próximas imos ver un incremento dos casos de gripe e tamén dos ingresos por gripe nos hospitais, propios destas épocas do ano, virus fronte aos que somos máis susceptibles que aos da covid-19, cos que convivimos moito estes últimos anos”.
María del Mar Tomás, pola súa banda, considera que esta semana e a que vén son as de maior incidencia por gripe. “Despois pode aparecer gripe B e a covid-19 podería subir”, sostén. O VRS, que afecta con bronquiolite aos nenos máis pequenos, “debe estar diminuíndo”, explica Gestal, mais aínda deixará de ser un problema dentro dunhas semanas.
“Temos que recuperar as máscaras”
O Ministerio de Sanidade anunciou este semana sete medidas efectivas para evitar contaxios: cubrir o nariz e a boca ao tusir ou esbirrar; utilizar panos da man para conter as pingas respiratorias; lavar as mans con asiduidade con auga e xabón ou cun xel de alcol; usar máscara no caso de ter síntomas respiratorios; seguir as recomendacións de vacinación fronte a microorganismos respiratorios; e evitar acudir ao traballo con síntomas de enfermidade”.
A portavoz do SEIMC, María del Mar Tomás, apunta que “se estivemos en contacto con persoas con síntomas e infectadas debemos poñer a máscara e evitar o contacto social” ou incluso “se imos a sitios con aglomeracións e queremos evitar a transmisión do virus con máscara”. Juan Gestal traslada que é importante ventilar os locais, pero é algo que “non se está facendo ben por mor do frío”. “As precaucións importantes deben tomarse arredor das persoas fráxiles pola súa idade ou que padezan inmunodepresión, protexéndoas das persoas que poidan estar infectadas con procesos respiratorios”.